Montse Fajardo gaña o II Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey

“O día 22 de outubro de 2018 ás 19:00 h, despois de deliberar no Café Moderno de Pontevedra, o xurado composto por Ramón Nicolás, Ramón Rozas, Carme Vidal e actuando como secretaria Carme Carreiro decidiu outorgar o II Premio de Xornalismo Lueiro Rei ao artigo “O universo de Carlos”, presentado baixo o pseudónimo de “Roque Pérez”.
Unha vez aberta a plica resultou ser da autoría da xornalista e investigadora Montse Fajardo autora de libros como Matriarcas, Un cesto de mazás e Invisibles, entre outros.
O xurado destaca do texto “a denuncia da discriminación que sofren as persoas con autismo e as súas familias”. A autora transmite dificultades que se lle presentan á nai dun neno con autismo e os atrancos que ten que superar día a día ademais de dar conta do pouco respaldo institucional que recibe para darlle ao fillo as atencións que necesita.
O artigo é quen de que as persoas lectoras empaticen coa angustia da situación da protagonista e reparen na falta de equidade con quen ten esta condición neurolóxica a través dun caso particular.”

A seguir publicamos o texto gañador (tamén dispoñíbel aquí):

O universo de Carlos
(Roque Pérez)

A profe Esther di que se tes autismo é como se che soasen na cabeza cincuenta emisoras á vez e por iso a Carlos lle custa moito concentrarse nunha cousa. Os movementos hipnóticos axúdanlle a fuxir dese balbordo, así que pode pasar horas mirando os peixiños, petando co lapis ou subido á randeeira. A profe Mónica sempre lle deixa un pouco máis que ao resto e ninguén protesta. Con el aprenderon que o trato xusto non é o igualitario, senón o equitativo: o que dá a cadaquén o que precisa.
Ás veces Carlos precisa dar voltas pola aula. Déixanlle dar dúas, tres e logo vai alguén da clase dicirlle que sente. Esther, que é a profesora terapeuta, ensinoulles trucos para captar a súa atención entre tanta emisión: “Xirádelle a cara, buscade o contacto visual…” pero fica abraiada cos códigos que argallaron para falarlle, coa capacidade innata que teñen para comunicarse con el. Aos cinco anos asumiron con naturalidade que era parte do grupo e había que entendelo.
Fóra do CEIP San Roque de Corón non é tan fácil. O autismo é un reto para unha sociedade que sabe ser solidaria cunha cadeira de rodas pero non actúa coa mesma normalidade ante as doenzas psíquicas.
Maika nota miradas que a xulgan cando o seu fillo ten unha das súas perrenchas e se tira polo chan do súper. Ás veces sente que non pode máis, e séntese culpábel por sentilo. Pero leva anos sen un respiro.
Os xemelgos tiñan dezaoito meses cando notou que Carlos non atendía aos estímulos igual que Miguel. A diagnose de autismo cambiouno todo. Para todos. Miguel converteuse no irmán maior e o universo empezou a xirar arredor de Carlos. Maika deixou atrás a súa individualidade e ata o seu matrimonio. É difícil manter algo que non sexa a atención sobre el. Ninguén se ofrece a axudarche. A avoa cóidao unhas horas pero non de noite nin na rúa por temor a non saber controlalo. Un neno con autismo non ten filtros e pode insultarte ou poñerse violento. Así que Maika opta por saír pouco da casa.
Viuse obrigada a renunciar á vida laboral, e a falta de soldo complicouno todo máis. Resúltalle imposíbel contratar a alguén que a axude, que lle dea un respiro que lle permita, polo menos, pasar máis tempo con Miguel e non abafar de culpa. Non hai achegas económicas. As discapacidades psíquicas non se cuantifican como as físicas e só recibe 1.800 euros anuais que lle obrigan a elixir entre a psicóloga ou a logopeda e aínda así só dan para unha hora de consulta semanal cando precisaría unha diaria. Levar a Carlos á terapia é outra odisea porque como non lle pasa nada nas pernas non lle dan tarxeta de aparcamento. Dá igual que a súa cabeza se negue a camiñar, que se tire polo chan e a obrigue a vivir un calvario camiño da logopeda. Se pode andar, non hai tarxeta.
Ante a falta de apoio do sector público, as familias agrúpanse en asociacións específicas e poñen en marcha servizos, pero son demasiado caros para Maika.
Tamén no cole escasean os recursos. Precisaríase máis profesorado terapeuta e contar con orzamento para material adaptado.
O suposto estado de benestar camiña moi por detrás da clase de Carlos, que xa non concibe mural sen pictogramas nin elixir una coreografía que lle resulte imposible a el. Esther ten claro que lle achega ao grupo moito máis do que recibe, porque é a súa mellor lección de empatía.
Quizais, se en cada aula houbese un Carlos, no futuro teríamos unha sociedade máis equitativa, que non deixe sobre os ombreiros de Maika todo o peso do universo.

