María Victoria Moreno e a problemática cultural galega

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“(…) “María Victoria Moreno fora finalista do premio Café Gijón, en Madrid. Tiña futuro como escritora en castelán, na xeración do realismo social”, esténdese Ánxela Gracián (Castroverde, 1968), “mais abandonouno todo para traballar por Galiza e polo galego. Ese compromiso aínda me emociona”.
Moreno batera coa “problemática sociolingüística e cultural” no seu primeiro destino como docente. Alí entrará en contacto, relata, con Xesús Alonso Montero, o seu xefe de departamento e militante do Partido Comunista. “El introduciuna nos problemas deste país”, sinala a biógrafa. Destes e doutros episodios trata Doce cartas a María Victoria Moreno (Hércules de Ediciones), a súa achega ao coñecemento da autora de Elexías de luz.
“Eu sempre fun lectora de Moreno e, desde que me mergullei máis a fondo, admiradora”, explica, “esta foi unha obra por encarga. Comezou dirixida ao público infantil pero ao final colleu máis profundidade. A editorial clasificouna para maiores de 12 anos”. E escolleu a forma novelada porque era “o rexistro en que podía dar o mellor”. “Non a coñecera en vida e non tiña datos diferentes do que outros investigadores. Así podía ademais permitirme ir pasando polas diferentes etapas históricas en que viviu, desde o ano 39”, di.
Gracián, tradutora e escritora prolífica de literatura infantil, estudou vida e releu obra de Moreno (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1939 – Pontevedra, 2006). “Penso que non se está a facer abondo fincapé no seu compromiso coa literatura infantil”, aduce, “aínda se pensa nesta como unha literatura menor. Mais María Victoria Moreno puxo o seu talento ao servizo dela”. E deu algúns froitos inexcusábeis.
Guedellas de seda e liño (1999) é aínda a obra que a ánxela Gracián lle parece máis salientábel. “Amosa un pulso narrativo inmenso, malia non ser unha novela pechada. Hai homenaxe ao barroco de Otero Pedrayo e ao realismos social ou a Luis Martín Santos”, expón, “e abre moitas liñas temáticas”. Se Anagnórise (1988) foi o seu título máis recoñecido, e lectura de cabeceira para varias xeracións de adolescentes, a propia Moreno prefería “a ollada tenra do can en Leonardo e os fontaneiros (1986)”.
A María Victoria Moreno de Doce cartas -que leva ilustracións de Antonio Seijas- tamén ilustra a volución social e política do Estado español. E tampouco agocha certa amargura, tal e como conclúe Gracián: “Houbo comentarios crueis. Perdonábanselle menos cousas por ser muller. Como cando se di que ten pouca obra. Mais ela tamén se dedicou ao ensino, que era vocacional”.”