María Canosa, premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia, coa obra Travesía unicornio

Desde a Fundación Xosé Neira Vilas:
Travesía unicornio gaña esta primeira edición do galardón convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas en colaboración coa Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia. A obra premiada, que presenta un alto valor literario como unha das súas primeiras cualidades, parte dunha situación moi teatral para pór en escena unha peza que se vai desenvolvendo cara o absurdo. Cómpre salientar, á súa vez, o tratamento levado a cabo do valor da amizade, abordado con profundiade e sen dogmatismos, como tamén se pón o acento sobre a condición de xénero, a identidade ou o valor da diferenza na caracterización feita dos personaxes. Estes son algúns dos trazos máis salientables de Travesía unicornio, a xuízo dun xurado composto por Dolores Vilavedra, Pilar Sampedro e Miguel Anxo Fernán Vello, que tomou a decisión por unanimidade sobre un total de vinte e un orixinais presentados ao certame.”

María Caíña gaña a IV edición dos Premios Selic cunha obra teatral

Desde Nós Diario:
“A peza teatral Como agullas finas cravadas no pescozo, da lingüista e autora María Caíña Hurtado, vén de facerse co primeiro premio Selic de creación literaria que convocou o Concello de Compostela e que xa van pola cuarta edición. Así mesmo, o xurado do certame escolleu a novela Os acios tardegos de Antonio Piñeiro Fernández como merecedora do accésit. A “singularidade” deste galardón é, segundo a concelleira de Acción Cultural da cidade, Mercedes Rosón, o seu obxectivo, pois pasa por “enriquecer o patrimonio literario de Compostela en lingua galega”.
Tanto novela como teatro obtiveron a súa valoración dado que os premios están centrados na creación literaria en xeral. Así se puido ver na entrega dos galardóns desta terza feira, na que tamén participou a escritora Marilar Aleixandre en representación de todo o xurado. Pola contra, Caíña Hurtado tivo que estar presente a través dunha videochamada.
Do proxecto gañador, que leva 6.000 euros, destacouse a “habelencia dramatúrxica na construción do argumento”. A creadora María Caíña, “logra que funcione de forma suxestiva a superposición de dúas dimensións temporais e a alusión metateatral”.
Así mesmo, para o xurado, Como agullas finas cravadas no pescozo é quen de abordar “con sutileza e intelixencia” o tema da violencia machista e as “difíciles relacións familiares”.
Para Antonio Piñeiro foi o accésit, cunha dotación económica de 1.500 euros, posto que se considera que combinou habilmente “a historia da elaboración dun códice miniado na Compostela do século XVI, coa dun investigador da época actual seducido pola idea de transformar o obxecto dos seus estudos nunha novela”.
No acto desta terza feira, 21 de decembro, tamén se aludiu á “traslatio dos restos do Apóstolo e as interpretacións da mesma” como parte desa interesante peza creada polo profesor de Historia no ensino público, ademais de escritor. “

Sophie non é o meu nome de guerra, de Roberto Pascual, gaña o XX Premio de Teatro Rafael Dieste

Desde a Deputación da Coruña:
“A obra Sophie non é o meu nome de guerra foi escollida esta mañá polo xurado como gañadora do XX Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Roberto Pascual Rodríguez. O autor é profesor da ESAD (Escola Superior de Arte Dramática de Galicia) e director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.
O xurado estivo composto pola dramaturga Paula Carballeira, pola vicedirectora da ESAD, Cristina Domínguez, pola actriz Iria Pinheiro, pola a actriz e creadora escénica Marta Pérez e polo autor gañador da edición anterior, Fernando Castro Paredes, e escolleu por unanimidade a obra Sophie non é o meu nome de guerra entre as 54 presentadas. Na reunión tamén participaron o deputado de Cultura, Xurxo Couto, en calidade de presidente do xurado e a xefa de Sección de Cultura, Manuela Muñiz, en calidade de secretaria.
O xurado salienta que “se trata dun texto poético para unha historia descarnada que trata temas de máxima actualidade como é a migración feminina”. Tamén indica que “aborda un tema insólito no teatro galego xa que que expón unha realidade próxima aínda que parece invisible como é o tráfico de persoas e o emprego do corpo da muller”. O fallo do premio valora ademais que “a historia está contada de xeito innovador, con calidade literaria e constrúe unha personaxe feminina moi complexa”. Doutra banda, á hora de escoller a obra puxeron en valor que “resulta de especial interese por transcorrer a acción na actualidade e nunha cidade galega”. (…)”

