Ánxela Gracián gaña o XV Premio Pura e Dora Vázquez de Narración

Desde a Deputación de Ourense:
“A escritora Ánxela Rodríguez Rodríguez (Lugo, 1968), coñecida polo pseudónimo de Ánxela Gracián, vén de gañar coa obra As historias da ogra Pinta (presentada baixo o lema “A ogra pinta e as chulas”), o XV premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez na modalidade de Narración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense.
O xurado, que deu a coñecer a súa resolución o 27 de xuño trala reunión mantida no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, sinalou que a obra galardoada “transmite valores sociais moi importantes, como é o de non ter prexuízos iniciais sen ter pleno coñecemento das cousas”. Asemade o xurado explicou que se trata “de pequenas historias de aventuras nas que se desenvolven as vidas de rapaces dunha pequena aldea galega, cun entorno natural fermoso e cheo de feitizos”.
Así mesmo, o xurado dixo que na obra As historias da ogra Pinta “os personaxes que aparecen nela semellan ser malvados, pero ao final sempre teñen bondades”. En canto ás obras presentadas ao premio nesta edición, o xurado destacou a calidade de todos os textos presentados.
Ábrese agora o prazo para o XV Premio Pura e Dora Vázquez na modalidade de Ilustración polo que, os interesados en participar, poderán solicitar a obra premiada de narración a través do correo electrónico publicacions@depourense.es ou a través do teléfono 988 317790, para o cal a Deputación de Ourense abre a súa convocatoria dende hoxe ata o día 3 de setembro de 2018. A esta modalidade poderán concorrer os ilustradores que presenten os seus traballos, inéditos e orixinais que se axusten ás bases do premio e que tomen como base o texto premiado de Ánxela Rodríguez Rodríguez. A dotación do premio nesta modalidade de ilustración tamén é da mesma contía co de narración de 1.500 euros.
O xurado da XV edición do Premio Pura e Dora Vázquez de Narración estivo presidido polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, e integrado como vogais por José Manuel Fernández, Mario González, Carlos Rodríguez e Xosé Manuel Cid, actuando como secretaria a xefa da sección de Publicacións da Deputación, Ana Malingre.”

Antía Yáñez e Sabela Losada gañan o I Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade

“Reunido o Xurado do I Premio Fina Casalderey de Literatura Infantil pola Igualdade resolveu, despois de moitas deliberacións, conceder por unanimidade e ex aequo o premio ás obras presentadas baixo os lemas “Gerbillo” e “Vermello”.
Abertas as plicas, as mesmas resultaron ser da autoría das escritoras Antía Yáñez Rodríguez e Sabela Losada Cortizas, baixo os títulos A reconquista e Vermella!.
O Xurado considera as dúas obras merecedoras do Premio en igualdade de condicións, manifestando que atenden a ámbitos moi distintos e complementarios e defendendo o especial interese de cada unha delas polos seguintes motivos:
«A reconquista, por un acaído tratamento da ocupación do espazo central, o liderado feminino e a solidariedade.
Ademais, a combinación de dúas voces narrativas diferentes, que aluden ao humano e animal, e ao ámbito da ficción e do libro divulgativo, fan da obra unha proposta literaria moi atractiva e interesante para as nenas e para os nenos, ao resaltar tamén por ser un exemplo de resolución positiva dos conflitos que xorden no propio contorno».
«Vermella! por ser quen de sacar á luz un tema tabú e pouco tratado na literatura infantil, como é o da menstruación desde unha perspectiva de indagación case que policial e de divertimento por parte da rapazada protagonista.
Igualmente, a historia consegue manter a súa intriga, mesmo coa axuda de trazos do humor natural característico do mundo infantil, na procura da descuberta, que lle dá sentido á trama e que ten que ver coa propia e progresiva descuberta do corpo da nena».
O Xurado estivo formado por Ana Luísa Bouza Santiago, socióloga, Montse Pena Presas, profesora da USC e crítica literaria, Patricia Porto Paderne, xerente da libraría compostelá especializada en temática feminista Libraría de Mulleres Lila de Lilith, Pilar Sampedro Martínez, mestra e vicepresidenta de Gálix, e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, que actuou ademais como secretaria do mesmo.
As obras serán publicadas por Baía Edicións en álbums ilustrados a toda cor na colección Contoxconto antes de finalizar o ano e o Premio de 5.000 € repartirase a partes iguais entre as dúas escritoras merecedoras do galardón.”

