Unha obra autobiográfica de Oliver Añón gaña o Castelao de banda deseñada

Desde Sermos Galiza:
“De título lírico e liña clara, “graficamente impecable”, e trazo autobiográfico. Así é Canción para afundir flores no mar, a obra gañadora da décimo terceira edición do premio Castelao de banda deseñada, da autoría de Oliver Añón (Barcelona, 1982).
“Destaca a capacidade do autor de aproveitar as posibilidades do medio a través da narración visual”, sinala a nota remitida pola Deputación da Coruña, convocante do galardón. Añón, ilustrador e animador, construíu “unha trama principal na que se entrelazan pequena historias con personaxes particulares que deixan ver un relato con presenza autobiográfica”.
O autor valeuse dun lapis electrónico sobre pantalla para realizar Canción para afundir flores no mar. “O acabado semella o resultado do uso de tinta china”, sinala o ente provincial, que reuniu no xurado “profesionais da banda deseñada” como María del Carmen Moreu Bibian, José Mato Fondo, Sara Prieto Puy, Héctor Real Arregui e Beatriz Lema -gañadora da pasada edición- e mais a vicepresidenta da institución Goretti Sanmartín de presidenta e a xefa do servizo de Cultura, Mercedes Fernández-Albalat..
Canción para afundir flores será a primeira obra en formato libro de Oliver Añón. Nado en Barcelona nunha familia emigrada, só cun ano de idade regresou á Coruña. Despois de se formar en Galiza, traballou en Catalunya para produtoras de animación e diversas axencias de publicidade e e televisión. En 2015 volveu á Coruña, onde reside e traballa como freelance.
O premio Castelao está dotado con 6.500 euros e a publicación da obra.”

Bea Lema, a primeira muller que acada o premio Banda Deseñada Castelao

Desde Sermos Galiza (foto de Andrea Rodríguez):
“Un xurado composto por especialistas en banda deseñada decidiu que Bea Lema se convirta na primeira muller gañadora do Premio Castelao da Deputación da Coruña, o único do xénero no panorama cultural galego ao que se presentaron dezaseis orixinais, o maior número da súa historia.
O xurado estivo presidido pola vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei e formaban parte del Emilio Fonseca, gañador da anterior edición pola obra Fóra de marxe, e os autores Xosé Tomás, Natacha Busto e Pablo Auladell, que decidiron a obra gañadora da nova edición do único certame de banda deseñada do panorama galego. O premio está dotado con 6.500 euros máis a publicación da obra pola Deputación da Coruña. O xurado decidiu deixar deserta a convocatoria destinada a público infantil.
O xurado valorou a “intensidade dramática sen caer no sentimentalismo” da obra de Bea Lema ademais da “sensibilidade para contar patoloxías mentais desde o punto de vista infantil”. A resolución do premio recoñece tamén o valor de O corpo de Cristo á hora de “mostrar a resilencia dunha nena fronte aos problemas adultos” e, en canto o traballo gráfico da obra destaca que a autora prima unha “liña elegante e delicada que transmite atmosferas emocionais moi complexas, apoiándose en metáforas visuais moi intensas e potentes”.
Formada como deseñadora de produto pola Universidade da Coruña, Bea Lema (A Coruña, 1985) comeza a súa traxectoria profesional en 2010 traballando para a firma de cerámica Sargadelos. En 2013 crea, xunto a Xoan Torres, o proxecto Lelédacuca onde realizan obxectos que mesturan o deseño contemporáneo coa artesanía tradicional. (…)”

Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2013

Desde Fervenzas Literarias:
“Tras pechar o día 15 de xaneiro o prazo de votacións temos, un ano máis, os resultados onde as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron o que ao seu xuízo foi o mellor do 2013. En total, este ano recibimos 439 enquisas.
Con esta edición, son xa sete as convocatorias onde os lectores amosan a súa voz para reflectir os seus gustos e as súas preferencias literarias.
Desde Fervenzas Literarias queremos agradecer unha vez máis a vosa participación e o voso interese en participar.
Agradecer igualmente á Federación de Libreiros de Galicia por colaborar, un ano máis, con este iniciativa.
E agora os resultados… Os nosos parabéns aos premiados e premiadas…

– Mellor libro de Narrativa de adultos para Cadeas, de Xabier López (Xerais).
– Mellor libro de Poesía para Sobre ruínas, de Xesús Rábade Paredes (Alvarellos).
– Mellor libro de Ensaio para Feminismos de Olga Castro e María Reimóndez (Xerais).
– Mellor libro de Literatura dramática para Isóbaras, de Gustavo Pernas (Xerais).
– Mellor libro de Banda Deseñada para Operario, de Jano (Demo).
– Mellor libro traducido ao galego para adultos para Ulises, de James Joyce, por Eva Almazán, María Alonso Seisdedos, Xavier Queipo e Antón Vialle (Galaxia).
– Mellor libro xuvenil para Nubes de evolución, de Andrea Maceiras (Xerais).
– Mellor libro infantil para Un rato díxolle á lúa, de Antonio García Teijeiro, ilustrado por Xosé Cobas (Xerais).
– Mellor libro traducido ao galego para público infantil e xuvenil para A evolución de Calpurnia Tate, de Jacqueline Kelly, traducido por Carlos Acevedo (Faktoría K).
– Autor do ano para Xabier López.
– Ilustrador do ano para Manel Cráneo.
– Mellor portada dun libro para adultos para A lúa da colleita (Galaxia).
– Mellor portada dun libro para público infantil e xuvenil para Pan de millo (Kalandraka).
– Mellor editorial para Xerais.
– Mellor crítico/a para Ramón Nicolás.
– O mellor acontecido para o Culturgal.
– O peor acontecido para os recortes en Cultura.
– Mellor Libraría para Andel.
– Mellor medio de comunicación para Praza.
– Mellor blog para Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.”

Miguelanxo Prado leva o Premio da Crítica con Ardalén

Desde Cultura Galega:
Ardalén, o último traballo de Miguelanxo Prado, foi galardoado este sábado nos Premios da Crítica que outorga anualmente a revista Dolmen. O xurado, formado por críticos de banda deseñada de todo o Estado recoñeceu a novela gráfica do galego como “Mellor obra nacional”. Prado estaba nominado con esta obra tamén nas categorías de mellor debuxo, mellor guión e no premio a toda unha carreira. Canda a el, David Rubín, que competía tamén nas de mellor debuxante e mellor obra, non obtivo ningún destes premios. Os galardóns déronse a coñecer a coincidir co feche das Xornadas de Cómic de Avilés.”

A obra Parvada leva o V Premio Compostela de Álbums ilustrados

“O V Premio Compostela de Álbums Ilustrados, convocado polo Concello de Santiago e a Editorial Kalandraka ten xa gañadores. O xurado seleccionaba onte a obra presentada co lema Parvada, dos mexicanos David Daniel Álvarez Hernández e Julia Díaz Garrido como gañadora desta edición. O traballo, que propón unha reflexión sobre a busca do progreso na sociedade, impúxose entre as 256 obras chegadas de 19 países que se presentaron a esta edición. Os gañadores levarán un premio de 9.000 euros e verán a súa obra publicada en castelán, galego, catalán, éuscaro e portugués. O xurado recomendou tamén a publicación da obra Seré…, de Daniela Iride Murgia.”