Antón Lopo gaña o XII Premio de Narrativa Breve Repsol

Desde Galaxia:
“A novela Extraordinario de Antón Lopo resultou hoxe gañadora da XII edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega. Así o comunicou esta mañá en rolda de prensa o portavoz do xurado, Xoán Babarro, escritor e académico correspondente da Real Academia Galega.
O acto do fallo tivo lugar na refinería de Repsol na Coruña e estivo presidido polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a director da área Institucional de Fundación Repsol, Gonzalo Vázquez, acompañados do director da refinería, Javier Sancho, e o portavoz do xurado, Xoán Babarro.
Do mesmo xeito que en anteriores edicións, o premio está dotado con 12.000 euros, e a obra será publicada na colección Literaria de Galaxia o vindeiro novembro.
O portavoz do Xurado, composto ademais polo director de edicións de Galaxia Carlos Lema, a escritora Eli Ríos, a profesora Dolores Vilavedra e o gañador da anterior edición Xosé A. Neira Cruz, destacou da obra gañadora “a particular riqueza léxica, así como os valores estilísticos relacionados coa sintaxe, que se visualiza a miúdo a través dunha puntuación orixinal”. Babarro engadiu que “o uso da primeira persoa, a distribución do texto en noventa notas de desigual extensión e o ritmo narrativo conseguido facilitan a lectura e acaban atrapando o lector”.
O protagonista de Extraordinario, desde hai anos separado do círculo familiar, regresa para coidar da nai, hospitalizada. A través da súa mirada iremos interpretando a personalidade de cada un dos membros da familia, desde a situación presente ata épocas pasadas. O autor non só nos mostra o ambiente hospitalario, senón tamén as difíciles relacións do personaxe central coa nai durante a infancia e a adolescencia, o trato coa irmá e o antagonismo co irmán máis vello.
O xurado do XII Premio Narrativa Breve Repsol define Extraordinario como unha novela sólida, atractiva e ben narrada, cunha riqueza temática que se complementa con recursos de tipo irónico e humorístico.”