Manuel Gago: “Esta novela vai sobre heroes que fan grandes cousas sen grandes palabras”

Entrevista a Manuel Gago en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Canto de realidade, de historia, hai no libro [O exército de fume]?
– Manuel Gago (MG): A novela está composta por feitos, ficción e lendas, que é o que máis me interesa porque son cousas inventadas cun fondo real. Está documentada, pero non é fiel. Toma como base un evento histórico que tivo un gran impacto en Galicia, e como quedou na imaxinación da xente, que transformou moitas partes en lenda. Así, tódolos elementos se confunden e pasa que en Valdeareas hai un porto que se parece moito ao de Balarés.
– LVG: Daquela e ata certo punto, O exército de fume nace no castro de Niñóns.
– MG: Ata certo punto si, pero unha novela é como un fermento de lecturas, vivencias e moitas cousas. No caso desta novela hai feitos que sucederon na comarca do Barbanza: contaban na familia como aprovisionaban submarinos alemáns no medio do Atlántico. Unha parte do escenario nace da experiencia de Niñóns, de xentes fascinantes, con moita vida percorrida e aos que tento representar con dignidade, xente que sabía como resolver as cousas e facer as que, as veces, hai que facer. De Brantuas e Niñóns o que máis hai na novela é a capacidade de emprendemento desas xentes.
– LVG: ¿Empezou o libro cando estiveron no castro?
– MG: Un pouco despois, pero eu sempre digo que os libros escríbense durante toda a vida, desde o momento que naces. Eu, por exemplo, tiña a idea de escribir sobre os submarinos alemáns desde hai moito tempo.
– LVG: ¿De contar o que lle contaron na casa cando era neno?
– MG: Si, na familia calaban moitas cousas, pero das historias dos alemáns, dos nazis, falaban moito. Eran uns seres un pouco míticos que viñeron roubar grandes pedras de cuarzo no Barbanza. Meu avó, seguro que para espantarme cando era neno, falaba de cando o tiraron dun avión alemán á praia. Estaban sempre presentes. Hai que pensar o que lles debía chamar a atención na Galicia dos anos 30 ou 40 esa xente que viña de fóra, con moitos cartos para facer negocios. A novela trata ese aspecto, o mito dos alemáns, esa parte de lenda, porque eu sei mesmo de castros feitos por alemáns e non por mouros [ri], sempre houbo fascinación polo que viña de fóra. Outra parte da novela son os guerrilleiros. Diso falábase moi pouco porque era conflitivo, pero non había problema co dos alemáns. (…)”