Xurxo Souto: “A maior proba de que A Coruña e Vigo son iguais é que Caballero crese Paco Vázquez”

Entrevista a Xurxo Souto en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Como é a súa nova obra [A gran travesía de Chiruca Macallás]?
– Xurxo Souto (XS): É un libro, e o digo con toda humildade, diferente. Porque fala do mar e as mulleres son todas protagonistas. No mar, as mulleres sufren unha dobre invisibilidade: porque é un mundo esquecido e máis pola condición de mulleres. Neste caso Chiruca, a protagonista, é patroa do Gran Sol. A maquinista tamén é unha muller. E reivindico o traballo de redeiras e mariscadoras. E mesmo os mitos do mar están contados en clave de muller.
– LO: Outro elemento diferente é que na novela A Coruña e Vigo son a mesma cidade. Por que?
– XS: É un pouco provocador pero desde os ollos do mar, A Coruña e Vigo son a mesma cidade. Para un barco que cruza o Atlántico, é o mesmo atracar nun peirao ou noutro. O que ocorre é que unha rapaza de Coia non sabe onde queda Labañou e un de Labañou non sabe o que é Teis. (…)
– LO: Con que obxectivo?
– XS: Co de reivindicar a unión emocional entre Vigo e Coruña.
– LO: Haberá lectores que non o entendan ou lles sente mal?
– XS: Non creo. Levamos moito tempo facendo chistes de Vigo e A Coruña e está ben que o fagamos porque é moi divertido. Pero o certo é que en Vigo están desolados porque o Deportivo está en Segunda División e non hai derbi. Realmente é algo superficial e alentado quizais por políticas localistas. Pero non serve para nada esa rivalidade. O día en que as dúas cidades máis importantes en número de habitantes de Galicia comecen a colaborar poderemos cambiar a realidade. (…)”