Bases do I Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle

“1. A Asociación Cultural Alexandre Bóveda convoca o I Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle.
2. Os orixinais estarán escritos en galego e a temática será libre.
3. As obras presentadas terán un máximo de 20 folios, en tipo de letra Times New Roman, e cun tamaño de letra de 12; ou ben mecanografados a dobre espazo.
4. Establécense un 1º Premio e dous 2º premios, os cales serán publicados nos Cadernos de Teatro Alexandre Bóveda. Asemade o 1º Premio será estreado, en formato de lectura dramatizada, por ACAB Teatro, o grupo teatral da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.
5. O prazo de admisión de orixinais rematará o 1 de maio do 2018.
6. Os participantes e as participantes no I Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle comprométense a aceptar o regulamento das presentes bases.
7. Os orixinais non serán devoltos aos autores e autoras.
8. Os orixinais serán enviados ao seguinte enderezo: Asociación Cultural Alexandre Bóveda. Rúa dos Olmos,16-18, 1º – 15003 – A Coruña. Figurando dentro do sobre tres copias, outro sobre no que constará no seu exterior o lema co que se presenta o traballo, e no seu interior, os datos do participante: Nome, enderezo, título da obra e teléfono, de contacto.
9. O xurado estará formado por profesionais do sector de recoñecido prestixio.”

Bases do 13º Premio Abrente de Textos Teatrais

13º PREMIO ABRENTE DE TEXTOS TEATRAIS

“Coa intención de incentivar e apoiar a creación dramática en lingua galega e por ser o teatro a actividade que maior incidencia e proxección histórica lle outorgou á ribadaviense Agrupación Cultural Abrente (1969-1983), o Concello de Ribadavia a través da Mostra Internacional de Teatro (MIT) convoca, en lembranza daqueles “Concursos de Textos Teatrais”, a 13ª edición do Premio Abrente para Textos Teatrais 2018, de acordo coas seguintes bases:

1ª REQUISITOS
Poderán optar ao premio todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten obra dramática inédita e nunca antes premiada ata a data de resolución desta convocatoria, sempre que estea escrita na normativa oficial da lingua galega.

2ª PREMIOS
Establécese un premio único e indivisible, dotado con 3.500 euros e a edición da obra gañadora.
O Concello reservará por un prazo de doce meses os dereitos de edición e representación da obra e entregará ao gañador/a un total de vinte exemplares. Igualmente, o Concello poderá promover, a través da Mostra Internacional de Teatro, a produción para a escenificación da obra premiada, sen que isto supoña unha compensación complementaria para o autor/a.
En calquera montaxe que se faga da obra gañadora farase constar, necesariamente, tanto no programa, cartel, publicidade, etc., a mención expresa “PREMIO ABRENTE DE TEATRO. MIT RIBADAVIA 2018”.

3ª PRESENTACIÓN DOS ORIXINAIS
As obras serán de tema e extensión libre e presentaranse por triplicado, mecanografadas a dobre espazo, en tamaño DIN A4, fonte de letra Times New Roman, por unha soa cara e coas follas numeradas, grampadas ou encadernadas.
Os orixinais presentaranse baixo o título e un lema ou pseudónimo, acompañados dunha plica onde deberá figurar, no exterior, o título e o lema ou pseudónimo e conter, no interior, os datos persoais da autora ou autor: nome, apelidos, DNI, enderezo postal, número de teléfono e correo electrónico.

4ª PRAZO E LUGAR DE ADMISIÓN
O prazo de admisión de orixinais remata o día 22 de xuño de 2018 e deberán enviarse ao seguinte enderezo:
Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Praza Maior s/n, C.P. 32400, Ribadavia, Ourense
Deberase indicar no exterior do sobre “13º Premio Abrente para Textos Teatrais, 2018”

5ª XURADO
O xurado presidirao o Alcalde de Ribadavia ou persoa en quen delegue e formarán parte del: a Concelleira de Cultura ou persoa en quen delegue, o Director da Mostra Internacional de Teatro e tres persoas de recoñecido prestixio no ámbito da arte teatral. O nomeamento do xurado farao o Alcalde e actuará como secretario/a a persoa elixida por maioría entre os membros integrantes.
A composición do xurado farase pública con anterioridade á súa reunión, coa intención de que se poidan interpor, se fose o caso, as alegacións pertinentes.

6ª COMUNICACIÓN DO DITAME
O xurado actuará en sesión única, sendo precisa a asistencia de dous terzos dos seus membros.
As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente. A obra gañadora será escolleita entre dúas obras finalistas, sendo a gañadora a que obteña un mínimo de catro votos. A plica correspondente á obra finalista poderá ser aberta polo secretario do xurado se se considera oportuno para que, se o autor/a o permite, se dea a coñecer de maneira pública. O veredito do xurado será inapelable.
O xurado poderá declarar deserto o premio e a súa proposta será obxecto de resolución da Alcaldía-Presidencia do Concello de Ribadavia, que é o órgano competente para resolver o premio.
A decisión do xurado darase a coñecer publicamente en xullo de 2018, no contexto da XXXVI edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.

