A Coruña: presentación de O mar dos papeis, de Federico A. Rioboo

O 15 de decembro, ás 19:00 horas, na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Santo André, 36, 1º) da Coruña, Federico A. Rioboo presenta o seu libro O mar dos papeis, publicado por Positivas. No acto participa, xunto ao autor, o editor Paco Macías. As persoas interesadas poden anotarse aquí.

Raquel Castro, escritora: “Falta saber que o teatro tamén serve para ler”

Entrevista a Raquel Castro en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Que achega unha obra escrita xa para teatro fronte a coller un conto e adaptalo para unha representación?
– Raquel Castro (RC): Á parte de que xa tes un traballo feito, o máis imporante e que si ti estás na escola ou nun taller de teatro, non podes coller á metade da clase ou do grupo e poñelos a facer de árbores ou pedras. Nunha obra teatral incorpóranse moitas personaxes secundarias ou corais que poden, por exemplo, encaixar moi ben eses rapaces máis tímidos, aos que lles costa asumir un papel protagonista, por exemplo pero que así forman parte activa na historia.
– LVG: Por que cre que non hai tanta demanda deste xénero cando o habitual é que incluso cando lemos calquera historia aos pequenos poñamos voces?
– RC: É, efectivamente, unha paradoxa. Eu entendo que é por descoñecemento, porque a literatura dramática promociónase pouco, aínda que imos mellorando. Tanto no cole como na casa, cando pensas nun libro para que os rapaces entren no hábito da lectura, pensas en narrativa. Falta saber que o teatro tamén é para ler, porque podes facer lecturas compartidas de forma moito máis áxil, asignando unha personaxe a cada alumno, que tamén aprenden a entoar. Unha lectura dramatizada é moi diferente a ler un texto cun ton plano, préstase ao xogo e iso fai a clase máis divertida e dinámica e axuda a interiorizar e concentrarse na historia que están lendo, entre outras vantaxes. (…)”