En defensa da cultura e lingua catalás. En defensa dos dereitos cívicos

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, tras este 23 de abril e unha Diada de Sant Jordi que non gozou do ambiente festivo que caracterizou sempre esta celebración, quere expresar a súa preocupación pola situación en que se atopa neste momento a lingua catalá e a súa literatura.

Definímonos, como literatura galega, polo uso da lingua propia do país, o galego, e irmandámonos con todas aquelas linguas e literaturas que aínda non dispoñen de todos os estándares de normalidade. De por parte, vén de vello a celebración de encontros galeuscanos, isto é, a colaboración permanente entre escritoras/es das literaturas galega, catalá e basca, que desexamos non se vexa interferida por decisións políticas que prexudican a súa existencia, como onte prexudicou a celebración dunha data tan senlleira.

A día de hoxe, seguen en prisión preventiva persoas que unen á súa condición de representantes públicos cataláns a súa actividade como escritores e escritoras. Asemade, noutros casos, xornalistas ou escritores procesados polos seus escritos. Por iso desde a AELG, como xa fixeron outros intelectuais e escritores a nivel internacional, expresamos a nosa preocupación por esta situación, e a nosa solidariedade con todos os que se ven privados dos seus dereitos cívicos e, no traballo literario, coas persoas que ven imposibilitada a súa actividade escrita e publicística dun xeito normal. Unímonos así ao clamor que desde o ámbito intelectual e literario xa deu lugar a manifestos como o asinado por Daniel Pennac e Erri De Luca entre outros, en Le Monde hai un mes.

A AELG agarda que triunfen a palabra e o diálogo ‒alimento da literatura‒ e remate o antes posíbel a xudicialización da vida política catalá, pois esta situación está a interferir na creación en lingua catalá e condicionando a liberdade de expresión, que é alicerce imprescindíbel para construír unha sociedade democrática e un dos bens máis valiosos cos que pode contar un pobo. A literatura é o reino da liberdade de ideas e de sentimentos, que deben ser libremente expostos e libremente circulantes, en ben de cada sociedade particular e da humanidade en xeral.

O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
24 de abril de 2018