María Xosé Queizán: “O que non é lingua galega é o que falamos agora, que é crioulo”

Entrevista de María Obelleiro a María Xosé Queizán en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Ten o recoñecemento que cre que debería?
– María Xosé Queizán (MXQ): Pois si, mais eu non o interpreto como deber, eu fixen o que quería facer. A pesar de todos os inconvenientes eu teño forza e enfróntome con todo, non teño medo. A xente diría que son valente, pero son forte e vital.
– SG: Por que non ten cadeira na RAG?
– MXQ: Como van meter unha persoa coma min aí? Nas estruturas masculinas, nas que apenas había mulleres e nas que segue habendo poucas, as que entran son aquelas que saben que van traballar para eles pero que non van desbaratar a cuestión. É lóxico, entran mulleres, eu non quero chamarlles dóciles nin quero insultar as que están aí, pero evidentemente están porque calan e outorgan, porque na medida en que tivesen outro comportamento, xa non estarían. Pero en todo é así, non só na Academia.
– SG: Vostede é partidaria de empregar grafía portuguesa.
– MXQ: Totalmente. Déronme o premio Lois Peña Novo e estaban alí os do ILG, os catedráticos, os académicos… e falei a gusto sobre a miña teoría, que é evidente. O que había antes era o galego e todo isto que falan de galego-portugues é mentira porque falar diso antes de que exista Portugal… A lingua dos cancioneiros era o galego, a lingua que se creou aquí. O que non é lingua galega é o que falamos agora, que é crioulo, está contaminada de hai anos. Acabei dicindo que eu escribo neste crioulo pola mesma razón pola que me inclinei a falar galego, porque é a lingua que fala o pobo, pero que iso non impide saber que o portugués é o galego culto.
Nas miñas memorias conto moito da culpa de Piñeiro. Cando introducen o galego no ensino ese era o momento de normalizar a grafía, mais el estaba en contra. Os do ILG, dirixidos por un asturiano, Constantino García, decídense pola dialectoloxía, que é a maneira de destruír unha lingua.
– SG: Que supuxo para Galiza Piñeiro?
– MXQ: O gran poder. Tiña un poder impresionante. Tivo moitísimo poder e influíu en todos os aspectos, no cultural, no lingüístico, no político… en todos. Era un home poderoso que vivía austeramente, como un cura. Nunca traballou… creo que a xente ten que traballar. A xente que non traballa sempre vive a costa de alguén que fai o seu traballo.”