“Adeus ao Gustavo Pernas”, por Emílio Xosé Ínsua

Desde A Ínsua do Ínsua:
“Sentei nun recreo no instituto a mirar a prensa dixital, enredei un momento nos comentarios sobre a lea que houbo no encontro de En Marea (ao que xa nin gañas tiven de ir vista a falta de altura de miras que amosan tirios e troianos) e parei un pouco na nova da oportuna homenaxe que se lle vai tributar en Lugo o vindeiro 3 de novembro ao tan benquerido como chorado Isidro Novo, tan vinculado a Viveiro. Case pechando a sesión, de súpeto, atopo unha foto túa e un pé demoledor que anuncia o teu pasamento na noite do 29 de outubro…
Tardo en reaccionar. Gustavo, morto? Veume á cabeza o precioso verso que un día Uxío Novoneira dedicou ao pintor Carlos Maside: “Eu non sei pensarte morto”. Eu tampouco a ti. Non hai tanto estabamos tendo unha preciosa conversa na libraría Biblos de Betanzos, onde se mesturaban as lembranzas do Viveiro das nosas infancias, a complicada situación do teatro galego, as consecuencias desa estafa capitalista monumental á que deron en chamar “crise”, o meu libro sobre as Irmandades… Escribinvos ese día unha dedicatoria chea de afecto e cordialidade, que ti e Ánxela agradecestes co corazón nos beizos, nunha especie de brinde a un encontro tan casual como intenso.
Cada vez que tivemos ocasión de coincidir e falar, sentín unha profunda empatía contigo. Nos actos de homenaxe a Tobío. Nas celebracións sobre Pastor Díaz na Academia Galega, con Fausto Galdo aínda entre nós. Nunha rúa de Compostela, ou da Coruña, ou de Viveiro, onde quer que cadrase… Sempre. Un fluír de ideas que nos aproximaban, de visións coincidentes sobre as cousas da vida e do mundo. Unha cordialidade doada e intensa fronte a unha persoa que se amosou comigo decote sen dobrez, sen miseria, sen trampa. Auga de fonte limpa, en contraste co pezoñento rancor velenoso que certo amigo noutrora común de nós os dous, como ben me advertiches, anda a deitar sempre que pode, obsesionado, contra min.
Fun espectador e lector atento de case todos os espectáculos e pezas coas que soubeches enriquecer de maneira decisiva o teatro galego de finais do século XX: O galego, a mulata e o negro (1990, editada en 1999), Sucesos (Premio Dieste en 2004), Medidas preventivas (2006), Tres logomonos (2012), o ensaio Os ollos de Victorine e a construcción da cuarta parede (2006)… Aplaudín con total convencemento ese monllo de obras túas, que Ánxela axudou a corporeizar nos escenarios, onde deitaches unha ollada tan crítica como profunda sobre as relacións humanas e os comportamentos sociais contemporáneos: a soidade e a incomunicación, o falseamento da democracia, o consumismo, a xenofobia, o machismo, a violencia, a corrupción, a deshumanización… Un teatro crítico e comprometido, pero non burdo nin panfletario; un teatro intelixente, audaz, mordaz e verdadeiro, fronte á farsa continua dos poderosos agochados na sombra e o peso das ideoloxías que nos fan máis escravos en vez de máis libres, aínda que se vistan de seda.
Ese, en definitiva, será o teu legado imperecedeiro, amigo Gustavo. Iso e a perfumada sensación de autenticidade que fica en todo o que da túa man estivo. Que a terra che sexa leve e que canten eternamente os merlos no teu oído.”