AveLina Pérez estrea Deixa de tocala, Sam no Teatro Ensalle de Vigo

Desde Erregueté:
“O Teatro Ensalle de Vigo remata o ano coa xuntanza en escena de dous creadores moi singulares: AveLina Pérez, actriz e dramaturga que xa coñecemos en Ensalle e Velpister, pianista que estará por primeira vez na sala. A calidade e sensibilidade musical de Velpister será unha sorpresa para algún dos espectadores da sala, mentres que o humor acedo de AveLina Pérez xa é coñecido.
Dende o seu debut no IV Programa Vigo en Bruto AveLina Pérez espertou o interese do público da sala polo seu teatro cheo de contido e crítica non carente de moito sentido do humor. O seu traballo escénico, expón textos cunha multiplicidade de rexistros e a constancia dunha muller cunha fertilidade creativa moi por enriba do normal. (…)
Os días 7 (22:00h), 8 (22:00h) e 9 (21:00), o Teatro Ensalle estrea Deixa de tocala, Sam. “Teatro de salón” coa marabillosa decadencia de AveLina Pérez e Velpister. O punto de partida desta creación ten lugar hoxe, agora, cando os referentes se esnaquizan contra o chan, nun golpe seco, e os varredores de lixo recollen o lixo nas bolsas para o lixo. Cando o príncipe de Dinamarca xa non nos salva.”