Ana Romaní, Premio Nacional de Periodismo Cultural 2018

Desde o Ministerio de Cultura:
Ana Romaní Blanco foi galardoada co Premio Nacional de Periodismo Cultural, dotado con 20.000 euros. O xurado motivou a escolla de Romaní “pola súa longa traxectoria no xornalismo, o seu constante traballo de promoción da cultura e da radio con formatos propios”, así como pola “súa visión de feminismo crítico e compromiso social”. (…)
Actou como presidenta do xurado Olvido García Valdés e como vicepresidente David García Rivas. Formaron parte do mesmo as seguintes persoas como vogais: Blanca Berasátegui Garaizabal, Jaume Figueras Rabert, José Antonio Pascual Rodríguez; Luz Méndez Fernández; Iñaki Mendizabal Elordi; Rosa Franquet Calvet; Enrique Turpin Avilés; Carles Domènec Garcia Canals; Dolores Gallardo Ceballos; Ana González Lartitegui; María Emma Camarero Calandria; Ana Belén Roy Rodríguez de Gaspar; María Teresa Oñate Zubia e María Bernadette González Harbour.”

Santiago Jaureguizar gaña o Fernández del Riego de Xornalismo co texto ‘Pólvora sen magnolias na discoteca Clangor’

Desde Letra en Obras:
“O xornalista e escritor Santiago Jaureguizar vén de conseguir un dos premios de referencia dentro da comunicación en lingua galega: O Fernández del Riego de Xornalismo, que convoca anualmente Afundación. O xurado, composto por Alfredo Conde, Víctor Fernández Freixanes, Gervasio de Posadas e Carlos Valle, distinguiu o texto ‘Pólvora sen magnolias na discoteca Clangor’. No mesmo acto tamén se deu a coñecer o Julio Camba de Xornalismo, que recaeu en Ricardo F. Colmenero, polo artigo La comunidad.
A entrega dos galardóns, dotados con 6000 euros cada un, terá lugar no outono na cidade de Pontevedra.”

Premio Cunqueiro ás principais receitas do legado culinario galego

Desde Galicia Confidencial:
“O libro Cociña galega tradicional (receitas, tradición, historia e evolución), de Matilde Felpeto Lagoa, vén de proclamarse como a obra gañadora da XXIV edición do Premio de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro. O traballo foi o mellor valorado polo xurado entre as 22 propostas que se presentaron á convocatoria deste ano.
O volume gañador recolle as principais receitas do legado culinario de Galicia, relatando, en cada caso, a historia principal do prato e as distintas maneiras de preparalo. (…)
O segundo premio do XXIV Premio de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro, dotado con 1.000 euros, recaeu en O equilibrio dos opostos, unha longametraxe documental dirixida e producida por Alberto Baamonde Bello, autor que xa o ano pasado obtivera o primeiro premio deste certame co filme Cociñando na fin do mundo. O documental foi estreado no Festival internacional de cine documental PLAY-DOC, de Tui, o 22 de marzo de 2017. (…)”

Ditame do I Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey

Desde o Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“(…) Reunidos na cidade de Pontevedra, o día 26 de setembro de 2017 ás 20:00, o xurado composto por Ramón Nicolás, Ramón Rozas e Carme Vidal coa coordinadora do premio, Carme Carreiro, en calidade de secretaria, decidiu outorgar o I Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey ao artigo “O segredo mellor gardado”, presentado co pseudónimo “María Balteira”. Unha vez aberta a plica, o gañador resultou ser Xoán Carlos Domínguez Alberte.
O xurado considera que o artigo evoca a escrita xornalística reivindicativa, comprometida e de contido social de Manuel Lueiro Rey. Ademais, o tema de recuperación da memoria histórica que centra o texto constitúe un dos elementos fundamentais na traxectoria vital e xornalística do escritor nacido en Fornelos de Montes.
“O segredo mellor gardado” parte da memoria persoal e familiar agochada para reivindicar a fin do silencio. O xurado destaca tamén o interese de que a recuperación da historia de quen foi vítima da represión teña presenza nos medios de comunicación. O texto foi escollido por unanimidade entre o considerábel número de artigos presentados á primeira edición do certame que completa o abano de premios dos principais xéneros visitados por Lueiro Rey, unha vez xa están consolidados os premios de poesía e narrativa.
Escritor e profesor de ensino público, Xoán Carlos Domínguez Alberte (Escudeiros-Ramirás, 1966) ten unha ampla obra literaria na que frecuenta xéneros como a poesía, de maneira especial, o ensaio ou o teatro. Colabora habitualmente en diversas publicacións e medios de comunicación. Versos para conversar (2016) é a máis recente obra dunha traxectoria que se iniciou con Material de outono no ano 2000. Ademais, Domínguez Alberte é un activo dinamizador cultural.”