Ernesto Is gaña o XVI Premio Abrente da MIT de Ribadavia

Desde Erregueté:
Ernesto Is (Xixón, 1988), membro do consello de redacción da erregueté | Revista Galega de Teatro, é o gañador do XVI Premio Abrente de Textos Teatrais da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia con Profetas, unha reflexión sobre a arte, o amor, as cidades e as ficcións que nos conforman como persoas. O xurado, composto pola actriz Patricia Vázquez, o dramaturgo José Luis Baños de Cos e a escritora Anna R. Figueiredo, salientou de Profetas “a potencia escénica da obra, unha proposta épica dende a normalidade de situacións vitais, unha obra sen artificio, auténtica e eficaz”.
Este é o segundo Abrente para o dramaturgo asturiano, xa que no ano 2016 a súa peza Fendas foi premiada xunto a Todo sobre Eva de Xandra Táboas. O galardón consiste na edición da obra por parte da editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas na súa Colección Abrente e mais 3500 euros. (…)”

Camilo Franco: “A arte que máis se parece en calquera cousa á vida é o teatro”

Entrevista a Camilo Franco desde a Mostra Internacional de Teatro de Cangas:
“Unha conversa con Camilo Franco está chea de retranca e da sabedoría que dan tantos anos de oficio. A organización da XXXVIII MITCFC concede o Premo Xiria ao Labor Teatral ao narrador, xornalista e crítico teatral, Camilo Franco, en recoñecemento ao seu importante labor como xornalista cultural e, particularmente, polo exercido como crítico teatral. Con el falamos antes de recibir o galardón e isto foi o que nos contou:
– Mostra Internacional de Teatro de Cangas (MITCFC): Como recibiu a noticia do Premio Xiria ao Labor Teatral?
– Camilo Franco (CF): Aínda que semelle unha frase tópica, con sorpresa. Sorprendinme porque non é habitual e case nunca sucede que se premie a un crítico.
– MITCFC: Como cualificarías o traballo da Mostra de Teatro de Cangas nestas xa 38 edicións?
– CF: A Mostra, ao igual que o resto dos festivais, están a facer un importante exercicio de resistencia a favor do público porque o teatro é, sen dúbida, o máis importante. Durante unha época, os festivais cumprían o papel de exhibir os espectáculos que non era habituais. Agora, sen embargo, en moitos casos case están obrigados a programar o que é habitual, o que xa tería que estar nunha programación cotiá. Por varias circunstancias, e non só pola pandemia, os festivais teñen que facer este traballo e asumir as carencias que vai deixando a programación cotiá e, ademais, teñen o compromiso de traer as obras máis extraordinarias.
Non debemos esquecer que os festivais e as programacións teatrais non están para defender ás compañías de teatro, aos actores e ás actrices, senón o dereito dos espectadores de ir ao teatro. Parecera que estes eventos só lle interesasen aos profesionais, pero o dereito é dos espectadores. (…)
– MITCFC: Narrador, xornalista e crítico teatral. De que xeito chegou o teatro á túa vida?
– CF: Non o sei moi ben… Eu teño unha vocación moi grande de ser o último mono (risas). Cando cheguei ao xornalismo, vin que a área que estaba máis desatendida era a de Cultura. A crítica teatral era a que máis lle custaba facer a todo o mundo. E ten sentido porque, cando escribes unha critica de teatro, sempre acabas por cruzarte con alguén que fai teatro. Ten un compoñente persoal un pouco menos cómoda, salvo que sexas moi, moi amable, que non é o meu caso. No meu caso tamén houbo un pouco de teimosía ou insistencia. Unha vez que empecei a facer crítica teatral, había que seguir.
– MITCFC: Que aprendizaxes se poden extraer do teatro?
– CF: Uf! Son moitas, pero hai unha fundamental. A arte que máis se parece en calquera cousa á vida é o teatro. O teatro funciona cos mesmos esquemas e as mesmas intencións que funciona a xente xa que está feito por xente. A mellor maneira de aprender algo da vida sen que te manque moito é o teatro. A xente que ves actuar ten motivacións humanas. Son persoas e persoas, sen filtros. O teatro traballa con ferramentas humanas. Non hai posibilidade dixital de cambiar. Non me imaxino nada más cerca que a experiencia teatral. Ademais, se vas suficientes veces ao teatro, aprendes a sintaxe das mentiras e a ver como se minte. Se ves traballar aos actores e actrices, aprendes a distinguir cando o fan ben e mal e, polo tanto, cando te están tangando nunha entrevista de traballo.
Sería moi útil aprender a facer teatro na escola para saber en que está baseado o principio de finxir. Os actores e actrices están obrigados a finxir de moitas maneiras. No teatro apréndese automaticamente, case sen ningún sufrimento, a finxir. Se queres facer xornalismo político e entender a un político na tribuna, vai ao teatro. O que me asombra é que a xente non vaia máis. (…)”

