María Alonso Seisdedos, premio Xela Arias da Asociación da Tradución

Desde AGPTI:
“No pasado 30 de setembro, Día Internacional da Tradución, a AGPTI (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación) anunciou a creación dun novo galardón co nome Premio Xela Arias. Este premio, de carácter simbólico, vai dirixido a empresas, entidades ou persoas que destaquen pola promoción da tradución ou interpretación cara ou desde o galego, e os seus obxectivos son dar a coñecer a profesión, pór en valor o galego como lingua de traballo e reivindicar a figura da poeta e tradutora galega Xela Arias (1962-2003).
Neste 30 de outubro, a AGPTI ten o pracer de anunciar que, entre as dez candidaturas presentadas, decidiu outorgar o primeiro premio Xela Arias a María Alonso Seisdedos, tradutora literaria e audiovisual.
María Alonso, que é socia da AGPTI, é responsábel dun gran número de traducións que teñen sido moi significativas para a normalización e dignificación da lingua galega, tanto pola importancia dos traballos como pola súa gran calidade. Entre outros autores e autoras, verteu ao galego obras de Orhan Pamuk, Herman Koch, Kazuo Ishiguro, Cornelia Funke ou Andrea Camilleri e traduce desde linguas como o inglés, o italiano, o francés, o alemán, o portugués, o catalán ou o castelán. Ademais, foi membro do equipo de tradutoras e tradutores que verteu ao galego o Ulises de Joyce e que gañou o Premio Nacional á Mellor Tradución en 2014.
Alonso tamén ten traballado desde 1986 como tradutora audiovisual para a TVG en innumerables series, documentais e filmes. Un dos seus proxectos máis coñecidos é o da serie Shin Chan, que deixou unha gran pegada para toda unha xeración e que é recoñecido pola súa calidade e pola súa importancia para a lingua galega.
O compromiso de María Alonso tanto coa súa profesión como coa lingua galega e a súa vitalidade son un dos motivos principais polos que a xunta directiva da AGPTI decidiu que debería ser a premiada nesta primeira edición.
O premio será entregado nun acto simbólico que se celebrará na feira das industrias culturais galegas Culturgal, o sábado 1 de decembro ás 12:30.”