“Que actitude teñen os non galeguistas coa literatura en galego?”, artigo de Manuel Veiga

Artigo de Manuel Veiga en BiosBardia:
“Centrémonos, por fin, nos demais, nos que mercan un libro en galego, con maior ou menor frecuencia, e só porque lles interesa. Entre os autores que nos últimos vinte anos saltaron esa fronteira e foron máis alá do público “natural” ou “protector do galego”, encóntranse, por suposto, Manuel Rivas e Suso de Toro. Ambos, sobre todo o primeiro, grazas á súa presenza simultánea como xornalistas ou comentaristas, en medios de comunicación non galegos.
É dicir, é o salto desa fronteira real do castelán, mediante a tradución ou a presenza persoal exterior, a que axuda a superar tamén esa fronteira mental interior que frea o acceso de moitos galegos á literatura en galego. “Se os de fóra o valoran, debe ser bo”, veñen dicir, mostrando así unha suspicacia previa a respecto da literatura en galego, pode que algo de complexo de inferioridade propio, e tamén unha razón obxectiva: as traducións son un baremo válido para testar a calidade de todas as literaturas. Notemos tamén que a primeira causa, a da suspicacia, alude á falta de credibilidade dos publicistas que actúan a prol da literatura en galego e que, na súa opinión, a sobrevaloran, o cal, nalgunha medida, é certo, pois niso consiste a protección ou discriminación positiva, como se diría noutros ámbitos.
Hai un segundo grupo de persoas que acoden espontaneamente a mercar libros en galego cando falan da súa cidade, pero sobre todo cando están escritos de forma áxil e se adscriben ao xénero detectivesco, de moda e líder en vendas en todos os países da nosa contorna. Refírome aos libros de Domingos Villar e Pedro Feixoo, entre outros. É un fenómeno máis recente que mostra o atinado de certas estratexias de venda. “Fagamos libros amenos e de xénero popular para ampliar o público do galego”. Ese é o desideratum neste caso, tanto dos editores como dos propios autores que actúan en plena sintonía e, na medida dos seus recursos, con estratexias de mercado. É esta a parte na que o noso sistema literario se parece máis a un sistema normalizado.
Por último, hai outro tipo de público, o chamado público literario, competente á hora de valorar as obras de máis calidade e que escolle preferentemente obras da literatura universal traducidas ao castelán. Este público, aínda sen opoñerse á lectura en galego, non acode a ela por unha razón de prestixio. Tende a ignorar os autores internacionais traducidos ao galego –impedindo o crecemento dun mercado que si existe, por exemplo, en Cataluña– e ignora tamén os libros escritos en galego que gozan de ambición literaria.
O problema con este grupo deriva de que os mediadores culturais, editores, críticos e publicistas en xeral da literatura galega, veñen centrándose, nos últimos anos, e case en exclusiva, no colectivo anterior, na narrativa de xénero en galego, por chamarlle así, esquecendo que, ademais de vendas inmediatas, a orixinalidade e o prestixio son condicións imprescindíbeis para a subsistencia dunha literatura e polo tanto tamén unha fonte de recursos a medio e longo prazo. Algo que saben moi ben os editores que obteñen unha parte, ás veces importante, das vendas dos seus fondos de clásicos.”