O escritor e editor Francisco Castro gaña o XIX Premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez coa obra Xoán, Xoana

Desde a Deputación de Ourense:
“O escritor e editor Francisco Castro Veloso (Vigo, 1966) é o gañador do XIX Premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez, na modalidade de narración, pola súa obra Xoán, Xoana, presentada a este certame baixo o pseudónimo de Paul Breson. O xurado do galardón, reunido esta mañá no Pazo Provincial, destaca a “excelente calidade” literaria dun texto no que se observa “un gran equilibrio entre os diálogos e a narración”, sinalando ademais “a achega de valores interesantes” ao tratar un tema de plena actualidade como “a reafirmación de identidade na adolescencia”.
No seu fallo, o xurado tivo en conta “o bo manexo do rexistro de personaxes e do ritmo narrativo”, así como o feito de que “a obra potencia dende o principio o interese por coñecer o final e por saber que vai pasar”. No relativo á temática, o autor “dá visibilidade aos aspectos de xénero, que trata con naturalidade nun contexto educativo, e dá voz á diversidade”, sinala o xurado. Xoán, Xoana aborda unha cuestión que, nestes contextos, “produce as veces situacións de conflito como é o acoso a través do fútbol e nos patios de recreo”, ademais de reflectir un problema “que se presenta, tanto entre os nenos como cos adultos; no colexio, e na familia”.
Para o xurado, o texto gañador achega valores interesantes “coma a perseveranza e a loita, pero tamén o respecto, a empatía e a integración, así coma a necesaria convivencia en sociedade”. Unha historia que provoca que o lector “empatice cos que son diferentes e nos pon a todos ante o espello”.
O xurado estivo presidido por Patricia Torres, deputada de Cultura e Proxectos Audiovisuais, actuando como vogais David Canda, Antón Alonso, Xosé Antón Dorrío e Isabel Mociño, cada un deles en representación dos grupos políticos presentes na corporación provincial (PP, PSOE, DO e BNG). A xefa da sección de Arquivo e Publicacións, Ana Malingre, exerceu como secretaria. (…)
Convocado pola Deputación de Ourense, o Premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez está dotado 1.500 euros. Unha vez fallada a modalidade de narración, a partir de hoxe mesmo queda aberto o prazo para a presentación de orixinais na modalidade de ilustración, que co mesmo premio ten por obxectivo complementar con imaxes a narración.
Todos os interesados en participar nesta modalidade terán de prazo ata o día 30 de setembro para presentar as súas propostas gráficas. Co fin de axustarse á obra gañadora poderán solicitar o texto no enderezo electrónico publicacions@depourense.es”

Rafa Vilar gaña o XVI Premio Pura e Dora Vázquez de Narración

Desde a Deputación de Ourense:
“O escritor coruñés Rafa Vilar (Cee, 1968), vén de gañar coa obra Os outros oficios (presentada baixo o lema “Clara Z”), o XVI premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez na modalidade de narración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense.
O xurado, que deu a coñecer a súa resolución esta mañá trala reunión mantida no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, sinalou que a obra galardoada que se trata “dun texto excepcional desde o punto de vista literario, con moito coidado da prosa e con relatos que amosan un gran coñecemento da lingua”. Asemade o xurado explicou que se trata dunha obra “con gran potencialidade para públicos moi amplos, de fácil e agradable lectura, ademais de ser didáctica”.
Así mesmo, o xurado dixo que na obra Os outros oficios o autor fai “unha galería de retratos que mesturan ben o xogo imaxinativo e adáptase para ser ilustrada”. En canto ás obras presentadas ao premio nesta edición, o xurado agradeceu “o traballo feito” por tódolos autores presentados ao certame”
Ábrese agora o prazo para o XVI Premio Pura e Dora Vázquez na modalidade de ilustración polo que, os interesados en participar, poderán solicitar a obra premiada de narración a través do correo electrónico publicacions@depourense.es ou a través do teléfono 988 317790, para o cal a Deputación de Ourense abre a súa convocatoria dende hoxe ata o día 2 de setembro de 2019. A esta modalidade poderán concorrer os ilustradores que presenten os seus traballos, inéditos e orixinais que se axusten ás bases do premio e que tomen como base o texto premiado de Rafa Vilar. A dotación do premio nesta modalidade de ilustración tamén é da mesma contía co de narración de 1.500 euros.
O xurado da XVI edición do Premio Pura e Dora Vázquez de narración estivo presidido polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, e integrado como vogais por José Manuel Fernández, Mario González, Carlos Rodríguez e Isabel Mociño, actuando como secretaria a xefa da sección de Publicacións da Deputación, Ana Malingre.”

A ilustradora ourensá María Villarino acadou o XV premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración

Desde Fervenzas Literarias:
“A ilustradora ourensá María Villarino López foi a gañadora do XV premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez na modalidade de Ilustración, que convoca a Deputación de Ourense. O xurado destacou da obra premiada a orixinalidade das creacións artísticas, debuxadas a man pola ilustradora. Os traballos presentados foron obras inéditas e orixinais baseadas no texto gañador do premio de narración desta edición da escritora Ánxela Gracián, titulado As historias da ogra Pinta.
O xurado estivo presidido polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, e integrado como vogais por José Manuel Fernández, Carlos Rodríguez, Mario González e Xosé Manuel Cid, actuando como secretaria Ana Malingre.”

Ánxela Gracián gaña o XV Premio Pura e Dora Vázquez de Narración

Desde a Deputación de Ourense:
“A escritora Ánxela Rodríguez Rodríguez (Lugo, 1968), coñecida polo pseudónimo de Ánxela Gracián, vén de gañar coa obra As historias da ogra Pinta (presentada baixo o lema “A ogra pinta e as chulas”), o XV premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez na modalidade de Narración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense.
O xurado, que deu a coñecer a súa resolución o 27 de xuño trala reunión mantida no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, sinalou que a obra galardoada “transmite valores sociais moi importantes, como é o de non ter prexuízos iniciais sen ter pleno coñecemento das cousas”. Asemade o xurado explicou que se trata “de pequenas historias de aventuras nas que se desenvolven as vidas de rapaces dunha pequena aldea galega, cun entorno natural fermoso e cheo de feitizos”.
Así mesmo, o xurado dixo que na obra As historias da ogra Pinta “os personaxes que aparecen nela semellan ser malvados, pero ao final sempre teñen bondades”. En canto ás obras presentadas ao premio nesta edición, o xurado destacou a calidade de todos os textos presentados.
Ábrese agora o prazo para o XV Premio Pura e Dora Vázquez na modalidade de Ilustración polo que, os interesados en participar, poderán solicitar a obra premiada de narración a través do correo electrónico publicacions@depourense.es ou a través do teléfono 988 317790, para o cal a Deputación de Ourense abre a súa convocatoria dende hoxe ata o día 3 de setembro de 2018. A esta modalidade poderán concorrer os ilustradores que presenten os seus traballos, inéditos e orixinais que se axusten ás bases do premio e que tomen como base o texto premiado de Ánxela Rodríguez Rodríguez. A dotación do premio nesta modalidade de ilustración tamén é da mesma contía co de narración de 1.500 euros.
O xurado da XV edición do Premio Pura e Dora Vázquez de Narración estivo presidido polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, e integrado como vogais por José Manuel Fernández, Mario González, Carlos Rodríguez e Xosé Manuel Cid, actuando como secretaria a xefa da sección de Publicacións da Deputación, Ana Malingre.”