Patricia Mallo gaña o I Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro

Desde Galaxia:
“A obra Os Fantom impúxose aos 39 orixinais presentados nesta primeira edición e será publicada pola Editorial Galaxia o vindeiro outono.
Reunido en Santiago de Compostela a mañá do 20 de xuño, un xurado composto pola escritora e académica Fina Casalderrey, a profesora Blanca Ana Roig Rechou e o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, decidiu por unanimidade declarar gañadora do I Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro a obra Os Fantom de Patricia Mallo.
O xurado destacou da novela gañadora o seu marcado sentido do humor á hora de narrar a viaxe da familia Fantom, unha familia de pantasmas con superpoderes, dende a “cidade gris” ao “mundo de máis aló”, ao “mundo dos vivos, xunto á Cidade Xardín”. Así mesmo, sinalan que a narración conta cun ritmo áxil que se ve reforzado polas situación divertidas que van xurdindo nunha trama onde nada é o que parece ser. E salientan que Os Fantom é unha defensa da singularidade, da identidade de cada quen e da súa aceptación.
Patricia Mallo (Vigo, 1985) estudou Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo e traballou en países como México, Italia, Reino Unido ou a India. Tras escribir e producir a curtametraxe ¿Amigos?, o pasado 2016 debutaba en Galaxia coa novela infantil Os Cabezombis na Mansión Espello, onde xa mesturaba os seus temas preferidos: o humor, o misterio e a fantasía.
O I Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, nacido neste mesmo ano, e convocado polo Concello da Pobra do Caramiñal, a Editorial Galaxia e a A. C. Barbantia, ten como finalidade honrar a figura de Carlos Mosteiro, escritor fundamental da LIX galega e fortemente vencellado á comarca do Barbanza, que finaba o pasado xullo de 2017; ao tempo que se aposta pola creación en galego para o lectorado máis novo. O premio consiste na publicación da obra por parte de Galaxia na súa colección Árbore e 1.500 euros para a gañadora.”

Emma Pedreira, Carlos Negro e Héctor Cajaraville, Premios Xerais 2018

En Vigo, o sábado, 2 de xuño, anúnciase o ditame da XXXVª edición do Premio Xerais de Novela, a Xª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e a XXXIIIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, todos os tres premios dotados con 10.000 euros cada un deles.

