A Primavera das Letras de María Victoria Moreno arrinca no CEP Marcos da Portela

Desde a Real Academia Galega:
“O primeiro libro publicado por María Victoria Moreno, Mar adiante (1973), contaba a historia do Arroás, un barco convertido nunha escola afastada da rixidez do ensino da época na que os nenos e nenas aprendían as cousas importantes na vida. O tema escollido non foi casual, porque se María Victoria Moreno destacou como escritora tamén o fixo noutra das súas vocacións, a docencia, que exerceu transmitindo a paixón pola lingua galega e a literatura que ela mesma sentía. Con este mesmo propósito, a Real Academia Galega presentou hoxe da man da comunidade educativa do colexio de educación primaria Marcos da Portela o proxecto web Primavera das Letras dedicado á protagonista do Día das Letras Galegas 2018. En Pontevedra, na cidade na que, en 1963, comezou a súa historia de amor con Galicia.
Primavera das Letras fornece o profesorado de infantil e primaria, os pais e nais e o propio alumnado destas etapas de propostas didácticas e lúdicas, parte delas interactivas, arredor do universo vital e literario da homenaxeada. As actividades están deseñadas cun enfoque interdisciplinario e en relación con distintos contidos do currículo escolar para poder traballar na aula, ou na casa, non só aspectos lingüísticos e literarios, senón tamén contidos e competencias de coñecemento do medio natural e social, historia ou educación artística.
Tras as palabras de benvida da directora, Alicia Martínez, o presidente Víctor F. Freixanes e a académica Fina Casalderrey foron os encargados de presentar o proxecto no que foi o primeiro acto que celebra a institución dentro do Ano María Victoria Moreno. O evento contou tamén coa presenza da filla da homenaxeada, Begoña Llácer Moreno , e o seu viúvo, Pedro Ferriol, xunto a alumnos e alumnas, membros da ANPA e docentes dos centros educativos próximos (o IES Torrente Ballester, no que María Victoria Moreno ensinou na súa última etapa profesional, o IES Luís Seoane, a EEI Fina Casalderrey, o CEIP de Lérez e a UNED).
Os propios nenos e nenas do CEP Marcos da Portela puxéronlle o ramo á celebración cunha homenaxe a María Victoria Moreno na que recitaron e dramatizaron distintos anacos da súa obra, desde versos de Elexías de luz a un fragmento do pregón que leu na Feira do Libro de Pontevedra de 2003. (…)”