7ª RETIRADA DE ORIXINAIS NON PREMIADOS
Os orixinais non premiados poderán ser retirados das dependencias do Concello de Ribadavia no prazo de 30 días naturais a partir do seguinte da decisión do xurado. Aqueles orixinais que non sexan retirados nun prazo de dous anos pasarán a formar parte dos fondos do Concello, previa destrución das plicas que conteñen os datos persoais dos concursantes.

8ª ACEPTACIÓN DAS BASES
A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases. A entidade organizadora queda facultada para resolver calquera cuestión non prevista nas presentes bases.

Ribadavia, febreiro de 2018″

Bases do XXIV Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, X Premio Manuel María de literatura dramática infantil e XIII Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques

Bases do I Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual

“Nos últimos anos estase a dar un florecemento do teatro e a dramaturxia en Galicia. A aparición de novos dramaturgos con ampla formación e con linguaxes innovadoras para o panorama teatral galego, está a consolidar unha nova xeración de autores recoñecidos dentro e fora da nosa comunidade.
As principais dificultades ás que se enfrontan os autores teatrais das novas xeracións do teatro galego, non só pasan pola falta de representación escénica das súas obras senón que viven unha eiva no eido da publicación e difusión da súas creacións.
Na procura de maior visibilidade dos novos dramaturgos e dramaturgas, nace o I Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual convocado por Feira do Leste e co apoio da Deputación de Pontevedra.

1. Poderán concorrer ao Certame todas as persoas que o desexen, de calquera nacionalidade, con textos teatrais inéditos e non premiados noutros certames, que estean escritos en lingua galega.
2. As OBRAS serán de temática e extensión libre. E nelas deberá procurarase o bo uso da lingua galega. Cada autor poderá presentar máis dunha obra.
3. O PREMIO consta da edición e publicación da obra gañadora dentro dun volume xunto con outras pezas de dramaturgos galegos actuais. Así mesmo, o gañador recibirá 10 exemplares da obra como compensación dos dereitos de autor e unha porcentaxe dos beneficios obtidos pola venda de cada exemplar durante o primeiro ano. Poderase outorgar o premio a varias obras ou autores se así o estima o xurado e a organización.
4. O PRAZO de presentación de orixinais comeza o 18 de outubro e remata o 1 de decembro de 2017 (ámbolos dous incluídos).
5. O ENVÍO das obras farase exclusivamente a través do formulario de inscrición da páxina web oficial do certame ou mediante o correo electrónico certame@novadramaturxia.feidadoleste.com. Enviaranse dous arquivos: un coa obra (con título e lema) e a plica (no que constará o nome e apelidos do autor, lema, título e breve sinopse da obra, teléfono e email).
6. O XURADO estará conformado por profesionais do teatro e do mundo da cultura e prestarán especial atención á innovación dramatúrxica, as novas linguaxes contemporáneas e a singularidade temática das pezas. A elección das obras será anónima.
7. Os orixinais non premiados serán destruídos.
8. Se durante o tempo de presentación e deliberación a obra presentada recibise algún premio ou fose editada, o autor deberá comunicalo á organización do certame.
9. O feito de participar neste certame supón a aceptación total destas bases. O non previsto nelas será resolto pola organización.”

Bases do XI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico (amplíase o prazo ao 15 de outubro)

OBXECTO.
Desde a contemporaneidade e inscrito nunha tradición que fixo da radio canle de expresión artística, o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico pretende promover a creación cultural dun corpus dramático no formato do teatro radiofónico.
A Radio Galega, a través do programa Diario Cultural e coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, organiza a undécima edición dun premio que pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio e contribuír á recuperación do formato do teatro radiofónico. Non se trata tanto de recuperar as fórmulas convencionais do radioteatro como de estimular a creación de pezas dramáticas contemporáneas e facilitar unha plataforma de creación aberta ás novas linguaxes artísticas na radio.
As obras seleccionadas polo xurado, emitiranse na Radio Galega e editarase nun libro-CD. Outorgaranse os Premios do Xurado e da Audiencia, dotados cada un deles con 3.000 euros.

BASES:
1ª.- Poderán participar tódolos escritores e escritoras que o desexen, sempre e cando non manteñan unha relación laboral coa CRTVG ou Televisión de Galicia, S.A. (TVG, S.A.).
Os participantes deberán ser maiores de 18 anos.
2ª.- Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos, escritos en lingua galega e non poderán ser adaptacións. Deberán estar libres de todo compromiso anterior con emisoras de radios, televisións, editoriais ou entidades semellantes.
3ª.- Os traballos adoptarán o formato de guión radiofónico dramático. Estarán calculados para que a súa duración en antena sexa de dez minutos como máximo. As obras terán un elenco de cinco personaxes como máximo. Os/as autores/as poderán utilizar, coas indicacións pertinentes, cantos recursos radiofónicos consideren necesarios para que o texto sexa realizado de maneira axeitada: música, planos sonoros, efectos, etc. O director ou directora das dramatizacións radiofónicas poderá facer as adaptacións necesarias para a súa realización e emisión. Cómpre ter en conta que as obras serán emitidas nas distintas franxas horarias, tamén en horario infantil.
4ª.- Non se admitirán máis de dous guións por autor/a e de cada obra presentaranse o orixinal e cinco fotocopias. Os/as autores/as concursarán polo sistema de plica. En sobre pechado deberán facer constar o seu nome, apelidos, DNI, enderezo postal, correo electrónico e número de teléfono. Os traballos faranse chegar por correo ó seguinte enderezo
Radio Galega, Diario Cultural
XI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico
San Marcos 15820. Santiago de Compostela