Edgar Costas Sanmartín gaña o IV Premio Roberto Vidal Bolaño 2021

Desde Galaxia:
“A obra gañadora do IV Premio Roberto Vidal Bolaño de Teatro 2021 é Casa de feras.
O 25 de xuño, ás 19 h, celebrouse, no Concello de Porriño, a entrega do Premio Roberto Vidal Bolaño de Teatro 2021. O gañador Edgar Costas Sanmartín, recolleu o galardón nun acto no que interviron Raquel Castro (IES Ribeira do Louro), Eva García, alcaldesa de O Porriño, e Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia.
O xurado, formado por Inma López Silva, Ana Abad de Larriva, Delio García, e Raquel Castro, como secretaria; destacou da obra “a orixinalidade do tratamento dramatúrxico do xénero da fábula, as posibilidades escénicas que presenta ao ser un texto con moitos personaxes que permiten o seu traballo con grupos amplos de alumnado e as distintas temáticas abordadas que van dende o maltrato animal, ás relacións de poder e a liberdade.”
Casa de feras, achega, mediante o uso dun humor cargado de ironía, “a terríbel situación protagonizada polos animais que entre 1774 e 1972 habitaron, no parque do Retiro de Madrid, un zoolóxico de aceiro e formigón”. (…)”

Francisco Antonio Vidal gaña o III Premio Laudamuco para textos Teatrais coa obra A vinganza de Fortimbrás

Desde Nós Diario:
Francisco Antonio Vidal Blanco (Palmeira. Ribeira, 1957) é o gañador da terceira edición do Premio Laudamuco para textos teatrais, convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. O autor, nado na Bouciña (Palmeira), concorreu ao certame coa obra A vinganza de Fortimbrás, pola que recibirá un premio de 7.000 euros e a edición da peza por parte de Edicións Positivas.
A concelleira de Cultura, Sandy Cebral Gómez, destaca que “a pesar da situación excepcional por mor da pandemia da Covid-19, dende o Concello de Brión mantemos o noso compromiso coa cultura e vimos de fallar a terceira edición do Premio Laudamuco, que recaeu no escritor e etnógrafo coruñés Francisco Antonio Vidal Blanco”.
O xurado estivo formado por Pilar López Pérez, Xoana Balado Fernández, Gonzalo Rodríguez Calvo, Xulio Lago Alonso e Manuel Guede Oliva, persoas vencelladas á Academia Galega de Teatro e que escolleron por unanimidade o texto titulado A vinganza de Fortimbrás entre os 47 presentados ao certame.
O xurado destacou “o evidente interese que este premio concita, maila os seus poucos anos de vida, a teor do elevado número de textos presentados. É de supoñer que Roberto Vidal Bolaño estaría compracido”.
Segundo a acta do xurado, A vinganza de Fortimbrás é “unha precuela que vén dialogar co mito hamletiano e no que o autor rearma a historia shakesperiana, como antes fixera Álvaro Cunqueiro, propoñendo unha relectura na que os personaxes secundarios do drama orixinal pasan aquí a se converter en protagónicos, nun xiro de guión sorprendente e enriquecedor e no que é fácil percibir o amplo coñecemento por parte do autor ou autora da estrutura interna da obra de Shakespeare e no que Elsinor comparece como un espazo para abrigar novas hipóteses e traelas, de novo, a nós”. (…)”