Kusuma de Héctor Cajaraville
Premio Merlín de Literatura Infantil, 2018
O xurado da XXXIII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron 33 obras, formado por: Uxía Martínez Recamán (comercial-promotora de libros), Alba Piñeiro Estévez (profesora e crítica), María Sánchez Lires (ilustradora), Maribel Tato Sánchez (libreira da libraría Cartabón de Vigo), Antonio Yáñez Casal (escritor) e o crítico e escritor Miguel Vázquez Freire, que actuou como secretario, en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: “Cariandre”, “Kusuma” e “Tabardilla”.
Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «Kusuma», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Héctor Cajaraville e corresponde ao título Kusuma.
Kusuma
No seu ditame, o xurado da XXXIIIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil sinalou que Kusuma é unha fermosa fábula ecoloxista protagonizada por unha faisán asiática obrigada a fuxir da agresividade do mundo industrializado. A fábula critica tamén o rexeitamento das poboacións inmigrantes, reivindica o respecto ás diferenzas e a valoración do traballo en grupo: “Se non nos axudamos entre nós, non somos nada”. Neste sentido, é unha historia de superación, de amizade e de aventuras cunha dupla mensaxe: que os prexuízos son o modo máis inxusto e equivocado de enfrontarnos ao descoñecido e que a coraxe e a afouteza sempre reciben a súa recompensa.
Alén destes valores, a obra destaca polo rico léxico descritivo de especies animais e do contorno vexetal.
Héctor Cajaraville ao coñecer o fallo dixo:
“O meu comezo na literatura en galego foi pola porta grande, non se pode pedir máis: a primeira novela que escribín, De remate, gañou o premio Xerais en 2015. E desde entón varios dos meus libros mereceron recoñecementos noutros certames, sobre todo ao comezo do meu percorrido como escritor.
Agora, coa perspectiva destes tres anos, sei o difícil que resulta todo aquilo que no seu momento me parecía case natural. E grazas a todo o que aprendín neste tempo sei que gañar un premio como o Merlín, sen dúbida o máis prestixioso e o de maior repercusión de todos os que se entregan na nosa lingua a unha obra para o público infantil, é un pequeno milagre.
Porque a literatura infantil e xuvenil galega vive un período de esplendor como nunca vivira, con autores (e autoras, sobre todo) que gañan premios en todas as partes e que ven a súa obra traducida aos idiomas da nosa contorna, e non só. E iso quere dicir que entre as máis de 30 obras presentadas a este certame seguramente había unha morea de marabillas.
Por iso, poder formar parte, aínda que sexa de xeito tanxencial ou secundario, dun momento de eclosión coma este, xerado por unha literatura como a galega, tan pequena en dimensión pero tan grande en calidade, prodúceme unha sensación de gratificación e recompensa que non agardaba cando, non hai tanto tempo, decidín embarcarme nesta viaxe fascinante da escrita.”

Aplicación instantánea de Carlos Negro
Premio Jules Verne de Literatura Infantil, 2018
O xurado da X edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron 22 obras, formado por: Isabel Armesto Rodríguez (comercial-promotora de libros), Diana Fernández Gómez (editora do blog “Bolboretas no bandullo”), Mª Paz Fernández Pereiro (profesora, asesoría Bibliotecas Escolares), Alba González Fernández (estudante de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo), María Manuela Ordóñez Fernández (estudante de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo) e a profesora da Facultade de Ciencias da Educación da UVigo e crítica Isabel Mociño González, que actúa como secretaria do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: “Avatar <04”, “Tres catorce dezaseis” e “Un laio de harmónica”.
Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «Avatar <04», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Carlos Negro e corresponde ao título Aplicación instantánea.
Aplicación instantánea
No seu ditame, o xurado da Xª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil sinalou o seguinte:
Ante presenza das pantallas e da tecnoloxía, a sociedade actual precisa máis ca nunca a poesía. Por iso o xurado valora desta obra, entre outros aspectos: a orixinalidade, a calidade literaria, a forza da linguaxe e a súa riqueza, a posta en valor da figura feminina e o seu empoderamento, así como da cultura e lingua galegas. Tamén a crítica social e a visión por veces descarnada da realidade, a procura consciente da complicidade dunha lectora activa na construción dun discurso potente, apelativo e de intervención que non deixa a ninguén indiferente. Unha obra que salienta pola conexión con outras voces literarias, nun rico e estimulante diálogo que leva a novas lecturas. Por último, estamos ante unha obra que rompe calquera visión estereotipada da poesía e a converte nun berro de rebeldía e reafirmación.
Carlos Negro explicou que:
“Recibir o premio Jules Verne de Literatura Xuvenil por unha obra como Aplicación instantánea, ademais dunha inmensa alegría persoal, confirma que existe un espazo lector para a poesía xuvenil en lingua galega, e que ese reto literario, a pesar dos seus riscos, constitúe unha aposta por unha poesía mutante e transformadora, que nace dos espazos de socialización da mocidade, convertendo as redes sociais e as aplicacións móbiles nun campo de xogo da linguaxe literaria.
Como autor, agradezo de corazón que o xurado se inclinase por estes versos que buscan, a través do xogo de máscaras dos avatares, unha análise crítica e plural das relacións humanas no mundo contemporáneo. Supón tamén, dentro da miña traxectoria persoal, a culminación dun proxecto creativo que se iniciou con Makinaria, continúa con Penúltimas tendencias e Masculino singular, e culmina agora con Aplicación instantánea. E quero manifestar o meu agradecemento a Xerais por ser partícipe, a nivel editorial, desta aventura fascinante que trata de levar a poesía aos institutos de toda Galicia. Grazas.”

