Cultura incorpora tres novos autores ao Portico of Galician Literature

Desde a Xunta de Galicia:
“A Consellería de Cultura e Educación engade tres novos autores galegos ao Portico of Galician Literature, o portal web en inglés, que ten como obxectivo principal dar a coñecer no exterior os escritores e as escritoras da literatura galega, a través de fragmentos traducidos das súas obras máis representativas, que se complementan con información biográfica.
A novela de Xurxo Borrazás Criminal (Vicious), Premio da Crítica Española e Premio San Clemente; unha compilación de relatos de Camilo Gonsar (Collected Stories 1961-1995) e a obra de Begoña Caamaño Morgana en Esmelle (Morgana in Esmelle) son as máis recentes incorporacións a este portal promovido pola Secretaría Xeral de Cultura que pretende impulsar a difusión da literatura e das escritoras e dos escritores galegos no mercado anglófono. Na web atópase a tradución de 40 páxinas dunha das obras de referencia de cada autor ou autora, xunto coa sinopse do libro e un texto biográfico. Con estes tres, son xa 33 os que se atopan a disposición do público. Antes de finais de ano incorporaranse tamén Xosé Cid Cabido e Xosé Monteagudo. (…)”

As escollas electivas continúa o seu camiño

​As escollas electivas naceron o 4 de xaneiro de 2012 coincidindo co centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro, baixo a dirección de Suso Díaz e Maripaz Paz.
Actualmente son 80 as e os poetas que forman parte deste caderno da poesía galega contemporánea, e están chamos a formar parte 208, número que seguirá medrando se As escollas electivas seguen a recibir achegas das e dos poetas que están chamados a formar parte delas, tamén dos que xa forman parte e queiran engadir novos nomes este listado sempre aberto.
Aquí están as indicacións oportunas para participar desta iniciativa, tamén o enderezo onde achegar o material: asescollaselectivas@gmail.com​”

O Mapa Literario de Vigo permite percorrer a cidade a través dos seus escritores e as súas obras

Desde Fervenzas Literarias:
“A Biblioteca Pública Municipal Neira Vilas de Vigo presentou o “Mapa Literario de Vigo” para amosar a riqueza cultural da cidade a través dos seus libros e os seus autores. O proxecto consta de dez rutas que percorren todos os barrios da cidade olívica marcando os fitos literarios das obras.
Trátase dun mapa que percorre Vigo polos catro costados para trazar as rutas literarias nos que a cidade foi o escenario elixido polos autores máis recoñecidos. O proxecto está configurado para crecer a medida que aparezan novos títulos e está configurado coma un traballo colectivo no que calquera cidadán poida colaborar incorporando obras que quedaron atrás na súa primeira posta en escena.
O proxecto consta da realización dun mapa de Vigo con dez liñas que atravesan en todas direccións a cidade e que van deténdose nas diferentes “Paradas Literarias”, que teñen o nome das novelas que dalgún xeito están vinculadas a ese lugar. Toda esta información, ademais dunha bibliografía completa, están dispoñibles na páxina web mapaliterariodevigo.com.
Lugares coma a Porta do Sol co Sireno son testemuña de moitos acontecementos das nosas vidas e das historias de ficción que recollen estas obras. O barrio de Teis e a xeración perdida das revoltas obreiras, o Berbés coma recordo das tradicións viguesas, as rúas e as prazas ata o alto do Casco Vello ou o Calvario como reflexo de unión entre a veciñanza.
As rutas están protagonizadas por autores como Jules Verne e Pedro Feijoo, pasando por Alfonso Álvarez Cáccamo, Francisco Castro, Ledicia Costas, Fran Alonso, María Reimóndez, Manuel Esteban, María Lado e unha decena máis de escritores que converteron a Vigo en protagonista das súas obras.”

Aliteraclara | Escola galega de escrita creativa

Aliteraclara.com, escola galega on-line de escrita creativa, nace da demanda das numerosas persoas que senten a necesidade de escribir e de aprender e que, por motivos laborais ou xeográficos, non teñen posibilidade de asistir ás clases. Está pensada para mulleres e homes que precisan da escrita para realizarse, que necesitan dunha man que os acompañe nos primeiros pasos e lles dea azos para desenvolverse na literatura. Aliteraclara.com ofrece ao alumnado un gran abano de posibilidades e recursos para lanzarse a escribir, pero tamén achega as novidades literarias, as convocatorias de concursos e o mundo editorial.
Clara do Roxo é a directora da escola. Escritora, profesora e narradora, imparte obradoiros de escrita creativa dende 2013. A súa maior motivación, e a dos escritores e escritoras que a acompañan neste proxecto é transmitir aos alumnos a súa paixón pola escrita. Aliteraclara.com conta no seu inicio coa poeta María Lado, os escritores Fran Fernández Davila, Antonio Manuel Fraga e Xabier López, e a propia Clara do Roxo como profesores, e ofrece obradoiros de poesía, novela e relato. Para pechar o círculo, nun intento de achegar aos autores e autoras á publicación ou aos certames literarios, a escola pon ao seu dispor un servicio de valoración e corrección de orixinais, a cargo dos escritores Amadeo Cobas e Manuel Sánchez Gálvez.

Vídeo da presentación, en directo, de amada Rosalía polas redes sociais, por Suso Díaz

Desde a web do autor:
“O 24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro, presentei en directo polas redes sociais, Facebook e Instragram, o libro amada Rosalía, adicado á nosa autora universal.
Foi unha presentación distinta, moi especial, á que calquera podía sumarse e seguila alá onde se atopase, tamén interactuar ou deixar o seu comentario.
Coido que é un novo xeito de achegar os traballos ao público que o demande, tamén os literarios, de amosalos ao mundo sen distancias e impedimentos físicos, un vieiro que cómpre ir explorando e aproveitando en prol da literatura, por que non?
Deixo aquí a gravación completa da presentación.”

Compostela: Xornadas “A industria cultural galega no horizonte 2025”, os 20 e 21 de xuño

A Coruña: Ramalletes editoriais, na Biblioteca Municipal Ágora

Complementariamente, haberá unha campaña en redes sociais (Instagram, Facebook e Twitter) para que a xente se sume á proposta subindo unha foto que inclúa: un libro en galego (se pode ser dunha pequena editora, mellor), un elemento natural (flor, ramiña, etcétera), un sorriso e os cancelos #ramalletesbmc e #letrasgalegas2017. A idea é que participe o maior número de persoas posible para poner en valor o idioma como valor de futuro e emprendemento, o artesanal e natural para apostar pola calidade e un xesto que sume.
Álbum en Facebook cos ramalletes.