Marica Campo: unha non-flor como a hedra, por Olalla Cociña

Artigo de Olalla Cociña na Sega:
“Eu era unha picariña e Marica Campo era mestra en Xove. Viviu ao principio nas Gulpilleiras, ao lado da escola unitaria onde estudara miña mai, na Rigueira, antes de poñerse a restaurar a casa do Torrillón, uns quilómetros máis arriba, nun emprazamento moi semellante ao dun castelo… Polo menos iso era o que se me asemellaba a min. Marica visitábanos adoito na casa de meus avós, e como moradora dese castelo incipiente que o meu propio avó Eusebio restaurara, ela mesma era unha doncela, tan fina, tan elegante e bela… E tiña o cabelo máis rizo que eu vira nunca, cousa que me poñía fachendosa por comparación (aínda que por aquel entón eu aínda andaba alisando no meu!)…
Era, desde logo, unha rara avis por aqueles confíns da Mariña luguesa, unha alfaia de acibeche -alí onde tanto se estilaban as de ouro chapado!- que nos encantaba: daba as clases en galego, facía “cousas de rebeldía, víñalles tan ben en Xove!” Isto dío miña mai, María Lozano, mestra no concello do lado, en Viveiro, quen leu os primeiros textos teatrais escritos por Marica e incluso lle botara un cabo nas revisións do galego. E montou co seu alumnado O Premexentes non pode cos paxaros rebezos (ou memorias dun escribano), a súa segunda peza teatral para público infantil.
Lembro á mestra nas súas visitas á nosa casa da Aguieira e á xente amiga da “comuna” da Ponte do Carro sorrinte e moi chistosa cando falaba, e cun punto de melancolía nos ollos cando calaba. Fume de tabaco polo medio dos rizos e recendente como as flores da lila.
E lembro á escritora sabia e bondadosa cando eu xa era unha adolescente de instituto e me empezaba a gustar a poesía e o xornalismo… Ela descubriume á Pizarnik, á Pallarés! Un día veu á miña casa en Viveiro para un traballo de Lingua: unha entrevista coa poeta Marica Campo. (…)”