A crítica da crítica: TAM e o manga xaponés en galego por Eli Ríos

Artigo de Eli Ríos na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
Bícame profe de Kazuma Kodaka, traducido por María do Carme Pampín Otero e publicado por Edicións do Cumio en 2008, foi o primeiro manga en galego. Tivemos que esperar dez anos a que saíse publicado o segundo manga en galego e o primeiro galego. TAM de Anémona de Río (Retranca Editora, 2018). O primeiro manga galego? Si, o primeiro manga galego porque non é unha tradución. Nace en galego e desde o galego.
Xa estamos acostumadas a que as obras escritas por mulleres teñan contadas recensións (como é o caso de TAM de Anémona de Río). Ademais, tamén estamos acostumadas a que se a escrita ten un punto que a diferencia da tradición, sexa posta en tea de xuízo. E, iso, é o que lle está acontecendo a esta obra cando se cuestiona se é un manga ou non.
Bícame profe mantén a estructura orixinal (lectura desde o final cara o comezo), en branco e negro e segue as pegadas de Death Note ou Naruto, por exemplo.
Anémona de Rio vai un paso máis alá da simple adaptación. E é de agradecer este proceso reflexivo.
Manga non significa nada máis que historieta, é dicir, por medio de viñetas ilustradas cóntasenos unha historia. Entón, se queremos crear un manga galego deberiamos usar o estilo de escrita xaponés tategaki (orientación vertical e de dereita a esquerda)? Ou adaptalo ao sistema de lectura galego? Pois depende. Ningunha das dúas opcións é mellor que a outra. Só é unha escolla da autora. Incluso, no mesmo Xapón, hai diferentes estilos de escrita: o xornal Asahi escribe en tategaki e o Yomiuri no estilo yokogaki (horizontal, de esquerda para dereita-como o galego). E, aínda máis, pódense mesturar os diferentes estilos! Isto lévanos a que hai moito tipos de mangas, de diversas formas, e non deixan de ser cómics de estética xaponesa porque escollan unha ou outra. (…)”