Antón Riveiro Coello: “Non concibo un gran escritor se non hai detrás un enorme lector”

Entrevista a Antón Riveiro Coello en La Voz de Galicia:
“(…) Asegura que aprendeu o oficio pola súa conta e non o tivo nada doado: «Non nacín nunha casa chea de libros nin tiven un mestre que me guiara. Un día púxenme a escribir un relato e gañei un premio, escribín outro e volvín gañar. Foi entón cando descubrín que non se me debía dar tan mal». Tiña 23 anos cando viu claro que a literatura marcaría a súa vida: «Sempre me pregunto que ocorrería se eu nacese nunha casa con libros, seguro que descubriría moito antes esta paixón».
Precisamente, un dos cometidos do boirense no curso que impartirá en Rianxo é darlle aos participantes ese pulo que ás veces falta: «Quero que a xente lle perda o medo a empregar as palabras. Escribir é un dos oficios máis democráticos que hai, pois só se precisa un folio e un lapis como materiais, pero hai que ter ollada». Pero, que é esa ollada á que se refire unha e outra vez Antón Riveiro? «Consiste en ser capaz de ver o que non ven outros, incluso nun feito cotián. Hai quen fai unha novela dunha conversa nunha cafetería, mentres que outros precisan vivir unha aventura completa con mortes incluídas». Tamén enumera, como calidades que debe ter un bo escritor, a imaxinación e a afección pola lectura: «Non concibo un gran escritor se non hai detrás un enorme lector. É importante aprender do que escriben os demais». (…)
E precisamente nese comezo, nesas letras iniciais, radica o que para este escritor é a parte máis complicada do proceso de creación literaria: «A chispa pode xurdir en calquera momento, pero non é doado identificar ese punto de partida dunha novela. Hai quen parte dunha frase, hai quen ten que ter claros o principio e o final desde o comezo, pero eu parto dunha idea e logo busco documentación, tomo notas, desboto outras… Case sempre me imaxino toda a historia no esqueleto inicial, xusto antes de empezar a escribila». (…)”