“Castelao: raíces, árbore e froitos”

Entrevista de Xesús Fraga a Miguel Anxo Seixas Seoane en La Voz de Galicia:
“«Castelao é máis evocado que visitado». A frase de Miguel Anxo Seixas Seoane (Arzúa, 1970), quen vén de poñerlle o ramo a sete anos de intenso traballo académico sobre o intelectual -nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado en Bos Aires o 7 do mesmo mes en 1950-, resume a necesidade de afondar nunha figura tan influínte como complexa. Próbao o feito de que a tese de doutoramento de Seixas –Castelao. Biografía dun construtor da nación, dirixida por Lourenzo Fernández Prieto e cualificada con sobresaliente cum laude– sexa das poucas sobre o escritor, artista e político. E coa novidade de achegarse á súa vida dende unha visión holística.
Hai factores externos e internos que contextualizan esas achegas parciais a Castelao en detrimento dunha máis global. Primeiro, o franquismo fixo todo o posible por desfigurar a súa memoria a partir de 1936; dous feitos son sintomáticos disto: cando morreu en 1950 a información oficial foi cativa e centrada na súa faceta como artista e cando Galaxia publica en 1953 Os vellos non deben de namorarse aínda tardará varios anos en esgotar os douscentos exemplares da primeira edición. Xa que logo, cando morre o ditador en 1975, «é un descoñecido para as novas xeracións», di Seixas. E segundo, o seu labor múltiple facilita a fragmentación: «É coma un acio de uvas, cada un colle a que quere, ou un hotel, onde sempre hai un cuarto que che gusta máis», explica o historiador. «Un colle o debuxante, outro o escritor, outro o político…».
O propósito de Seixas era pescudar nun Castelao de «raíces, árbore e froitos», no que o home, a árbore, «unha figura exemplar», tamén contribuíse ao entendemento da «obra excepcional». Así, deste perfil de conxunto pódense extraer conexións na obra, como a que enlaza o debuxo dunha rapaza nova cun home rico e que semella anticipar Os vellos non deben de namorarse. Ou sintetizar o pensamento político de Castelao en catro termos: «Republicano, federalista, demócrata e nacionalista solidario». (…)”