Besta do seu sangue de Emma Pedreira
Premio Xerais de Novela 2018
O xurado da XXXV edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorreron 37 obras, formado por: Santiago Lopo (escritor, gañador da edición anterior), David González Domínguez (editor do blog “Palabras de Gatsby”), Vitoria Ogando Valcárcel (catedrática xubilada), Claudia Morán (xornalista), Patricia Porto (libreira da libraría Lila de Lilith de Santiago) e o profesor, crítico e escritor Ramón Nicolás, que actúa como secretario do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: “Anxos Roubados”, “Canicha”, “Cecimbre” e “Ego sum”.
Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Canicha», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Emma Pedreira e corresponde ao título Besta do seu sangue.
Besta do seu sangue:
No seu ditame, o xurado da XXXVª edición do Premio Xerais de Novela sinalou que Besta do seu sangue supón unha proposta de carácter transgresor caracterizada pola súa multiplicidade de voces, polo seu esencialismo narrativo e por exhibir diversos rexistros. Ao tempo, salienta o uso dunha linguaxe poética e a transparencia que repousa na transmisión dunha atmosfera de desacougo e angustia ao abordar, con orixinalidade, unha historia inspirada na figura de Blanco Romasanta, co fondo dunha revisión xenérica de figuras da mitoloxía galega.
Emma Pedreira declarou:
“Cústame moito asimilar os cambios. Entre as miñas moitas fobias e teimas a neofobia dirixe un pouco as miñas fases vitais. Se cadra por iso emprendo a través das liñas outros percorridos e mudo de pel. Así que asimilar este enorme Premio Xerais vaime levar o que a dixestión da boa que tragou o elefante.
Sen que se me tome por soberbia quixera dicir que estou afeita aos premios –mesmo se me acusou de coleccionalos- pero eu do que falo é de ir abrindo portas e chegando a lugares e esta do Premio Xerais de Novela é unha porta pesada e con rotundos ferrollos, nunha fortaleza no cimeiro dunha montaña. Un lugar que pintaba inexpugnable para min durante todos estes anos en que me trataba de ti a ti coa poesía e de vostede coa narrativa.
Entendo o medo das valentes e a responsabilidade das fortes. Sinto iso neste mesmo momento: medo e responsabilidade. Medo polo que a visibilización deste premio implica para min e para as escritorAs nesta lingua, pola de preguntas e múltiples sentidos polos que vou ir pasando. Responsabilidade porque esta novela, Besta do seu sangue, pequena pero profunda e escura como un pozo, defende unha tese que non é nova pero si molesta e que trata de debuxar coa ficción os lugares que deixa a realidade que se perdeu entre as liñas e os silencios. Darlle voz a unha personaxe cruel e tratar de comprender o seu momento, sen desculparlle a conduta e os feitos, sen tratar de producir compaixón, só un achegamento, é unha responsabilidade. Todo, en fin, queda reducido a medos e máis medos que se compensan cunha rotunda emoción estourante. Agradecida. “

A festa de entrega dos galardóns terá lugar no mes de outubro coincidindo coa aparición dos libros editados das obras gañadoras.

Vigo, 2 de xuño de 2018″

Obras finalistas dos Premios Xerais 2018

Os Premios Xerais fallaranse o sábado 2 de xuño

Resolucións dos concursos literários da A. C. O Facho

A Agrupaçom Cultural O Facho tem a bem de informar das Resoluçons dos Concursos Literários convocados para o ano 2018.

