Manuel Lourenzo: “O teatro leva moito tempo inventado e aínda ninguén puido con el”

Entrevista de María Obelleiro a Manuel Lourenzo en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Que é para vostede o teatro? Comezamos forte.
– Manuel Lourenzo (ML): (Ri) É unha forma de estar na vida, como pode ser outra. É unha forma moi activa de estar presente, de porte nun lugar, diante do público e mostrar comportamentos e expresarte a través dunha máscara que tes diante, aínda que non se vexa, e con ela falar das cousas que queres e tes necesidade de falar, e non de bobaxes.
– SG: Como foron os seus inicios no grupo de teatro do Facho, ligado á agrupación cultural homónima?
– ML: Eu viña reuníndome cun amigo meu, Pancho Pillado, falando horas, e horas e horas de teatro. Falando de que había que facer un teatro en galego, para Galiza, e de que a nosa xeración tiña que ser a que arrancase. Aquilo non podía ser, duraba demasiado, e había que espertar, non chegaba con ler libros e facerse culto, había que comunicarse cos demais en voz alta, é dicir, co teatro, e inventar unhas formas de expresión que permitisen que chegase esa mensaxe que queríamos dar sen que nos metesen no cárcere.
– SG: A estudosa Laura Tato marca a creación do grupo de teatro do Facho como o inicio do Teatro Independente Galego, comparte esa opinión?
– ML: Enteiramente. É a época en que a min me chamaron os amigos para que levase o grupo do Facho –eu non era socio– e usabamos un local na Cidade Vella da Coruña para ensaiar. Así comezou todo. Despois fixemos traducións, lecturas dramatizadas de Cousas, de Castelao… até que chegou o momento en que nos reunimos tres amigos en Fisterra, Alfredo Ferreiro, Xan Cejudo e eu, e dixen que había que facer un teatro que puidese saltar a barreira da censura e á vez que nos permitise contar o que queriamos contar.
– SG: Porén, o recital de Rosalía que organizaban prohibíronllo. Que aconteceu?
– ML: Estaba feito cunha forma de teatro da que gosto moito, o teatro central. Había exclusivamente como atrezzo unha luz nun cubo translúcido e iluminaba quen estabamos ao redor, uns oito ou dez. Esa luz era para traspasar as cousas que Rosalía dixera e que non tiñan nada de morriñento, era unha posta ao día sobre a situación das galegas e galegos ante a vida e a sociedade. Fíxose a estrea e aquilo prohibírono radicalmente. Conseguín saber por que. O papel non mo deron pero houbo un señor, en Información e Turismo, que mo deixou ler. Dicían que atentaba contra “la unidad de la común nación española” e que presentaba “una Galicia de emigración y cementerio que en absoluto se correspondía con la floreciente región actual”. Nese momento, decateime de onde estaba metido. Eu tiña a sensación de que o franquismo ía durar sempre e de que o tirano era eterno. Non podía explicarme a min mesmo como podía chegar a ser unha democracia. O que eu coñecera, en Alemaña, era unha sociedade que eu tampouco desexaba, en que o individuo estaba ninguneado, unha sociedade dos cartos, cartos, cartos, produción, produción, produción. Non quería iso aínda que se chamase democracia porque non deixaba respirar. Eu quería unha vida en que se respirase. A sombra dese señor aínda me dura hoxe, aínda teño que loitar contra ela e ser consciente de que loito contra ela, porque en calquera momento vén un sombrón deses e tápanos. (…)”