Tabela dos libros (setembro 2017)

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Un curso máis, comeza a andaina da Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os volumes que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do luns 7

O luns 7 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

12:00 h. Presentación do monográfico Aprendendo con videoxogos da Revista Galega de Educación. Participan Silvia López e Jesús Rodríguez.
13:00 h. Presentación de A invención dun deus. Xesús de Nazaret I. De predicador a Mesías, de Xulio López Valcárcel, publicado por Laiovento. Participan no acto, xunto ao autor, Carlos Ramos e Xavier Alcalá.
18:00 h. María Xosé Lamas asina exemplares de Sonetos preposicionais, publicado por Alvarellos.
18:30 h. Presentación de No seu despregar, publicado por Apiario. Acompañando á editora Dores Tembrás estarán *s poetas Ismael Ramos, Rosalía Fernández Rial e Celia Parra. Terá lugar unha conversa e o recitado de poemas.
19:45 h. Presentación de Blues para Moraima, de Miguel Anxo Fernández, publicada por Galaxia. No acto participan, xunto ao autor, Ángel de la Cruz e Carlos Lema.
20:15 h. Sinatura de Vanesa Santiago, autora de A vida sinxela de Marcelo Firmamento, na caseta da Editorial Galaxia.
21:15 h. Presentación da revista Olga. Participan Lidia López Teixeiro, Rafa Yáñez, Manuel Pereira Valcárcel e Vicente Araguas.

Vanesa Santiago gaña o Illa Nova de Narrativa con A vida sinxela de Marcelo Firmamento

Desde Sermos Galiza (imaxe da propia autora):
“Vanesa Santiago é a gañadora da I edición do premio Illa Nova de narrativa para menores de 35 anos, convocado por Galaxia. A vida sinxela de Marcelo Firmamento, a obra gañadora, é unha “reinterpretación das novelas de viaxes” cunha “comunión moi marcada co universo do mar e das lendas”.
O xurado valorou a construción tanto da mecánica interna como global da novela, a elaboración de imaxes de “gran potencial evocador” e a creación dun universo con elementos máxicos que está “perfectamente integrado e consegue fuxir dos estereotipos”. A novela resalta “polo coidado da procura da palabra exacta, con imaxes moi potentes”, indican. O xurado estivo composto por Mario Regueira, Inma López Silva, Berta Dávila, Nuria Piñeiro e Ismael Ramos. O premio, ademais da contía económica de 3.000 euros, leva aparellado a publicación da obra.
A editorial Galaxia presentaba en xaneiro as bases do Premio Illa Nova de Narrativa 2017 e explicaba que se creaba “coa finalidade de abrir un camiño a quen está comezando no mundo da creación literaria”.
A entrega do premio tivo lugar na Fundación Barrié, en Vigo, nun acto que contou coas intervencións de Francisco Castro, director xeral de Galaxia, Antón Vidal, presidente da editorial, e Xosé L. Méndez Ferrín, escritor.
Nada en Fontán en 1983, Vanesa Santiago é bibliotecaria e documentalista. Ten publicado un libro Ninguén Lembra (2013) en Urco editora e publicou relatos e poesía. Colabora coa Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo. (…)”