Concurso de Contos de nenos para nenos
– Prémios da Categoría A (Nenos e nenas de 9 a 12 anos):
Primeiro prémio: “O orfanato” de Marta Rodríguez González
Aluna do C.E.I.P Emilia Pardo Bazán (Corunha)
Segundo prémio: “A fábrica de nubes” de Andrea Ramos Casal
Aluna do IES Eduardo Pondal, Toronho-Culheredo (Corunha)
– Prémios da categoría B. (Rapaces e rapazas de 13 a 16 anos):
Primeiro prémio: “A princesiña peideira” de Rosiña García Iglesias
Aluna do C.P.I. Cruz do Sar, Bergondo (Corunha)
Segundo prémio: “Catro segundos” de María Carballo Rodríguez (Corunha)

Concurso de Poesia
Obra Ganhadora: “Dialética”. Autor: Daniel Barral Calvo

Concurso de Teatro Infantil
Obra Ganhadora: “Pingas”. Autora: Adela Clorinda Figueroa Panisse

O acto de entrega de prémios celebrara-se em:
Dia: 01 de Junho do 2018 – Hora: 7,30 do serám
Local: Portas Ártabras. Rua Sinagoga 22
Cidade Velha – Corunha

Corunha, 17 de Maio do 2018
J. Alberte Corral Iglesias
Presidente d’O Facho”

XV edición do Premio de ilustración e narración Pura e Dora Vázquez

“A Deputación de Ourense convoca a XV edición do Premio de ilustración e narración Pura e Dora Vázquez de literatura infantil e xuvenil, nas modalidades de narración e ilustración.

A) Bases modalidade narración:
A este premio poderán concorrer todos aqueles autores de calquera nacionalidade que presenten os seus orixinais en lingua galega. As narracións que se presenten terán temática libre, sempre adaptada a un público infantil ou xuvenil, e os textos presentados
serán inéditos e totalmente orixinais. Coas seguintes características:
Os textos terán unha extensión mínima de 25 páxinas e máxima de 100 páxinas, formato A4, sempre escritos en programa Word, fonte tipográfica Times New Roman, tamaño de letra 12 puntos e interlineado 1,5.
Para esta modalidade de narración establécese un premio de 1.500 €.
O prazo de presentación de orixinais remata o 31 de maio de 2018.

B) Modalidade ilustración:
Poderán concorrer ao premio ilustradores de calquera nacionalidade que presenten a súas ilustracións e orixinais, non menos de dez, tomando como base o texto premiado na modalidade de narración deste «XV Premio Pura e Dora Vázquez» de narración xuvenil.
As ilustracións deberán adaptarse ao tamaño do libro, que será o seguinte:
a) Ilustración de portada: 145 x 210 mm, tamaño visible da portada co libro pechado, sen sangue. 513,6 x 216 mm, tamaño total incluído solapas, contraportada e sangue.
b) Ilustracións interiores: 296 x 216 mm, sobre páxina con sangue.
O prazo de admisión de orixinais remata o 3 de setembro de 2018.
Para esta modalidade de ilustración establécese un premio de 1.500 €.

A presentación dos orixinais, tanto para ilustración coma para narración, unicamente poderá realizarse do seguinte xeito:
a) De maneira presencial, entregando un exemplar da obra en sobre pechado indicando no seu exterior Premio Pura e Dora Vázquez, modalidade de narración ou ilustración, na oficina de asistencia ao cidadán en materia de rexistros.
b) Remitindo por correo certificado o exemplar da obra en sobre pechado, indicando no seu exterior Premio Pura e Dora Vázquez, modalidade de narración ou ilustración, ao seguinte enderezo:
Deputación Provincial de Ourense
Rexistro Xeral
Rúa do Progreso, 32
32003 Ourense
As obras remitidas irán asinadas exclusivamente con pseudónimo.
Dentro do sobre introducirase outro sobre pechado en cuxo exterior figurará o pseudónimo do autor e título da obra, e no seu interior os seguintes datos: título da obra, nome e apelidos e pseudónimo do autor, enderezo postal, teléfono, enderezo electrónico e unha fotocopia do DNI.”

Máis información aquí.