Talía estrea O servidor de dous amos de Goldoni

Desde Erregueté:
“O Teatro Principal de Santiago acolle o mércores 14 de febreiro, ás 20:30 h., a estrea de O servidor de dous amos, de Talía Teatro, cunha serie de catro representacións que se estenderán ata o sábado 17. O espectáculo é ademais a primeira estrea da temporada dentro da carteleira da Rede Galega de Teatros e Auditorios en Compostela.
O servidor de dous amos é unha reinvención da obra de Carlo Goldoni, autor clásico da Commedia dell’Arte. Igual que daquela a sociedade italiana era retratada de forma cómica e irreverente, a versión de Talía Teatro propón un “xoguete escénico” onde os contratos matrimoniais son substituídos por contratos de construción, onde nobres e mandatarios son remprazados por empresarios e políticos, onde a vida mesma da nosa sociedade é retratada con irreverencia e descaro.
Con esta peza, a compañía pretende “intentar respectar o verdadeiro espírito da Commedia dell’Arte, do teatro renacentista italiano: a procura da innovación polo uso de todas as novidades escénicas posibles, a persecución do espectáculo total, unha obra que sexa capaz de deixar abraiado a todo o público presente”.
O ritmo, a comedia e o humor da peza orixinal son respectados, pero procúrase incorporar tamén novas formas de teatralidade nesta adaptación de Diego Rey que el mesmo dirixe. O elenco confórmano Xurxo Barcala, Toño Casais, Marta Lado, María Ordóñez, Diego Rey, Marta Ríos, Artur Trillo e Dani Trillo.”