Iniciativa Popular no Parlamento da UE sobre protección e visualización das linguas minorizadas europeas

“Unha ONG que traballa con minorías lingüísticas centroeuropeas iniciou a recollida de sinaturas para presentar unha Iniciativa Popular no Parlamento da UE a favor de que se destinen fondos para a protección e visualización das linguas minorizadas europeas. Esta ONG, chamada FUEN (Federal Union of European Nationalities) fundárona hai xa décadas as minorías alemás, húngaras e danesas esparexidas por fóra de Alemaña, Hungría e Dinamarca. Quixeron presentar esta iniciativa o ano pasado e a UE non lla admitiu. Agora unha sentenza xudicial di que si, que teñen que admitila a trámite se cumpren unha serie de requisitos.
Para presentaren esta iniciativa precisan 1.000.000 sinaturas e só levan recollidas 600.000. Precisan 400.000 e foron pedirlles axuda aos cataláns (Plataforma per la Llengua e ANC) e aos vascos. E os cataláns, Xavier Vila neste caso, contactou con ProLingua.
O prazo para a entrega do millón de sinaturas é en abril, queda pouquísimo tempo e, se non se acada esta cifra non se poderá tramitar esta iniciativa e durante moitos anos non se falará na UE de linguas minorizadas. Se somos 50 millóns de falantes de linguas minorizadas e non damos xuntado 1 millón de sinaturas, entón é que nin nós mesmos nos interesamos polas nosas linguas, pensará Juncker e compañía. Será un pau para todas as minorías europeas.
Xa lle escribimos á presidenta da FUEN, Loránt Vincze, da minoría húngara de Romenia (son dous millóns de húngaros en Romenia) para lle dicir que ProLingua vai facer por difundir esta iniciativa en Galicia polos seus medios, presentala na prensa e, despois, convidar a outras organizacións a que elas tamén movan a cousa. Isto vai en beneficio de todos, porque se non damos xuntado o millón de sinaturas será un pau para todas as linguas minorizadas da UE.
Asínase aquí: https://ec.europa.eu/citizens-initiative/32/public/#/.”