Adolfo Caamaño faise co I Premio de novela Vilar Ponte

Desde Cultura Galega:
“O xurado da primeira edición do Premio de Novela Vilar Ponte, seleccionou esta fin de semana a Adolfo Caamaño Vázquez (Barro, 1959) como gañador deste certame que convoca o Concello de Viveiro. Da súa novela Matar o heroe destacou a “súa solidez narrativa, tanto da estrutura como da ambientación espacial cronolóxica e dos personaxes”, así como o seu “contido universalista” e “a defensa do pacifismo e a non violencia, en consonancia cos valores cívico-sociais defendidos polos irmáns Vilar Ponte na súa traxectoria vital”. Caamaño leva un premio en metálico de 4.000 euros, mentres Rocío Leira Castro obtivo os mil euros do segundo posto coa súa obra Veleno en familia.
O xurado estivo formado polo cronista oficial do municipio, Carlos Nuevo Cal, o profesor de lingua e literatura Bernardo Penabade Rey, e a xornalista Alba Porral Quintillán. A entrega dos galardóns realizouse o 30 de novembro no Teatro Pastor Díaz.”

Coñécense as obras premiadas no XLII Certame Nacional de Narracións Breves Premio Modesto R. Figueiredo

Desde Sermos Galiza (foto do Concello de Lalín):
“(…) A vinganza de Valdedeus valeulle ao escritor e xornalista Miguel Anxo Martínez Oubiña o Premio Modesto R. Figueiredo, organizado pola Fundación Padroado do Pedrón de Ouro, que nesta ocasión acolle o Concello de Lalín.
Nun comunicado de imprensa, a concelleira de Cultura, Lara Rodríguez, que formou parte do tribunal, salienta a “unanimidade na escolla”. O relato do premiado resultou, segundo a edila, “o favorito de todos os representantes cando se fixo a posta en común”. O texto vencedor do que se considera o certame literario máis antigo de Galiza está dotado cun premio en metálico de 1.000 euros.
Aliás, o xurado concedeu dous accésits -dotados con 400 euros cada un- ás autoras Iris María Gey López por Cranios privilexiados, e a Emma Pedreira, por Poder de alumear.
A entrega dos premios terá lugar o día 3 de febreiro ás 20:30 horas, na Biblioteca municipal Varela Jácome.
Composición do xurado
O xurado que seleccionou as obras estivo formado por Carlos Negro, Adolfo Caamaño, Luís Menéndez, Lara Rodríguez Peña e por David Otero, secretario de O Pedrón de Ouro, con voz pero sen voto.
En total, presentáronse ao concurso 75 traballos. Os relatos elixidos son publicados nun libro cada dúas edicións.”

Entrega do Premio García Barros a Miguel Sande e cea literaria

Desde Galaxia:
“O venres, día 16 de decembro, entregouse na Estrada o Premio García Barros ao escritor Miguel Sande pola súa novela A candidata, publicada por Editorial Galaxia. Posteriormente, celebrouse unha Cea Literaria cun coloquio na sobremesa no que se debateu arredor do tema “Crise do modelo narrativo e heterodoxia na concepción dos xéneros literarios. ¿Aínda é posible a antinovela?”. Este é o décimo ano consecutivo que se celebra tanto a Cea Literaria coma o coloquio, que escolle como punto de partida un asunto relacionado coa obra gañadora.
Participaron, ademais de Miguel Sande, outros gañadores do premio en edicións anteriores (Xosé Monteagudo, Manuel Portas, Xesús Constela e Antón Riveiro Coello), críticos literarios (Xosé Manuel Eyré, Armando Requeixo e Inma Otero Varela) e escritores (Berta Dávila, Anxos Sumai, María López Sández e Adolfo Caamaño), xunto co director de edicións de Galaxia, Carlos Lema. Na cea tamén estiveron presentes, entre outros, Juan Constenla, concelleiro de cultura da Estrada e Valentín García Gómez, secretario xeral de política lingüística.
Unha crónica do acto tamén se pode ler aquí.”

Adolfo Caamaño gaña o certame Modesto R. Figueiredo

DesdeAdolfo Caamaño La Voz de Galicia:
“O premio galego de narracións curtas Modesto R. Figueiredo deste ano xa ten dono. Trátase de Adolfo Caamaño Vázquez, escritor de Pontevedra, que gañou a convocatoria con Pinball do Pombal. O xurado reuniuse o sábado 9 de xaneiro no municipio de Teo, xa que este Concello colabora coa Fundación Pedrón de Ouro, organizadora deste concurso literario, unha participación que, segundo recoñece do Concello teense supón unha «honra».
Ao premio Modesto R. Figueiredo, que este ano chegou á edición número corenta e un, o que o converte no certame máis antigo e consolidado de Galicia, presentáronse 45 traballos orixinais. O gañador recibirá un premio de mil euros, pero non é o único recoñecemento en metálico, xa que o xurado tamén concedeu dous accésits. O primeiro foi para Sagradas Escrituras, de Diego Giráldez (O Porriño), e o segundo correspondeulle a obra Monsieur Bocskai, de Lionel Rexes (Alfoz). Nos dous casos, a asignación é de 400 euros. O xurado tamén tomou en consideración o texto A primeira pedra para a súa publicación, per sen dotación económica.
A entrega farase no concello de Teo o vindeiro 22 de xaneiro. Na selección das obras participaron como xurado Mercedes Queixas, en representación da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG); Eli Ríos, como integrante da organización do Pedrón de Ouro; X. M. Regueira, como membro do Concello de Teo; Manuel Guede, do Pen Clube de Galicia; X. R. Fandiño, presidente do Pedrón de Ouro; e David Otero, secretario do Pedrón e do xurado.”

Adolfo Caamaño gaña o XXIII Certame Manuel Murguía con A geisha no bosque

Adolfo Caamaño coa narración titulada A geisha no bosque de bambú é o gañador da XXIII edición do certame de narracións breves Manuel Murguía. Os finalistas foron os escritores Pedro Larrañaga e Antón Vázquez. O premio está dotado económicamente con 3.700 euros e a publicación da obra gañadora..
O xurado, formado por Modesto Fraga Moure (membro da AELG), Margarita Fernández Ledo (profesora do IES de Pastoriza), Juan Tallón Salgado (gañador da anterior edición) e coordinado por Julio Mancebo, decidiu nunha xuntanza realizada o 26 de abril elixiu os 3 finalistas, que recibiron un pergamiño artesanal manuscrito e elaborado en pel natural.

Pontevedra: presentación de Os xornalistas utópicos, de Manuel Veiga

O xoves 17 de outubro, ás 20:00 horas, na Casa das Campás (Rúa Don Filiberto, 9-11) de Pontevedra, preséntase Os xornalistas utópicos, de Manuel Veiga, publicado en Xerais. No acto, coorganizado polo Ateneo de Pontevedra e a editorial, participan, xunto ao autor, Adolfo Caamaño, Xaime Toxo e Manuel Bragado.