María do Cebreiro: “A produción cultural debe asumir a herdanza do rural desde unha perspectiva contemporánea e crítica”

Desde a Real Academia Galega:
“(…) A catástrofe do Prestige marcou un antes e un despois na produción cultural, especialmente arredor da poesía, que dalgún xeito testemuñou o impacto que provocou na sociedade. Porén, “outros procesos de perda e de reconfiguración territorial”, como os derivados dos incendios forestais, “non tiveron a mesma resposta” desde a literatura, nin en forma de novelas nin de poesía. A profesora de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade de Santiago de Compostela vincula este diagnóstico a unha evolución paradoxal relacionada co mundo rural. “Todos os galegos pertencemos ao medio rural dalgunha maneira e a nosa articulación discursiva como cultura dálle moito peso historicamente pero, en cambio, semella que nos fose máis difícil rexistrar ou ler os procesos de transformación contemporánea que sofre, cando o que está a acontecer agora mesmo nel é algo moi brutal”, sinala en referencia aos devanditos incendios, a caída do prezo do leite ou o despoboamento.
Para María do Cebreiro é abraiante que esta situación non estea a dar unha resposta maior desde a expresión cultural. “Todos sabemos que está pasando algo pero non temos ferramentas nin para describilo, nin para facer un loito desa perda, nin para atopar solucións. Pero eu creo que desde a produción cultural hai que asumir esta herdanza desde unha perspectiva crítica e contemporánea, non podemos desentendernos dela. Estou pensando de novo, por exemplo, no caso dos incendios forestais; eu non son novelista pero paréceme que é para pensar literariamente, porque ao final tamén estamos desaproveitando un potencial que temos. Probablemente, atraídos polos cantos de serea de modelos urbanos, identificamos con modernidade cousas que non o son, ou que en todo caso teñen menos que ver co que nos está acontecendo que outras que temos ao lado e que nin sequera somos capaces de testemuñar”, profunda.
Dúas excepcións a esta norma son as obras da académica Chus Pato e de Lupe Gómez, que ofrecen cadansúa “resposta crítica” ante a desarticulación do tecido rural. “Escollín as dúas para este relatorio porque son poéticas moi singulares. En principio non é doado establecer similitudes entre elas, agás esa concepción crítica que teñen dos procesos de perda do mundo rural”, explica. “O ton da poesía de Lupe Gómez é de moita intensidade afectiva e a posición de Chus Pato é probablemente máis intelectualizada. Bebe do discurso filosófico contemporáneo, paréceme moi interesante como aplica, por exemplo, a teoría de Giorgio Agamben sobre o holocausto á conversión do medio rural galego en ruína, á destrución dun modo de vida. No caso de Lupe Gómez, a relación con esta cuestión é máis visceral, máis baseada seguramente no rexistro da propia experiencia. Ao ser as dúas tan distintas, tamén constitúen un bo banco de probas para pensar estes problemas”, detalla. (…)”