Morre Lois Antón, poeta popular

Artigo de Xoán Carlos Domínguez Alberte en Sermos Galiza:
“Finou o Lois Antón. Bo e xeneroso. Patriota galego. Son denominacións que nas últimas décadas a militancia nacionalista da nosa bisbarra, Terra de Celanova–Baixa Limia, lle apuxo a este membro histórico do nacionalismo galego.
Nado en Escudeiros en 193, labrego, autodidacta, emigrante en Holanda, poeta popular, decote comprometido coa causa da poboación traballadora. Dende agora fica, inmorrente, a súa palabra, a escrita da súa obra. A súa influencia excede amplamente o seu eido vital. Días da Patria Galega e outros moitos actos de celebración da nosa cultura, de vindicación da nosa lingua non foron alleos, xa non só á súa presenza, senón á súa verba viva por toda a nación. Expandida en ceiba labarada no verbo inflamante dos seus versos.
Conscientes do inmenso poder da vida e da entrega, foi en 2009 cando o BNG de Ramirás e Celanova lle tributou unha homenaxe que deu como froito o volume Voz da terra, arela de pobo, editado, coma o conxunto dos seus textos, pola Asociación Cultura e Xuvenil de Ramirás.
A produción escrita deste autor popular encétase con A máis fermosa roseira, á que seguen Aos bos e xenerosos, Vellos e novos cantares e unha edición da súa obra dramática.
Outras moitas foron as súas facetas, como, por exemplo, a súa inmensa habelencia para facer figuras, pequenas tallas coa madeira, nas que representaba escenas cotiás dunha extinta cultura popular labrega. Porén, como remate deste texto de urxencia e recoñecemento, quero ficar cun recendo celmoso do seu máis bo facer. A militancia do nacionalismo galego de Ramirás non esquecerá nunca, entre outros moitos actos, a súa gozosa presenza nas campañas electorais, en especial no día das votacións.
Pois era el, en cada comicio, quen percorría, unha e outra vez, as mesas electorais para agasallarnos co seu celmoso labor de destilación artesanal. Fresco licor multifroitas, gorentoso licor café que nos ofrecía para compensar e recompensar a dureza de estar a pé de obra, unha e outra vez, na Galiza máis rural a pé de obra.
E logo do seu incansábel rular, por carreiros e corredoiras, cando as nosas faces non eran correspondidas co inmenso traballo realizado, de xeito altruísta, a súa presenza sempre estaba aí.
Para saborear con nós o valor da entrega e do compromiso coa cultura e coa terra. Para nos dicir que o exemplo se constrúe a diario. Para confirmar que Galiza somos nós e que cómpre que os bos e xenerosos transformen a realidade dende o poder.”