Conservaranse durante un mes a partir da data na que se faga pública a resolución do xurado e logo destruiranse.
O prazo de admisión de orixinais comezará cando se faga pública esta convocatoria e rematará o día 24 de setembro de 2017. O prazo para a presentación de orixinais amplíase até o 15 de outubro de 2017.
5ª.- Os argumentos das obras serán de temática libre.
6ª.- O xurado estará integrado por profesionais de recoñecido prestixio do ámbito da escena galega e da radio
O xurado valorará especialmente a calidade literaria e dramática das obras e a súa adaptación ó medio radiofónico.
7ª.- Os/as autores/as comprométense a autorizar a dramatización e emisión pola Radio Galega das obras presentadas, de seren estas seleccionadas, así como a súa edición en libro-CD e a súa publicación na web da CRTVG. A tal fin os/as autores/as premiados e finalistas ceden á Radio Galega os dereitos de comunicación pública, reprodución e distribución precisos para a posta en antena da obra e a súa primeira edición en libro e disco compacto.
Os/as autores/as que o desexen poderán enviar co texto as gravacións das dramatizacións en soporte de CD. As gravacións non serán tidas en conta na valoración dos textos teatrais polo xurado, pero, de seren finalistas os textos, si serán emitidas pola Radio Galega para a votación da audiencia en lugar da dramatización realizada polo equipo artístico.
8ª.- O xurado escollerá entre as obras presentadas catro finalistas como máximo. Unha vez escollidas, procederá á apertura das plicas e fará pública a autoría das obras finalistas. A partir dese momento, a dirección das adaptacións poderá consultar cos/coas autores/as para a produción da obra. A audiencia e o xurado valorarán cada unha das pezas radiofónicas resultantes. As obras seleccionadas serán emitidas pola Radio Galega.
9ª.- Das obras emitidas o xurado outorgará un premio único dotado con 3.000 euros e a audiencia escollerá por votación a obra que obterá o Premio do Público, dotado con 3.000 euros. O xurado reserva para si a facultade de declarar deserto o premio convocado.
Os premios están suxeitos ás retencións legalmente establecidas.
10ª.- Calquera incidencia non prevista nesta convocatoria será resolta polo xurado.
11ª.- O feito de concursar supón a aceptación destas bases, que poden ser consultadas na web da crtvg.es.

PROTECCIÓN DE DATOS DE CARÁCTER PERSOAL
De acordo co disposto na Lei Orgánica 15/1999 de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal, infórmase de que os datos de carácter persoal recollidos ó abeiro deste certame serán incorporados a un ficheiro do que é responsable TVG, S.A., con sede en Bando – San Marcos s/nº, 15820 Santiago de Compostela, co fin de resolver a xestión e difusión do concurso. Os interesados poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición dirixindo unha solicitude asinada por escrito ó Servizo de Informática da CRTVG no enderezo sinalado, xunto cunha copia do seu DNI.
Os autores premiados autorizan a comunicación dos seus datos persoais a través dos medios de comunicación e da páxina web da Radio Galega co fin de anunciar os gañadores.”

Aberto o prazo de inscrición para os XXI Premios de Teatro María Casares

Desde a Asociación de Actores e Actrices de Galicia:
“A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) convoca os XXI Premios de Teatro María Casares, cuxa gala de entrega se celebrará o vindeiro 29 de marzo no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Poderán participar todos os espectáculos de teatro de actor en lingua galega estreados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2016 e o prazo de inscrición iniciouse o xoves 22 de decembro e pecha o 11 de xaneiro ás 15:00 horas.
O proceso tanto de inscrición como de votación realizarase integramente a través da rede, a través da páxina web da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. A ferramenta de inscrición pódese atopar nesta ligazón, dentro da sección específica para os Premios de Teatro María Casares, que contén unha ampla base de datos dos espectáculos presentados ao longo das anteriores edicións e que irá incorporando as producións que se presenten a este galardón. No formulario de inscrición, as compañías han de incorporar un programa, cartel e fotografías do espectáculo, ademais de indicar os seus candidatos nas diferentes categorías. Tedes as bases dos premios nesta ligazón.
Os Premios de Teatro María Casares entregáronse por vez primeira en 1997 e dende aquela son o gran escaparate do teatro e a gran festa para todos os profesionais do sector. En total, os galardóns contan con 14 categorías: espectáculo, espectáculo infantil, actriz protagonista, actor protagonista, actriz secundaria, actor secundario, dirección, adaptación-tradución, texto orixinal, música orixinal, iluminación, escenografía, maquillaxe e vestiario. Durante a gala, que se celebrará o 29 de marzo, entregarase o Premio de Honra Marisa Soto e darase a coñecer o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro.