Noites de safari de Marleen Malone, por Emma Pedreira

Artigo de Emma Pedreira na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Faltar faltan textos narrativos eróticos no noso sistema literario e, de poñernos lilás, faltan textos narrativos eróticos galegos escritos por mulleres conscientes e reclamantes dunha sexualidade digna e en clave de xénero, é dicir: textos conacentristas. Se ben algunha editora fai o seu esforzo (Positivas dá ao prelo cada dous anos o resultado dun certame adicado á temática), en poesía estamos servidas. Case non nos damos remexido entre a profusa produción poética que hai arredor da fame ou da vida dos nosos abaixos en verso libre e isto contraponse coa xa pesadísima imposición narrativa dos abaixos deses señores que se despepitan para ensinarnos como escribir e mesmo tamén como escribir sobre o que nos ferve no lugar de ebulición (e non falo do cerebro, nin das musas, nin nada diso que entra en efervescencia no momento de escribir).
Son moi escasas as señoras narradoras que deciden escribir de xeito desinhibido sobre (o seu) sexo e erotismo e, se cadra, isto é debido aos prexuízos que sempre se dan sobre a obra feminina: o autobiografismo. Todo o que sae ao público asinado con nome de muller será rigorosamente filtrado por unha tendencia biográfica onde parte do narrado ten que devir de parte do vivido como se non soubesemos ficcionar. E así, calquera fala de como lle gusta –ou non, o asunto-.
Se cadra é por iso que Iolanda Zúñiga sae a medias con Marleen Malone nisto das gañancias do seu Noites de safari. E na responsabilidade de se todo falla. Porque de lelos, estes libros deberían lerse en horizontal e cunha soa man e non consultando a foto e a biografía e a Wikipedia da autora e, se cadra buscar o anonimato dun alias refrenda ese noxo que sentimos nosoutras cando ficcionamos e desde a crítica tratan de retratarnos domésticamente.
Noites de safari é un libro de relatos e máis un libro de caza. Un tratado de fauna de costumes nocturnas. Tamén un “espello de príncipes”, ese manual medieval de conduta que empregaba a fábula para adestrar futuros señoritos, retratando un xeito concreto de actuar para logo dicir: así non.
Zúñiga ou, mellor dito, Malone desmárcase do erotismo autocompracente e sensual onde algunhas autoras volven colocar as súas protagonistas embaixo dos depredadores sexuais ou tratan de achegar unha conduta sexual propia que é pouco menos que incrible e idealizada. (…)”