Manuel Lourenzo, premio de honra Fernando Rey

Desde a Academia Galega do Audiovisual:
“O Teatro Colón da Coruña acolleu o 10 de abril a Gala da XIX edición dos Mestre Mateo na que o actor, dramaturgo, director teatral, tradutor e docente Manuel Lourenzo recibiu o premio de honra Fernando Rey, en recoñecemento á súa extensa e prolífica traxectoria e á súa ireemplazable contribución á cultura galega.
Nacido no 1943 en Ferreira do Valadouro (Lugo) desde principios dos anos sesenta desenvolveu unha intensa actividade como actor, dramaturgo, director teatral, tradutor e dinamizador de diferentes iniciativas culturais. Fundador de O Facho, Teatro Circo, Escola Dramática Galega, Compañía Luís Seoane, Elsinor Teatro e a Compañía Casahamlet, a súa vocación docente convertiuno en mestre de varias xeracións de intérpretes.
Figura referente no compromiso co teatro e a creación dramática, foron dous personaxes audiovisuais os que lle deron unha inmensa popularidade entre o público: o pescador Melgacho, na serie Mareas Vivas e Vicente Otero, Terito, na serie Fariña.
Recibiu numerosos recoñecementos, aos que, a partir do sábado se engade o Premio de Honra Fernando Rey. Entre outros o Premio Abrente (1978), o Premio Nacional de Literatura Dramática (1997), o Pedrón de Ouro (2001), o Premio Nacional da Cultura Galega en Artes Escénicas (2008). É profesor Honoris Causa pola ESAD e Socio de Honra da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.”

Baleiro, de Gabriel Gómez Estévez, faise coa terceira edición do Premio Selic

Desde Nós Diario:
“A concelleira de Acción Cultural do Concello de Compostela, Mercedes Rosón, fixo o anuncio da obra gañadora da terceira edición dos Premios Selic (Semana do Libro de Compostela), que recaeu en Baleiro, de Gabriel Gómez Estévez. Outras dúas pezas, O novelo, de Óscar Senra e Partida salvada, de Fernando Epelde, foron merecedoras de cadanseu accésit.
De Baleiro o xurado quixo destacar a súa orixinalidade, pois Gabriel Gómez propón un futuro distópico no que se debuxa un cambio na situación política da Galiza e tamén unha historia persoal. “A proposta supón unha novidade argumental”, explican, “no panorama da narrativa actual, na que a crítica e o tratamento irónico do cotián están moi presentes”.
No referido ás novelas galardoadas con accésit, O novelo e Partida salvada, o xurado destaca da primeira “o retrato da cidade de Compostela elaborado desde diferentes perspectivas e personaxes diversos mediante o xénero policial”.
Unha narración que o autor, Óscar Senra, explicou, en rolda de prensa, que non define como novela, senón como unha serie por capítulos.
“Unha obra que vén a completar o universo das outras que publiquei, moi centrada no presente, escrita no confinamento”, que define “como me sentía no momento”, conclúe.
En Partida salvada, peza de teatro de Fernando Epelde, o xurado valorou a combinación de historias xeracionais e historias persoais, ao tempo que achega unha reflexión sobre os usos da lingua.
Segundo Mercedes Rosón, a esta edición dos premios presentáronse 34 obras: 18 de poesía, nove de narrativa, seis de teatro e unha de ensaio, incorporada este ano á convocatoria. Ademais a contía dos galardóns incrementouse, sendo de 6.000 euros para a obra gañadora e de 1.500 para cada accésit.”