“A exploración lírica do desexo”

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“No espazo que debuxa o triángulo entre desexo, amor e sexo sucede Home invisíbel. O último libro de Xavier Queipo (Santiago de Compostela, 1957) é unha investigación singular na lírica amorosa, décimo segundo premio Illas Sisargas de poesía erótica. “Foi tigre salvaxe. / Agora é tigre invisíbel, / sen riscas e sen poutas, / sen mensaxes cifradas e sen cairos lacerantes”, afirma no poema Tigre.
A escrita, relata Queipo vía electrónica desde Bruxelas -onde hai anos que reside-, nace do pulo do poeta galego residente en Bélxica Ramón Neto. “En 2013 propuxo un proxecto de poesía erótica como parte do traballo do Colectivo de Poetas de Bruxelas. Así escribín os primeiros poemas”, apunta, “ese foi o xermolo, tres poemas e un par de performances. O libro foise conformando con tempo e maduración”.
Quince textos, en que a experimentación formal viaxa do poema prosa aos xogos case caligráficos, conforman Home invisíbel. “Ten unha compoñente de lírica amorosa que vai alén da propia elección formal e da reflexión sobre o desexo, o amor potencial se así se quere”, afirma, “en varios poemas explóranse as relacións entre desexo, sexo e amor, como un trípode vital”. Que compara co corazón, os pulmóns e o cerebro: “[Ese trípode] latexa, respira e manda en toda a obra”. (…)”