Montse Pena Presas: “Se es crítica, suponse que as túas opinións son froito da túa sensibilidade, da túa lectura non profesional, das túas arroutadas femininas”

Entrevista de Montse Dopico a Montse Pena Presas en Praza:
“(…) – Praza (P): O libro [Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia] é unha adaptación da túa tese. Salientas no limiar que os primeiros materiais críticos que cinguiron LIX e feminismo publicáronse en voceiros do movemento feminista, revistas ou fancines. Que consecuencias tivo isto? Como xurdiu, en xeral, a idea de facer a tese sobre feminismos e LIX?
– Montse Pena Presas (MP): O libro, máis que unha adaptación da miña tese, é unha parte dela, porque nesa investigación o que intentei facer foi cinguir os vencellos dos feminismos e da literatura infantil e xuvenil en tres ámbitos lingüísticos: o anglófono, o hispánico e o galego. Non obstante, por motivos evidentes, profundicei máis no ámbito hispánico ca no anglófono e no galego máis que no hispánico.
A primeira consecuencia que tivo que os materiais se publicasen de maneira espallada e en medios “alternativos”, ás veces de escasa difusión, foi que moitas veces non transcenderon o seu público cautivo, nin no momento de saír do prelo, nin por suposto tempo despois.
Isto provocou que a reconstrución e a recuperación do que fixeron as feministas dos anos 70 e 80 sexa complexa e laboriosa, pero sobre todo, dende o ámbito da academia, que moitas veces se pense que se está inventando algo cando, en realidade, hai xa moito tempo que esa iniciativa, esa investigación, esa acción na aula xa fora realizada por mestras implicadas coa coeducación. Neste sentido, paréceme fundamental a recuperación da memoria do movemento feminista, non só no ámbito no que se centra o meu estudo, senón en todos. Coñecer para avanzar, tamén no feminismo, é fundamental.
– P: Nun primeiro momento producíronse, segundo explicas, algunhas tensións entre ensinantes feministas e movementos de renovación pedagóxica. Por que e con que consecuencias para o feminismo?
– MP: Eran unhas tensións bastante lóxicas, moitas veces froito da colaboración e de que moitas mestras estaban á vez implicadas no movemento feminista e nos movementos de renovación pedagóxica. Compartindo ideais en certas ocasións, noutras as feministas previlexiaban a consecución da igualdade dende todas as perspectivas no sistema educativo, mentres os movementos de renovación pedagóxica apostaban por atender outras cuestións -poño como exemplo a renovación metodolóxica- que consideraban máis urxentes.
– P: Entre os grupos e colectivos que traballaron a prol do ensino igualitario estaban -ademais dos derivados de grupos feministas, dos partidos políticos e de sindicatos e asociacións de base educativa, ou da administración- os grupos independentes de mestras. Que achegaron, entre todos, e que papel tiveron estas últimas en particular?
– MP: O traballo que fixeron os grupos de mestras (nos que ás veces había tamén algún mestre) foi absolutamente fundamental e sería imposible, afortunadamente, de debullar. Mais si que podemos dicir que sobre todo se centraron en debater e cuestionar o marco educativo existente dende todas as súas perspectivas, estudaron a marxinación das mulleres en diferentes materias e manuais, realizaron bibliografías críticas de todo tipo de obras (educativas e literarias), experimentaron coa linguaxe, procurando que esta nos incluíse ás mulleres, e o máis importante segundo a miña perspectiva: deseñaron e puxeron en práctica estratexias coeducativas na aula, que se debatían en grupo e que logo se refacían se non funcionaban.
Por outra banda, na miña investigación non diferencio entre as labouras que realizaron uns e outros grupos de mestras, fosen independentes ou derivados dalgún partido político ou sindicato. É, ademais, moi posible, que existisen moitos máis grupos de mestras independentes que os que menciono no libro, por razóns fundamentais das que xa falamos: o espallamento dos materiais, a mutabilidade dos grupos, a dificultade para ter acceso a todas as súas achegas e a aínda en reconstrución historia do movemento feminista máis recente fanme pensar que son bastantes máis dos que se documentan. (…)”