Volve Pilar Pallarés sete anos despois con Tempo fósil

Artigo de Miguel Sande en La Voz de Galicia:
“A desaparición da casa familiar en Culleredo -que o pai construíra coas propias mans- por mor da ampliación do aeroporto de Alvedro impulsou este novo poemario de Pilar Pallarés, Tempo fósil, que agora vén de publicar Chan da Pólvora nunha edición moi especial e coidada. Un como lector aprecia -amais dos propios versos de Pilar- este libro nas súas mans como un agasallo. Non lle gusta demasiado a Pilar Pallarés falar publicamente deste episodio seu, familiar: «As explicacións que podo dar a través do propio sentimento xa están aí no libro, nestes poemas de perda e desaparición que saíron, coma todos, do máis íntimo», di.
De certo, os versos foron xurdindo, medrando, arredor daqueles entullos -«do monstruoso terraplén»- ao longo destes últimos anos. «No fondo está a perda das orixes, si; a destrución do lugar, esa imposibilidade de que queden xa pegadas físicas».
Pilar Pallarés escribe desde o máis íntimo para conectar co colectivo como só ela sabe facelo. Hipnótica e, aquí, radical. Cunha sensibilidade fría, quizais pola distancia, as circunstancias e o tempo. (…)
«Escríbese desde unha necesidade íntima, sen présa, para que? Nese senso son libre, sen presión ningunha», di. Ela foi a única poeta naquel colectivo dos 80, De amor e desamor; desde entón, as cousas mudaron: a presenza de mulleres poetas, tamén narradoras e dramaturgas hoxe en día, e lectoras, enriquece e fortalece as nosas letras. Así, en común.
Ela escribe de mañá; polas tardes a poeta coida os gatos todos da zona, fitándoos, «esculcándolles no fondo da pupila un rastro», mentres os animais, afeitos xa, comen da súa man.””