Armando Requeixo gaña o XXII Premio Reimóndez Portela

Desde Faro de Vigo:
“A XXII edición do Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela recaeu por unanimidade sobre unha serie de cinco artigos (“Rosalía voa alto”, “Palabras para o Alén”, “Lingua Zombi”, “Cando iso non pode pasar aquí” e “De rosas e letras”) da autoría de Armando Requeixo, crítico literario e escritor con profundos coñecementos da literatura galega e universal que comparte os seus artigos cos lectores desde a sección “Faro da Cultura” do Faro de Vigo. Segundo apuntaron desde o xurado, “o autor descóbrenos en cada entrega os recunchos máis insólitos e misteriosos das obras literarias, espertando a curiosidade do lector e estimulándoo a coñecelos máis devagar”. (…)
O xurado estivo presidido por Juan Manuel Constenla Carbón e estaba composto por Evaristo Mato Oliveira, Luís Reimóndez Fernández, José López Vilariño e Juan Andrés Fernández Castro, exercendo de secretario, con voz mais sen voto, José Manuel Bouzas Blanco. O xurado cualificador agradeceu a participación dos 16 autores que presentaron un total de 53 artigos e destacou, como nota salientable, a calidade dos traballos.
O acto de entrega do premio Reimóndez Portela será o vindeiro día 22 ás 19:00 horas, dentro da 31ª Feira do Moble de Galicia. (…)”

María Varela leva o Premio de Xornalismo Fernández del Riego

Desde Cultura Galega:
Cóxegas e tartas é o título do artigo publicado no Diario de Pontevedra co que a xornalista María Varela se impuxo no XIV Premio de Xornalismo Fernández del Riego. O galardón que recoñece os traballos publicados na nosa lingua, está dotado con 6.000 euros e convócao Afundación en colaboración co Ámbito Cultural El Corte Inglés. O xurado, que presidiu o escritor Alfredo Conde, destacou a “aposta de futuro” que realiza o texto premiado. (…)”

O XIV Premio Johán Carballeira de Xornalismo premia a Montse Dopico e a María Obelleiro

Desde o Concello de Bueu:
“O XIV Premio Johán Carballeira de Xornalismo, promovido polo Concello de Bueu, recae este ano en dúas mulleres galegas, concretamente en Montse Dopico, coa súa reportaxe “Galaxia vs Galaxia. A construción de hexemonía cultural”, publicada na revista Luzes, e a de María Obelleiro Hermida, titulada “O apartheid sanitario na Galiza”, que saíu en Sermos. O xurado, conformado por Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos de Johán Carballeira de Bueu, Montse Fajardo, xornalista e experta nas historias da memoria histórica, e Antón Lopo, gañador da pasada edición. De entre os dezanove traballos presentados, dos que se destaca a esencia do xornalismo de Johán Carballeira, o xurado decidiu premiar a estes dous, ao ser “modelos de esixencia técnica e de investigación, que son ademais complementarias en dous ámbitos fundamentais para este galardón: o xornalismo cultural e o xornalismo social”. Ademais, o xurado insiste na calidade xeral dos traballos presentados, na súa variedade temática, de estilo e de enfoque que recollen a identidade do premio.
No caso de Montse Dopico, resalta a “utilización dos diálogos entre dúas persoas que ofrecen visións distintas sobre un feito histórico”, e o traballo de María Obelleiro “dá voz ás persoas non teñen unha persoa nos medios e incidindo na diversidade coral, para a análise dun tema tan lacerante como o da discriminación da sanidade que sofren as persoas inmigrantes”.
Ambas as dúas xornalistas, serán premiadas cun premio de 750 euros cada unha e serán homenaxeados nun acto que se organizará na Semana das Letras Galegas.
No que atinxe á modalidade de poesía deste premio, o xurado vaise reunir o próximo 6 de maio ás 10:30 horas e terá que escoller un gañador ou gañadora de entre os corenta e seis poemarios presentados.”