A Sega celebra a vida de Marica Campo

Desde Sermos Galiza:
“O parque da Milagrosa, en Lugo, converteuse no epicentro da actividade da plataforma de crítica literaria A Sega para homenaxear Marica Campo (O Incio, 1948) no V Día das Galegas nas Letras. Un acto lúdico e reivindicativo do papel da muller na literatura.
Pasadas as 12 horas, o parque da Milagrosa, en Lugo, acollía perto dun cento de mulleres que, convocadas por A Sega, celebraban o 15 de agosto como “Día da Nosa Señora (das letras Galegas)”. Encetábano cun divertido roteiro imaxinario pola obra da quinta muller recoñecida co Día das Galegas nas Letras, Marica Campo.
Susana Sánchez Arins foi a condutora dunha actividade na que o maxín cumpriu un papel principal. A integrante da Sega ía contando anécdotas da vida de Marica Campo acompañada das lecturas do público, que tiraba de fragmentos da obra da homenaxeada. Andrea Barreira, unha das organizadoras da xornada, sinala, en declaracións a Sermos Galiza que as persoas participantes “ían lendo pasaxes de libros relacionados co momento vital de Marica Campo que narraba Susana Sánchez Arins”. “Foi todo imaxinario, percorremos o parque buscando semellanzas co que contaba Susana”, acrecenta.
Un dos momentos máis emotivos da xornada chegou coa lectura do manifesto, “centrámolo en explicar que Marica Campo, como autora, abriu o camiño ás que vimos detrás”, explica Andrea Barreira. “Marica vai removendo a terra para que poidamos medrar como autoras. Precisamente, por ser ela unha escritora que tira polas demais, pode ficar na profundidade da terra e non se recoñece o seu traballo tanto como se debería recoñecer”, engade.
“Hai autoras que son coma os ollos das patacas, como patacas con ollos, que dende a súa leira e o seu campo van tirando das que estaban aí, das que están ao lado. Sen preguntar de onde es ou que tipo de pataca serás no futuro, abren os seus ollos para abriren ollos en ti”, salienta o manifesto Os ollos das patacas. “Nosoutras, que somos segadoras, agardamos as patacas. Queremos ser patacas con ollos. Que fillen tantas outras cálidas, profundas e combativas coma ela. Coma a Nosa Señora das Letras Marica Campo”, conclúe.
A resposta de Marica Campo ás palabras que falaban de abrir camiños ás escritoras máis novas foi o agradecemento, “agradeceu todas as homenaxes que se lle están facendo en recoñecemento da súa obra, sobre todo as que son desinteresadas”. “Tamén deu as grazas pola presenza de todas as que participamos, entre elas, a súa familia, que no día de hoxe sempre celebraba a onomástica da súa nai”, afirma Andrea Barreira, que destaca o labor de Marica Campo na defensa e impulso da lingua e da cultura galega e da igualdade.
O groso da celebración chegou após o xantar, con contos a cargo de Vero Ríos; música de Raiceira, Xaora, Paloma Suances e Mercedes Peón; lectura de fragmentos da obra da homenaxeada por Ana Torres, Tereixa Campo e Belén López; o obradoiro Traer a lenda ao presente, da man de Andrea Barreira, e a lectura dramatizada de O Premexentes non pode cos paxaros rebezos, coordinada por Lorena Conde.”