Inma António Souto: “O teatro é de todas e debemos defendelo como as pensións, a sanidade ou a educación”

Entrevista Alberto Ramos a Inma António Souto en Praza (foto CC BY-SA Praza Pública):
“O pasado martes 27 de febreiro, coincidindo co Día Mundial do Teatro, a nova Academia Galega do Teatro (AGT) presentou o seu Programa básico para o teatro galego, unha serie de 21 puntos esencias que abordar no futuro. Nesta relacións de propostas, atópanse necesidades como a ampliación, tanto cualitativa coma cuantitativamente, do apoio institucional ás compañías profesionais; a adscrición da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD) á universidade, a creación de compañías residentes nos teatros de titularidade pública, a reestruturación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) ou a reforma do Centro Dramático Galego para que a institución conte cunha autonomía xurídica. Ademais, a AGT anunciou a organización dun gran congreso en 2020 e fixo un chamamento para que todas as entidades do sector se impliquen. O obxectivo do encontro será a creación dun plan estratéxico do teatro para a década 2020-2030. Entrevistamos a Imma António, presidenta dunha academia que de momento conta con 28 membros, entre os que se inclúen nomes da escena como son Manuel Lourenzo, Luma Gómez, Eduardo Alonso, Rosa Álvarez, Manuel Guede, Inma López Silva, Xúlio Lago, Gustavo Pernas ou Manuel Vieites.
– Praza (P): Que é a Academia Galega do Teatro?
– Inma António Souto (IAS): A Academia Galega de Teatro é un proxecto de futuro. A presentación que fixemos o Día Mundial do Teatro levaba por nome Tendo presente o futuro. Ese nome xa é toda unha declaración de principios e intencións. Somos un grupo de profesionais de diferentes oficios teatrais que vimos a necesidade de buscar espazos de debate, de reflexión, de encontro. Sobre todo neste momento tan estraño socialmente onde os valores da cultura e da arte parecen estar completamente devaluados por parte da sociedade e sobre todo por parte das administracións e os medios de comunicación. Nós consideramos o teatro como un servizo público e un dereito. Esta é unha academia de barricada na defensa, pero tamén no estudo e no feito de querer compartir, que é como se medra realmente.
– P: Neste 2018 cúmprense 40 anos de teatro profesional en Galicia. Neste tempo creáronse compañías privadas, entidades como a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) ou Escena Galega, institucións públicas como Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (Igaem) ou a súa substituta a Axencias Galega das Industrias Culturais (Agadic), festivais como o de Ribadavia ou o FITO Carballo… Por que a Academia Galega non xurdiu até este momento e por que agora resulta necesaria?
– IAS: A maior parte da xente fundadora somos xente que leva moito tempo traballando dende e para o asociacionismo en distintos ámbitos. Vimos a necesidade de crear unha entidade, non tanto sindical ou laboral, senón máis de estudo e posta en valor do noso patrimonio. Vimos que había un oco que cumpría cubrir por este empeño que temos de que o noso teatro sexa un feito normalizado e cada vez sexa máis de todos e todas.
– P: E o teatro é un feito normalizado? Pregúntoo porque se vemos a lista de propostas que presentan, poderíase asinar hai corenta anos, hai trinta ou hai dez, non si?
– IAS: Si. No propio acto, Antonio Simón facía referencia ao primeiro encontro profesional celebrado en Ferrol en 1988. Eu lembro que naquela altura discutiamos asuntos que están agora neste documento que elaboramos como unha relación de puntos básicos. A verdade, podemos dicir que eses 21 puntos son o abecedario. Hai que dicir, tamén, que nestes 40 anos, fomos construíndo estruturas, tecidos, profesión. Pero a crise foi demoledora, especialmente para o sector cultural. O que construímos en moito tempo, destruíuse rapidamente. E agora, aprendendo da experiencia, queremos seguir construíndo, pero cunhas bases que non sexan tan fráxiles. E tamén queremos inculcar na sociedade que a cultura é de todas e debemos defendela como as pensións, a sanidade pública ou a educación.
– P: Neses 21 puntos hai referencias a institucións que existen ou que existiron, pero que se perderon. Primeiro comezamos coa Agadic. Piden a súa reforma e reestruturación. Parece mesmo que botan de menos o Inaem.
– IAS: Non é que o botemos de menos, é que sinxelamente das experiencias apréndese. E que pasa coas construcións de determinadas estruturas? Pois que co tempo vemos se son eficaces ou non. Creo que gran parte da profesión comparte a idea de que a eficacia da Agadic pode e debe ser bastante mellor. (…)”