Hemeroteca: Entrevista a Gustavo Pernas Cora

Desde Erregueté:
No número 44 (outono 2005) da erregueté | Revista Galega de Teatro, publicabamos esta entrevista co recentemente falecido Gustavo Pernas Cora. Daquela, acababa de recibir o Premio Rafael Dieste pola súa obra Final de película, e preparaba a montaxe da mesma. Queremos recuperar aquí este texto que amosa o compromiso, a lucidez e o fondo sentido crítico dun grande home de teatro prematuramente desaparecido e cuxa obra está chamada a perdurar e exercer de estímulo ás novas xeracións. Sirva esta pequena peza como homenaxe de todxs xs que facemos a erregueté. (…)
– Revista Galega de Teatro (RGT): Como cres que determinan os premios de teatro aquí e agora a traxectoria dun autor? E dun director de escena?
– Gustavo Pernas (GP): No que respecta á publicación, esa dimensión que é necesario potenciar na nosa dramaturxia, a presenza real do texto na forma dun libro, preserva a este do circunstancial e lle garante un futuro, un futuro imperfecto, claro, pero con visos de permanencia, aínda que sexa en algún fondo soterrado ou andel agachado de biblioteca. Pero non nos enganemos, no noso país funcionan mellor as casualidades que as causalidades. A lei causa-efecto non é de aplicación fácil en Galicia. A repercusión do premio a nivel de posta en escena é moi relativa, se ben a financiación está garantida polas características propias do premio, concorren entre a obra e o público demasiadas condicións e demasiados intermediarios. A experiencia que tivemos con Footing non foi positiva neste sentido. Chegado un momento, á hora da distribución da montaxe, mesmo nos planteamos en Áncora Produccións, nosa compañía, se sería conveniente ou aconsellable publicitar que fora premio Rafael Dieste, porque comprobamos que en moitos sitios isto non era recibido con bo criterio, que eran máis os castigadores, dispostos a desmerecer ese feito e a crear obstáculos, que os que dun xeito san e lóxico correspondían a ese valor de produción. Estou convencido de que ese certo caracter mesquiño e envexoso, ese cainismo, esa propensión ao ninguneo é un dos principais atrancos para o crecemento deste país. E sen ir máis lonxe, nas subvencións do IGAEM deste ano, dase o paradoxo de que se considera o proxecto Final de película de “especial interese”, pero se lle asigna á compañía unha puntuación menor cá de anos pasados e unha contía económica moito menor cá doutros espectáculos calificados coa mesma categoría pero cunha traxectoria moito máis escasa cá nosa. Deseguida veñen as rebaixas. En fin, país veredes.
– RGT: Falemos da obra. Final de película é un texto perfectamente medido, acabado en tódolos aspectos co que (opino eu) demostras e corroboras definitivamente un talento coma escritor dramático que redondea definitivamente aquela característica túa de “home de teatro total”. No texto lemos factores que pertencen á túa linguaxe escénica persoal, pero tamén hai novidades, sobre todo canto á estrutura e á contención. A que vontades responde a construción da obra? Que retos persoais te propuxeches?
– GP: Agradézoche esas observacións. Como ben sabes, mesmo aquilo que debe aparecer como algo casual, nesa sá competencia co mestre azar, da que falabamos, supón un traballo minucioso e delicado. Gústame a analoxía de facer encaixes de Camariñas. Non é suficiente con mirar como cae a pedra na auga, é preciso pescu- dar nas pequenas ondas que se producen e xogar a alterar o impacto, a traxectoria…
Non sei, practico este exercicio de desenvolver a estrutura sobre a liña horizontal e argumental entre o clásico principio e final trenzándoa con eses ciclos ou círculos concéntricos que modifican e afectan a progresión dramática. Así somos na vida real, ¿non?, aparentamos ser sinxelos, pero agachamos unha complexidade… ou viceversa. Isto mesmo lles acontece aos personaxes de Final de película. Desta vez coloquei a seis personaxes nunha sala de cine, unha pequena sala na que se proxectan películas de madrugada, con moi poucos espectadores, asistidos por un acomodador cego. Os espectadores son solitarios, sentan de un en un, e pertencen a diferentes xeracións, mesmo por momentos, tres deles semellan formar parte dunha familia, un pai, unha nai, un fillo, cos seus conflitos habituais, os de hoxe en día. Pois ben, cando a película esta a punto do clímax, a proxección interrómpese e os espectadores xogan a lanzar hipóteses sobre o final, opinións que os enfrontan e os empuxan a implicarse persoalmente. A aparición doutro personaxe, unha inmigrante colombiana, que garda similitudes coa protagonista da película, conduce a trama polo camiño do drama ou do thriller até ir conformando todos eles a súa propia película cun final imprevisto. É esencial nesta obra o tema da familia, esa célula representativa da nosa sociedade, sempre nun difícil equilibrio de convivencia, chea de pequenos vicios e virtudes, en constante combate xeracional, a punto de fragmentarse, célula exposta a diversas infeccións, a ameazas reais e ao medo que utilizan como valor de cambio os políticos. E fronte ao familiar, a figura do estranxeiro, do inmigrante, pode aparecer coma un chivo expiatorio, un falso culpable que cohesiona transitoriamente a familia. Trátase da hipocresía de sempre servida na bandexa de deseño da sociedade moderna, sofisticada, enganosa, tramposa coa linguaxe e as formas. En Final de película persisto en deixar ocos para que xogue o espectador, en xogar máis co que se cala que co que se di, en suxerir, en apuntar… Non esquezamos que os protagonistas son os espectadores e que moitas veces ven máis sombras que luces. (…)”