Eva Moreda: “Algunhas cuestións sobre os premios literarios”

Artigo de Eva Moreda en BiosBardia:
“Lin con interese unha recente reportaxe sobre os premios literarios en Galicia publicada por Sermos Galiza. Penso que o medio fixo un bo traballo no que respecta a reflectir un certo consenso oficial ou oficioso sobre o tema, que no noso sistema literario, polas razóns que todos sabemos, non é o consenso da Xunta, nin sequera o da RAG ou o das universidades, senón o doutras institucións e individuos que tiveron que asumir a tarefa de construír ese espazo oficial ante o desleixo das anteriores (e ben que llelo agradecemos). Porén, inevitablemente debido ao carácter da reportaxe, houbo cuestións que quedaron fóra e que aquí me fago sen ánimo de respondelas.
Algo se fala, por exemplo, da historia dos premios: de como dos anos sesenta en adiante diversas asociacións e institucións empezan a promover premios para crear un canon, dinamizar a vida literaria, vender libros, etc. Todo isto está ben, pero o que non vexo é ningunha ollada crítica ao respecto, e igual xa vai sendo tempo despois de cincuenta (cincuenta!) anos. Non se fala na reportaxe da inercia ou o anacronismo que supón que, aínda a dia de hoxe, cando un concelleiro de cultura, un técnico cultural voluntarioso de calquera concello de Galicia quere facer algo pola nosa literatura, o que fai é organizar un premio literario. Haberá momentos e contextos nos que organizar un premio teña sentido, pero igual xa había que ir pensando en buscar algunha que outra alternativa, máxime cando algún destes premios acaba tendo unha vida ben curta e/ou mediocre, ben porque cambia o concelleiro de cultura e xa non hai interese, porque os libros premiados non acadan a difusión que se esperaba e non conseguen darlle un carácter distintivo ao certame, etc. Podería terse falado na reportaxe, por exemplo, do manido argumento de que en Galicia creamos premios porque noutros sistemas literarios tamén existen os premios: non vou ser eu a que defenda o excepcionalismo do sistema literario galego pero outros sistemas tmaén teñen outras cousas (unha escena underground ou vandardista saneada, unha crítica articulada e con posibilidade de crear discurso, etc.) que por aquí apenas nos molestamos en copiar. Cabería preguntarse por que os premios si e outras cousas non.
Sorprendeume tamén, aínda que isto se cadra é cousa miña, que non se sinalase a escasa atención que semellan estar recibindo estes días os premios nos medios en galego (de La Voz de Galicia xa non vou falar). Mesmo para dous recentes certames moi prestixiosos en tempos, como o Lueiro Rey de novela curta e o Modesto R. Figueiredo de relato curto, este ano houbo que facer un esforzo para saber do fallo (salvamos o Twitter de Letra en obras!). Faría falta análise, datos polo miúdo para os que non hai cabida na reportaxe, pero vou poñer unha anécdota persoal: no 2010 levei un par de premios de narrativa e, sen ser estes premios importantes nin ser eu unha autora coñecida, os medios en galego que existían daquela entrevistáronme (algún deles máis dunha vez), mesmo algúns me convidaron a enviarlles colaboracións, e en xeral tiña eu a sensación de que había unha certa expectativa (moi limitada: estamos onde estamos) pola publicación dos libros. Hoxendía non vexo eu que isto poida existir, non sendo cando o autor ou autora premiada xa ten un nome e unha fama de seu. Co cal o tamén manido argumento de que os premios benefician sobre todo os autores noveis ou pouco coñecidos se volve cuestionable. (…)”