Fernando Castro Paredes recibe o Vidal Bolaño de textos teatrais

Desde Galaxia:
“O sábado 2 de xullo, ás 19:00h, o Bar Liceum do Porriño acolleu o acto de entrega do premio do I Certame de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño, do que resultou gañador hai un par de semanas Fernando Castro Paredes coa súa obra A derradeira bala. Un texto do que o xurado destacou o seu “tratamento do absurdo dos conflitos bélicos dende o propio absurdo“, así como “a ironía, o humor e o coidado da dimensión poética” na linguaxe. Ademais do gañador, que recibiu emocionado o galardón desta primeira convocatoria, interviron no acto Francisco Castro, director xeral de Galaxia, e Delio García, profesor do IES Ribeira do Louro, representantes das dúas entidades convocantes. Deu lectura á acta do xurado, a dramaturga e secretaria do mesmo, Raquel Castro. E a nota musical puxérona Fernando Abreu e David Barros. A derradeira bala chegará ás librarías galegas o vindeiro outono na colección Costa Oeste.”

Fallo do xurado do I Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle

Desde a A. C. Alexandre Bóveda:
“O día 15 de xuño, no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña, tivo lugar a reunión do xurado do I Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle. O mesmo estivo composto por Xosé Manuel Rabón, director de escena tanto de ópera como de teatro, Sabela Hermida, actriz e autora de diferentes traballos sobre o oficio teatral e Lino Braxe, dramaturgo e director de escena quen actuou como secretario do xurado.
Falláronse un 1º Premio e dous accésits tal e como se indica nas bases.
O 1º Premio recaeu na obra Fashion Victims, da que resultou gañador José Luís Baños de Cos.
O 1º Accésit foi para a peza Albatros en terra, da autoría de Alberto G. Aneiros.
E o 2º Accésit recaeu no texto No ventre da balea, de Fernando Castro Paredes.
O texto gañador será posto en escena en formato de lectura dramatizada, mentres que as tres pezas serán publicadas no 1º Caderno de Teatro Jenaro Marinhas del Valle.

E para que consten asinan este documento
Sabela Hermida
Xosé Manuel Rabón
Lino Braxe”

Xa temos gañadores do XXV Certame Literario de Poesía, Narración Breve e Microteatro de Cambre

Desde o Concello de Cambre:
“O IES Afonso X O Sabio, da Barcala, acolleu a entrega de premios do XXV Certame Literario de Poesía, Narración Breve e Microteatro Cambre 2018. O centro organizou un programa combinado de literatura e música, disciplinas que combinan á perfección e que fixeron del un encontro ameno e tamén reivindicativo.
O acto estivo presidido polo director do centro, Félix Rodríguez Sanjurjo, quen estivo acompañado por Daniel Carballada Rodríguez, concelleiro de Cultura, e María Dolores Blanca García Fernández, concelleira de Movemento Asociativo e Participación Cidadá do Concello de Cambre. Tamén estivo na mesa a profesora Rosalía López Fernández, en representación do xurado que, ademais, estivo composto por Begoña Lourido Romeu, Pilar Tobar Conde, Silvia Lugilde Bermúdez e María Dolores García Parada. Quedaron así representados os dous institutos do noso municipio.
Os gañadores e gañadoras desde XXV Certame foron os seguintes: na categoría A (de 12 a 14 anos) Celia Guerreiro Martín e Violeta Meléndrez Doval, primeiro e segundo premios na modalidade de narrativa breve; Iago Nieto Villa, primeiro premio na modalidade de poesía. Na categoría B (de 15 a 18 anos) foron seleccionados os traballos de Nee Barros Fernández e Paula Domínguez Barreiro, primeiro e segundo premio na modalidade de narrativa, e Natalia Lema Otero e Antón Martínez Barros, primeiro e segundo premio na modalidade de poesía. Finalmente, na categoría C (de 19 a 26 anos) foi premiada Antía Yáñez Rodríguez, na modalidade de narración breve, e Martín Iglesias Taboada e Sara Criado Rodríguez, primeiro e segundo premio, respectivamente, na modalidade de poesía.”

