A Coruña: II Festival Amergin de Poesía Atlántica


“O sábado 1 de xullo a AC Alexandre Bóveda, In Nave Civitas e Xuntas polas Artes, coa colaboración do Instituto Universitario de Estudos Irlandeses Amergin da UDC, organizan a grande FESTA AMERGIN DA POESIA ATLÁNTICA para establecer lazos de unión da literatura galega e a literatura irlandesa.
O poema fundacional da literatura irlandesa, Manifesto, ou canción, de Amergin (Song of Amergin), ten unha estreita relación con Galiza. Segundo a mitoloxía gaélica, Amergin, o seu autor, procedía do clan milesian de Breogan, os chamados Fillos de Mil ou Milesios, ligados a nosa cidade e aos nosos heroes mitolóxicos, como é o Breogán. Os Milesios, segundo a lenda recollida no Lebor Gabala (ou Libro das Invasións), datado no século XII, chegaron a Irlanda procedentes do noso país centos de anos antes da nosa era.
Eu son o vento mareiro
Eu son o golpe de mar
Eu son o océano que brúa
eu son o cervo dos sete combates
Eu son o falcón no cantil
Eu son a pinga que escintila na alborada.
… Así comeza este poema, en versión de Manuel Rivas.
Para a mitoloxía irlandesa, para a poesía irlandesa, é o poema fundacional da súa literatura.
Amergin, personaxe lendario, tamén coñecido como Amhairghin Glúngheal, foi un dos fillos de Míl Espáine, druida, filidh e xuíz dos Milesios, identificados dentro da mitoloxía irlandesa como os primeiros habitantes gaélicos de Éire. Segundo este mito, os Milesios chegaron a Éire desde a nosa cidade, para vingaren a morte de Íth, fillo de Breogán. Este guerreiro fora enviado á illa para explorala e foi asasinado por tres dos Reis dos Tuatha Dé Danann, seres divinos e antigos habitantes de Éire. Ao chegar á terra e pisar por primeira vez a Illa, Amergin entoou un himno, coñecido como A canción de Amergin. Hoxe Amergin dá nome ao Instituto Universitario de Investigación en Estudos Irlandeses, da Universidade da Coruña, e é un símbolo que alude á relación histórica entre Galiza e Irlanda, illa na que se teñen organizado diversos eventos en recordo desta lenda.

Festa final
Ás 21 horas tera lugar o acto final desta festa. Farémola desde as nove da noite do sábado 1 de xullo até o momento da posta do sol na praia do Areal (As Lapas).
A música poñeraa o gaiteiro Xosé Manuel Sánchez Rei e a cantante Belém Tajes.
A poesía comezará coa lectura da Canción de Amergin en galego por Manuel Rivas, e en gaélico por Anthony Quinn, e a continuación a lectura de poemas, con Rodrigo Osorio, Laura Rei Pasandín, Ana Fernández Melón, Antom Laia e Teresa Ramiro.
Non só o música e a poesía construirán a festa, tamén as artes plásticas, Correa Corredoira, Deseño efémero na area; Pilar Silva, coa pintura, Roberto Castro, deseño e pintura. E a fotografía correrá a cargo do Colectivo Ollo de Vidro.
Ás 22.16 horas, celebraremos o solpor con música de gaita para despedir o día.
As outras actividades da II Festa Amergin da Poesía Atlántica
As actividades da II FESTA AMERGIN DA POESIA ATLÁNTICA comezarán o venres dia 30 de xuño, no local da AC Alexandre Bóveda, rúa de Santo André, nº 36, 1º, cos maiores expertos en literatura irlandesa, e continuarán o sábado 1 de xullo na contorna da Torre de Hércules e na praia do Areal.

Día 30 de xuño, venres:
Ás 19:00 – AMERGIN: PONTE DO PATRIMONIO CULTURAL ENTRE A GALIZA E IRLANDA. Palestra con Mónica Vázquez Pozo (O´Reilly), Ph.D. Estudos Literarios.
Ás 20h – Mesa redonda: POESÍA E NATUREZA EN AMERGIN con:
Antonio Sandoval, escritor e naturalista.
Anthony Quinn, periodista e novelista irlandés.
David Clark, director do Instituto Universitario de Estudos Irlandeses Amergin da UDC.
Antonio de Toro, Profesor Emérito da UDC.
Día 1 de xullo, sábado:
19:30 – Roteiro arredor da Torre guiado por Antonio Sandoval, coa participación de Xosé Alfeirán e Ana Santorum. Este roteiro ten prazas limitadas. Cómpre anotarse na web de ACAB.”

Melide: Polafía no Camiño

A Polafía no Camiño é unha actividade da AELG co apoio da Deputación da Coruña e o Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO), e a colaboración de Os Melidaos, Herba Grileira, Laia Zapateiros, Cafetería Estilo e o Museo da Terra de Melide (como chegar).

A Polafía realizarase no Museo Terra de Melide o sábado 20 de novembro a partir das 17:00 horas. Entrada libre até completar capacidade.
Colaboran na organización: Antom Laia, Suso Ascariz, Cristina Vázquez, Xurxo Broz, Os Melidaos, Herba Grileira, Laia Zapateiros e a colaboración de Cafetería Estilo.
A actividade está coordinada por Antonio Reigosa (vogal responsábel da Sección de Literatura de Tradición Oral).

No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento.

Actos expansivos 25 anos con Lois Pereiro