Lugo: Homenaxe a Isidro Novo, o 3 de novembro

A Homenaxe a Isidro Novo terá lugar o 3 de novembro de 2018. A AELG fai parte da comisión organizadora da homenaxe.

Sábado, 3 de novembro de 2018
ENTRADA LIBRE
Auditorio do Centro Cultural Vello Cárcere (Lugo)

Programa

Simposio Isidro Novo
Auditorio do Centro Cultural Vello Cárcere (Lugo)
10:30-10:50 Intervención de J. Luis Calvo: Isidro Novo: retrato robot.
10:50-11:10 Intervención de Xosé Ramón Freixeiro Mato: Isidro Novo no ronsel das palabras fuxidías.
11:10-11:30 Intervención de Yago Rodríguez Yáñez: Unha achega intimista á narrativa de Isidro Novo.
11:30-11:50 Intervención de Marica Campo: A poesía de Isidro Novo.
11:50-12:15 Pausa café.
12:15-13:30 Alén da escrita. O outro Isidro.
Faladoiro coa participación de Cesáreo Sánchez Iglesias, Darío Xohán Cabana, Paco Martín e X. Henrique Rivadulla Corcón.
Presentan e moderan: Lois Pérez e Antonio Reigosa.

Descuberta placa-homenaxe
Rúa Bispo Aguirre, 10
13:45 Descuberta da placa-homenaxe a Isidro Novo por parte da Asociación de Escritoræs en Lingua Galega (AELG) na que foi última morada de Isidro Novo.

Recital poético-musical
Patio do Centro Cultural Vello Cárcere (Lugo). Entrada libre
17:30 Intervencións de:

Música

  • Tundal
  • Minhotos
  • Pilocha

Presentan Lois Pérez e Antonio Reigosa.

Exposición: Tocar as mans de Isidro Novo
Durante a xornada e no mesmo espazo (patio central e celas do Vello Cárcere) poderá contemplarse unha exposición con libros, fotografías, ilustracións e outros obxectos vinculados ao labor creativo e vivencial de Isidro Novo.
Comisaria: Viki Rivadulla.

Compostela: visita guiada á exposición “BibliotequEros. O erotismo nas bibliotecas do Museo do Pobo Galego”

O xoves 11 de outubro, ás 18:00 horas, a Oficina de Socias e Socios do Museo do Pobo Galego xunto coa Biblioteca do Museo organiza unha visita guiada á exposición “BibliotequEROS. O erotismo nas bibliotecas do Museo do Pobo Galego“, que se exhibe no Museo do Pobo Galego até o día 14 de outubro.
A visita será guiada polo comisario da exposición, D. Santiago Díaz Lage.
Prégase que as persoas que desexen asistir o comuniquen indicando o seu nome e apelidos no correo da Oficina de Socias e Socios (socios@museodopobo.gal). O aforo é reducido.
O prazo para a inscrición remata o mesmo xoves ás 17:00 horas.

Compostela: “Castelao maxistral. A boa obra ao mestre honra”

Desde a Cidade da Cultura:
“O 5 de outubro inauguramos no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura Castelao maxistral, unha homenaxe ao papel dos mestres e mestras de Galicia e ao importante labor que fixeron —nunha época (1900-1936) de gran precariedade de medios no ensino e sen material pedagóxico— para intentar mudar esta situación e acadar unha maior alfabetización da poboación e, sobre todo, que as clases sociais máis desfavorecidas tiveran tamén acceso á educación, e en galego.
Deste xeito, este proxecto expositivo — comisariado polo historiador e vicepresidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane— céntrase, por unha banda, en recrear a situación do ensino en Galicia nesa época —principios do século XX ata 1936— e por outra, en pór en valor os avances que se realizaron grazas ao esforzo e implicación persoal enorme destes docentes para asentar as bases da educación pública tal e como hoxe a coñecemos, cunha transformación con ideas pedagóxicas renovadoras que se viu truncada co estoupido da Guerra Civil.
O eixe desta exposición é a primeira mostra en Galicia da simbólica pintura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, A derradeira leición do mestre (1945), e elixiuse a Cidade da Cultura de Galicia como sede. Esta obra consérvase no Centro Galicia de Buenos Aires, cidade na que foi realizada polo autor, e nunca ata agora tiña saído desta institución. A pintura, de dous metros de altura, baséase na estampa n.º 6 do libro Galicia mártir publicado por Castelao en 1937. O tema é o do mestre asasinado na Guerra Civil española ante uns nenos que se laian conmocionados. Unha escena tráxica chea de tristeza e denuncia. As descricións desta obra apuntaron o paralelismo entre o fusilamento do mestre e o do seu amigo, o intelectual Alexandre Bóveda, o 17 de agosto de 1936.
Castelao maxistral recolle este testemuño e contextualiza a situación do ensino en Galicia en tempos da República e incide na importante tarefa e o grande interese de Castelao a prol dunha educación en Galicia: libre, universal e en galego, da que foi un acérrimo defensor. Precisamente, débese salientar que Castelao maxistral é o primeiro proxecto expositivo que recolle todos os debuxos (40) que o artista de Rianxo lle dedicou ao ensino obrigatorio, que na época era ata os 9 anos de idade.”

Santiago: Observatorio da Nova Diáspora, do 20 ao 22 de xullo