Premio Fegatea para a ESAD Galicia

Desde Erregueté:
“A Xunta Directiva da Federación Galega de Teatro Afeccionado acordou, por unanimidade, concederlle o Premio FEGATEA á Animación Teatral, na súa quinta edición, á Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, pola súa continuada e destacada colaboración coa federación e co teatro amador en xeral.
A FEGATEA, que agrupa a arredor de 50 grupos de teatro amador e asociacións culturais de toda Galicia, convoca este premio de carácter honorífico bianualmente. A súa finalidade é recoñecer o labor a prol do teatro dunha persoa, colectivo ou entidade.
Os anteriores gañadores deste galardón foron a erregueté | Revista galega de Teatro, Buxiganga –o programa pertencente á Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo–, a MIT de Ribadavia e Manuel Lourenzo.
A entrega do premio terá lugar nun acto público, o sábado día 2 de xuño ás 22:30, en Lalín.”

O xornalista Miguel Sande gaña o I Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual coa obra A enterradora (blogue)

Desde Nova Dramaturxia:
“O I Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual concede o seu premio ao escritor e xornalista galego Miguel Sande coa obra A enterradora (blogue). O xurado, conformado pola directora teatral Cristina Domínguez, a actriz Areta Bolado e o dramaturgo Ernesto Is, destacan como “moi actual e orixinal o tratamento do tema da morte, moi presente na idiosincrasia galega”. Así como a “honestidade que presenta ao fuxir da linguaxe contemporánea pretensiosa e afondar nunha estrutura dramática que foxe dos canons”.
A obra de Sande destacou sobre as 14 obras presentadas nesta primeira edición do certame “polas atmosferas sonoras e audiovisuais que consegue” e que, “permite a adaptación da peza a outros formatos como o radioteatro”, sinala a acta do xurado.
A compañía teatral Feira do Leste organiza este primeiro certame que procura dar maior visibilidade aos novos dramaturgos galegos a través da edición e publicación da obra nun volume con obras doutros autores galegos que están a destacar actualmente polo emprego de novas linguaxes e temáticas. “O certame nace da necesidade de loitar contra as principais dificultades ás que se enfrontan os autores teatrais das novas xeracións do teatro galego, que non só pasan pola falta de representación escénica das súas obras, senón que viven unha eiva no eido da publicación e difusión da súas creacións”, sinala Javier Lojo, coordinador do certame.
Aquí pode consultarse a acta.”

Premio Maruxa Villanueva para Eduardo R. Cunha, “Tatán”

Desde Erregueté:
“Eduardo Alberte Rodríguez Cunha ‘”Tatán” resultou gañador da edición deste ano do premio Maruxa Villanueva. Un xurado composto por Afonso Becerra, Carlos Biscaínho, Comba Campoy, Inma López Silva e Roberto Pascual decidiu outorgar o premio ao veterano fundador da histórica compañía Tanxarina.
Dende a súa fundación en 1983, Tanxarina converteuse nun referente imprescindible do teatro de títeres dentro e fóra de Galicia, combinando a manipulación de monecos con traballo actoral, música e animacións diversas.
Tatán, ademais dun recoñecido e histórico profesional, foi o impulsor dos primeros festivais de títeres de Galicia –nomeadamente o de Redondela, do que foi director durante varios anos– e un incansable loitador pola dignificación do oficio de titiriteiro. Tamén é un precursor, no noso país, na defensa do teatro de monicreques para adultos.
O concello de Padrón outorga o premio Maruxa Villanueva dende o ano 2001 e, entre os gañadores, atópanse María Barcala, Gustavo Pernas, Mónica Camaño, Luísa Merelas, Xose Manuel Olveira “Pico”, Roberto Vidal Bolaño, Susana Dans… e outros moitos referentes da escena galega.”

O Principal da Estrada acollerá o día 7 a entrega do Premio Varela Buxán

Desde Erregueté:
“O escenario do Teatro Principal da Estrada albergará o mércores día 7 de febreiro a entrega do Premio de Teatro Manuel Daniel Varela Buxán, organizado pola Escola de Artes Escénicas da Estrada (EMAE) en colaboración coa Fundación Cultural da Estrada. O fallo do xurado coñeceuse o pasado mes de decembro. A obra triunfadora foi Pallaso, presentada baixo o lema Óptimo Máximo, do autor Fernando Castro Paredes. O acto de entrega comezará ás 20:30 horas e terá unha media hora de duración.
Esta obra alzouse con este premio, que xa vai pola súa sexta edición e na que se presentaron un maior número de propostas con respecto a anos anteriores, pola súa construción dramatúrxica rigorosa e coherente e pola súa visibilidade escénica, tal e como apuntaron os membros do xurado. Ademais, destacaron a súa aposta por un humor negro e absurdo cargado de dramatismo e ironía que debulla a realidade social.
Fernando Castro Paredes é natural de Tapia de Casariego, polo que desta maneira é o primeiro autor que gañou este galardón que non naceu en Galicia. É profesor de linguas en Cee e é un dos coordinadores da compañía de teatro escolar Tuéjele Teatro. Recibiu tres accésits do Premio Añón de Poesía e o Premio de Narrativa Historias na Universidade.
Durante o acto do día 7, tamén se entregará impresa a obra gañadora da anterior edición ao seu gañador, a Marcos Abalde Covelo. A premiada neste caso foi Oito epitafios por Troia que recolle unha reflexión sobre a sociedade contemporánea. Ademais, os asistentes serán obsequiados coa mesma.
No acto participarán dous alumnos da Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada que lerán unha escena do texto gañador desta última edición.”

