Os tótems sempre teñen algo que explicar, por Lorena Conde

Artigo de Lorena Conde na Plataforma e Crítica Literaria da Sega:
“Entrevista na radio. O tema da conversa é a faceta de docente de María Victoria Moreno.
A locutora dá a benvida ao señor. Un tótem crepuscular que leva toda a vida no allo, sabe a biblia en verso sobre María Victoria Moreno e vai darlle altura á conversa. Á espera estou eu, asándome ao sol e tentando non facer moito barullo e que o vento non se coe polo micro do teléfono. Agardo, escoito e voume quentando.
A locutora pregúntalle ao tótem pola circunstancia de ter sido un dos primeiros alumnos de María Victoria Moreno. O tótem di que si, que foi así, pero que el xa viña bastante ben aprendido da casa, que con 16 primaveras xa era un adulto porque “no medio campesiño” os tótems cúrtense antes de tempo e destacan sobre os seus compañeiros, qué lle van facer. No entanto, foi ela, a forasteira, a que fixo un moi meritorio esforzo de inserción aquí, no país, porque era “xenerosa e disposta”. Segue a debullar, a continuación durante moitos minutos a súa (a del, a do tótem, claro) extensa traxectoria que, puntualmente, se cruza coa de María Victoria: ela facilitoume lecturas, conversamos moitísimas horas e ela así empezou a aprender o galego, escribímonos cartas, fun á súa casa (e a do seu marido, ollo), escribiume un prólogo, colaborou comigo…
Finalmente a locutora ve un oco e preséntame como outra das alumnas de María Victoria Moreno. Pregúntame como era María Victoria na aula e como era a relación co alumando. Respondo do xeito máis concreto que podo. A locutora pregunta se Anagnórise ten relación cos lazos que María Victoria estableceu cos seus cachorros e se esta obra ha de se ler dun xeito biográfico. Eu digo que a relación entre os protagonistas pode recordar á que ela establecía coa xente nova pero que son reacia a interpretar a ficción dende a biografía das autoras. O tótem inmediatamente intervén: “hai que ler toda a obra de María Victoria en clave biográfica … A señora que conduce a Nicolau a Madrid é María Victoria Moreno Márquez” Toma! Penso eu. E véñenme á cabeza as horas e horas de teoría e crítica literaria da facultade nas que nos insistían naquilo de que a ficción é ficción e a vida é a vida (dicíannolo de xeito máis florido, si, pero a cousa viña a ser esa.) (…)”