Memorias de Memoria para Xoana, por Mercedes Queixas

Artigo de Mercedes Queixas na Sega:
“Algunhas lecturas fican impregnadas en nós para sempre. Convértense en vasos capilares que non deixan de axudar a latexar na nosa memoria bibliográfica aqueles relatos que nos fixeron sentir e emocionar na entreliña.
En 2002, grávida da miña segunda filla, cheguei á lectura de Memoria para Xoana de Marica Campo, una autora ben coñecida para min, como narradora e poeta sobresaliente, co antecedente de ter sido merecedora esta primeira novela co Premio de Narrativa do Concello de Vilalba.
E como de memoria se trata, porque sermos memoria viva fai parte do noso tránsito vital acompañado, aínda son quen de me lembrar a iniciar esta lectura en tempo de repouso xestacional vespertino.
Contan, Xoana, Xoana que aínda non chegaches, visguenta carne a navegar nas augas amnióticas do meu ventre, que a miña tataravoa Pepa, Pepa a Toupa, quedou preñe en Monterroso, na feira de novembro. Nunca soubo quen lle puxera entre as pernas a semente que deveu en Rosa, Pérez coma ela, e sen segundo, como era habitual nos fillos a que ningún pai se chamaba.
Non foi preciso continuar, máis ben foi imprescindíbel determe porque a memoria de meu, das miñas, das nosas, chamou polo acordo dos elos da cadea propia. Retratarse nelas, no seu branco e negro, para que a fotografía a cores non ficase deformada. (…)”