Psicofonías, de Marcos Abalde, e Alianzas, de AveLina Pérez, gañan o XI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

Desde a CRTVG:
“O xurado do undécimo Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico decidiu outorgar o galardón desta edición á obra Psicofonías, escrita por Marcos Abalde Covelo, pola súa “estrutura dramática moi eficaz e ben construída cunha escenografía contextual que conxuga o relato de suspense coa realidade social”. O xurado valorou tamén “a utilización dos recursos sonoros e textuais para lograr a creación dunha atmosfera de intriga conducida cunha habilidosa medida cara a un final climático de gran impacto emocional”. (…)
A adaptación radiofónica de Psicofonías, con dirección de Santiago Cortegoso, foi interpretada por Fernando Dacosta e Iria Sobrado e contou coa realización técnica e deseño sonoro de Chus Silva.
Contabilizados os votos recibidos a través da conta de correo electrónico e do contestador automático, a gañadora do Premio da Audiencia foi a obra Alianzas, de Avelina Pérez, directora teatral, dramaturga e actriz. (…)
Con dirección de Santiago Cortegoso, Alianzas foi interpretada por Salvador del Río e Marián Bañobre, coa realización técnica e deseño sonoro de Chus Silva.
Ambos os dous premios, o do xurado e o da audiencia, están dotados economicamente con 3.000 euros cada un. Quedaron como finalistas Proxecto Tempo, de Clara Gayo, e Andrómenas soa moi antigo, de Fernando Epelde.
O xurado do XI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico estivo formado polo dramaturgo e director de teatro Santiago Cortegoso; a gañadora do premio do xurado da edición anterior, Eva F. Ferreira; a programadora de teatro de Carballo Carmen Castro, o crítico de teatro Antón Lopo, a xefa de Programas da Radio Galega, Tania Fernández Lombao, e a directora do programa Diario Cultural, Ana Romaní.
61 obras presentáronse a esta undécima edición do certame, organizado pola Radio Galega coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura. O galardón pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio, facilitar o diálogo entre a dramaturxia contemporánea e o medio radiofónico, divulgar a escrita teatral galega e contribuír á recuperación desde unha perspectiva contemporánea do xénero de teatro radiofónico.”

Unha obra de Ernesto Is sobre María Casares gaña o Premio Rafael Dieste de Teatro da Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
“A obra Despois das ondas de Ernesto Is é a gañadora do XVII Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña. A obra leva de novo á escena á grande actriz galega exiliada en París, María Casares.
Un xurado composto por Inma López Silva, Carlos Paulo Martínez Pereiro, Paula Carballeira, Eva F. Ferreira e Manuel Núñez Singala, coa vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei como presidenta e a xefa de servizo da área, Mercedes Fernández Albalat como secretaria, decidiu elixir como gañadora da XVII edición do Premio de Teatro Rafael Dieste á obra Despois das ondas da que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Ernesto Is. O texto de Ernesto Is impúxose na deliberación do xurado, por maioría, ás 47 obras presentadas.
A obra Despois das ondas leva de novo a escena a figura da actriz María Casares, unha das grandes figuras do teatro europeo, exiliada en Francia e nacida na Coruña (1922). O xurado estimou que a obra ofrece “moitas posibilidades de representación e gran liberdade na posta en escena”.
Destaca tamén que o texto gañador “mestura realidade e ficción e propón unha transformación dramática da realidade”. Ademais, a obra ten tamén o valor de recuperación da memoria histórica a través da figura dunha grande actriz do exilio.
O premio consiste en 6.500 € ademais da publicación da obra e a posta en escena.
O autor, Ernesto Is, (Ernesto Suárez Is, Gijón, Asturias, 1988) é titulado en arte dramática pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD) na especialidade de Dramaturxia e traballa como profesor de teatro e dramaturgo. Traballou tamén no ámbito do audiovisual como operador de cámara, produtor, guionista e editor de vídeo e son. (…)”