Compostela: conferencias no ciclo Escrita(s) 2013, o venres 18 de outubro

O ciclo Escrita(s) 2013, coordinado por Claudio Pato, finaliza este ciclo de 2013 en Almáciga(s), na Travesa dos Basquiños, 14, de Santiago de Compostela. Dentro do programa (que pode ser descargado aquí: Escritas-2013), destacamos estes actos para o venres 18 de outubro:

18:00 h. Frankenstein: a construción da clase traballadora, por Álvaro Otero. O devir mercadoría de creacións estéticas revela unha forma de dominación realizada baixo o paradigma da industria cultural, cuxa finalidade é a apropiación mercantil completa do individuo: a domesticación do seu desexo e a produción en masa de desexos imposibles de satisfacer, a reorientación da súa atención, a redefinición do seu corpo, a percepción de si mesmo e da realidade, a remodelación da súa linguaxe, a reestruturación da súa sensibilidade e da súa valoración.
20:30 h. Xtreaming, por A. Argibai e M. Otxoteko. Sesión audiovisual que inclúe 3 curtametraxes experimentais de A. Argibai e M. Otxoteko nas que se interpretan os marcos de guerra como marcos de creación audiovisual cooperativa.

V Premio Literario Escolar Novacaixagalicia

Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Tiven, outra vez máis, a fortuna de participar no xurado Premio Literario Escolar Novacaixagalicia que se fallou o 10 de maio e que deliberou arredor de case catrocentas propostas literarias provenientes dos últimos anos da primaria, ESO e Bacharelato. Como todos os anos resulta para min unha ocasión magnífica que constata, por unha banda, que hai moita mocidade que escribe e que o fai moi ben e, pola outra banda, testemuña a existencia de novas xeracións que han vir, en ben pouco tempo, a sumarse con eficiencia e talento ao noso sistema literario. Oxalá sexa así. Galardóns coma este, ao meu ver, son moi necesarios e sería doloroso que desaparecesen. Deixo aquí a información oficial sobre a convocatoria e premiados: parabéns a todos eles!
O xurado do V Premio Literario Escolar Novacaixagalicia reuniuse esta mañá en Vigo para acordar os nomes das alumnas e alumnos gañadores deste galardón. Finalmente, a lista de premiados foi a seguinte: na modalidade de bacharelato, o premio recaeu en Alfonso Francisco Traficante Fernández, do IES Antón Fraguas de Santiago de Compostela (profesor: Manuel Maseda Deán); na de segundo ciclo de ESO, a premiada foi Leticia Álvarez Teruelo, do CPI Tomás Terrón Mendaña de Carballeda de Valdeorras (profesora: María Blanco Crespo); na de primeiro ciclo de ESO, o galardón foi para Daniel Alonso Lorenzo do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense (profesora: Marina Iglesias Iglesias); e na de terceiro ciclo de primaria, a gañadora foi Silvia Dorila de Diego Millarengo, do CEIP de Maciñeira en Neda (profesora: M.ª Rosa Piñeiro Grandal). O xurado estivo composto polo escritor Francisco Castro, que actuou de presidente; pola escritora Beatriz Fraga; a poeta Dores Tembrás; o crítico literario Ramón Nicolás; e o escritor Álvaro Otero. O prazo de presentación dos traballos para o Premio Literario Escolar Novacaixagalicia, no que podían participar todos os alumnos e alumnas de Galicia que estivesen cursando terceiro ciclo de primaria, eso ou bacharelato, estivo vixente desde o mes de febreiro ata o día 13 de abril. Nestes dous meses e medio en que se abriu a recepción de escritos inéditos e orixinais, chegaron ás oficinas de Novacaixagalicia 371 obras, o cal constata o éxito de participación deste premio literario.”