Publicado o número 69 da Revista Galega de Teatro

“A Revista Galega de Teatro saca á rúa o seu número 69, correspondente ao inverno 2011-2012 e faino mantendo as súas seccións habituais e achegándose á dramaturxia portuguesa coa edición do texto Padam Padam, de Jose Maria Vieira Mendes (Lisboa, 1976). Deste xeito, a publicación consolida a súa aposta por tender pontes de intercambio co mundo da lusofonía despois de editar hai un ano Nunca estive em Bagdad, de Abel Neves. Dentro das diferentes seccións deste número 69 da RGT, destaca o traballo Sexo e Teatro asinado por Afonso Becerra de Becerreá incluído no apartado ESPAZOS. O propio Becerra é tamén autor do artigo Escenarios do corpo que xunto coa experiencia de Metátese e Alentía Teatro en Guatemala pechan esta sección.
O apartado TEMAS está reservado ás protestas que o sector das artes escénicas levou a cabo durante o outono en Crónica dunha rebelión que asina Xosé Manuel Pazos, a desaparición da Feira Galega das Artes Escénicas que realiza Zé Paredes con Non houbo Feira, e a conversa con diferentes axentes de distribución de artes escénicas en Galicia. Por outra banda, a sección ENTREVISTAS está adicada as compañías Lagarta Lagarta e Teatro de Ningures, que vén de cumplir 25 anos de traxectoria. Por último, xunto coas seccións habituais de FESTIVAIS, LIBROS, AXENDA e FICHEIROS, destaca o apartado ESPECTÁCULOS coas críticas das montaxes Oeste solitario, de Producións Teatrais Excéntricas, O florido pénsil, de eme2 producións e Uno de Nabeirarrúa Danza.”