As coproducións do CDG, o cine a as propostas para público infantil protagonizan a oferta do Salón Teatro ata fin de ano

Desde Agadic:
Arnoia Arnoia. O circo da casa pequena, espectáculo da compañía de circo Pistacatro coproducido co Centro Dramático Galego (CDG), ofrecerá hoxe e mañá, ás 20,30 h., as súas dúas últimas funcións no Salón Teatro de Santiago. A montaxe dirixida por Quico Cadaval a partir da obra de Xosé Luís Méndez Ferrín é a primeira das inseridas na carteleira trimestral da sede do CDG.
Aquí poderán verse ata final de ano outras dúas coproducións da compañía pública, as proxeccións do festival Cineuropa e o ciclo Gran teatro para os máis pequenos, entre unha ducia de propostas. Así, este mesmo domingo 21, ás 18,30 h., o Salón Teatro será o escenario da función de clausura da vixésimo terceira edición do Festival Internacional Galicreques coa compañía mexicana Mano y Contramano e a montaxe El oso que no lo era, un espectáculo de monicreques de mesa recomendado para nenas e nenos a partir dos cinco anos de idade.
De novo no ámbito das coproducións, do 25 ao 28 de outubro regresará a este espazo compostelán Elisa e Marcela, que a Panadaría xa representou aquí hai un ano tras desenvolver unha residencia artística de 20 días. O espectáculo, que aborda a historia da voda entre dúas mulleres que tivo lugar na Coruña en 1901 como o primeiro casamento homosexual do que se ten constancia en España, volve a Santiago precedida do éxito de público da súa ampla xira e dos seus múltiples recoñecementos nos Premios María Casares de Teatro, na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e no Festival de Teatro Galego do Carballiño, entre outros.
Estrea galega
O programa de coproducións do CDG conta cunha terceira montaxe nesta carteleira trimestral, no marco da que a compañía de Pablo Fidalgo ofrecerá a estrea galega de Anarquismos (Polo medio da habitación corre un río máis claro) o venres 2 de novembro. Trátase dunha peza sobre a ausencia, os soños, o medo e o silencio no contexto de calquera grupo de amigos ou familiares, que poderá verse ata o 4 de novembro neste escenario, onde se presenta tras a súa estrea o 23 de outubro no festival Bilbao Antzerki Dantza (BAD).
Anarquismos dará paso á trixésimo segunda edición de Cineuropa, que un ano máis converterá o Salón Teatro nunha sala de cinema como unha das sedes deste festival internacional. Será case un mes de proxeccións, tras as que o circo regresará á carteleira para pechar novembro o día 30 coa montaxe Futuro animal, da man do Foro D10! e das formacións Twisting the Balance e Circo Político.
Decembro comezará co espectáculo de danza Toda a beleza do mundo, de María Move, os días 1 e 2 para centrarse a continuación no teatro: Casquería e outras vísceras, de Xerpo Teatro, o 8 e 9; Sofía e as postsocráticas, de Inversa Teatro, do 11 ao 16; e Soños, do grupo de teatro afeccionado da Asociación Down Lugo, o día 19.
Como en anos anteriores, a programación de 2018 na sede do Centro Dramático Galego chegará ao seu fin co ciclo de Nadal Gran teatro para os máis pequenos, que desta volta presenta as montaxes Nómade, de Xarope Tulú, o 22 e 23; Os fabulosos cleaners, de Malasombra, o 29 e 30; e Muiñada, de Galeatro, o 3 e 4 de xaneiro, ademais dunha serie de obradoiros para que os nenos e nenas teñan a oportunidade de coñecer de preto os diferentes oficios teatrais.
Na imaxe, Anarquismos. Fotografía: Alipio Padilha.”