“Pensamento, emoción, Bach e muiñeira vella: isto é Luísa Villalta”

Artigo de Noelia Gómez no Salto Galiza:
“(…) “Cando penso en Luísa Villalta hoxe en día véxoa como unha muller renacentista”, afirma a súa amiga, a escritora e docente Marga do Val (Marga Romero Lorenzo), nunha conversa no andar superior da libraría Couceiro, en Compostela, onde confesa que non lembra con exactitude o instante no que coñeceu á autora homenaxeada no Día das Letras Galegas deste 2024, xa que é como se formara parte da súa vida desde a súa toma de conciencia como galega e como escritora. Ademais, salienta que Villalta adoraba a arte en xeral, e relacionábaa co saber e coa súa maneira de estar no mundo, vinculando tanto poesía con música, fotografía ou teatro.
Para o investigador, profesor e crítico literario Armando Requeixo, responsable da edición de Pensar é escuro, Poesía reunida (1991-2004) (Galaxia, 2023), Luísa Villalta é unha poeta e unha escritora que non se entende sen o curso do mundo musical. “A literatura e a música eran as súas grandes paixóns e desde a primeira hora fundiunas e transfundiunas”. “Isto podemos velo ao longo da súa traxectoria literaria, pero tamén noutras facetas como é a actividade propiamente profesional desde o musical”, explica nunha entrevista no Centro Ramón Piñeiro, en Compostela, do cal, alén de investigador, tamén é secretario. Requeixo incide en que precisamente algúns dos primeiros escritos que Villalta publica na súa vida son textos arredor da relación entre música e poesía, como poden ser A música como arte (La Voz de Galicia, 1982); A língua do son e Música observada, conservada e reservada, ambos de 1987, o primeiro en Luzes de Galiza e o segundo en Grial.
O outro lado da música, a poesía debería estar en todos os institutos e non está, debería ser unha referencia fundamental en todos os traballos de crítica ou ensaio literario e non está”, denuncia o músico, escritor, actor e docente Xurxo Souto no Auditorio do Conservatorio de Música de Compostela, que este ano vén de publicar Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta (Xerais, 2024). O ensaio da poeta coruñesa é, desde a perspectiva de Souto, un punto de inflexión na historia da crítica literaria galega e na historia da música galega, onde reivindica a esencial relación entre música e poesía. “Na primeira parte explícanos como todo está codificado polos gregos e na segunda cóntanos a historia da literatura galega en clave musical”, aclara, concretando que Villalta concibía o son e a poesía como dúas formas retóricas do propio son. “Ela denuncia que coa aparición da imprenta a poesía quedou relegada á escrita poética que se pode ler en silencio, considerando que esa era toda a poesía”, subliña. Por outra banda, Marga do Val indica que nesta obra Luísa dálle a man á tradición cultural e á tradición popular: “É marabilloso a onde chega cando describe o que pode ser unha muiñeira na obra de Rosalía ou de Manuel Antonio, e iso faino moi ben porque ela tamén establecía ese tipo de vinculacións na súa obra”. (…)”

Gisela Mato Rivera gaña o XII Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía

“Fornelos de Montes, 26 de xaneiro de 2024

Na tarde do día arriba amentado tivo lugar no IES Rosalía de Castro de Compostela a xuntanza do xurado que decidiu o XII Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía, constituído por Luís Cochón, en calidade de presidente e mais as vogais Afra Torrado e Noelia Gómez, Mercedes Queixas (que participou da deliberación vía telefónica) e Armando Requeixo, amais de por Carmen Carreiro, que actuou como secretaria con voz e sen voto.
Logo da pertinente deliberación, o xurado decidiu outorgar por unanimidade o premio ao poemario presentado baixo o título Habitar as fendas, texto que se impuxo aos outros corenta e catro traballos presentados e que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Gisela Mato Rivera.
O xurado resaltou o bo nivel dos orixinais recibidos, así como a súa diversidade tanto estilística coma temática. O certame, que chega agora á súa décima segunda convocatoria, consolida así a súa andaina coa colaboración tanto do Concello de Fornelos de Montes, lugar natal do escritor que dá nome ao premio, coma de Edicións Xerais de Galicia, responsable da publicación do volume gañador.
O xurado salientou en Habitar as fendas a capacidade para interpelar a quen le abismándoo no océano da violencia, tanto física como xenérica, que remove e incomoda, pero que se supera pola forza resiliente do amor. Nestes versos a vida habita nas fendas e sobrevive a toda mancadura. A luz esperanzada ábrese paso nos intersticios, brilla por riba da ira, das feridas e lañas que os desencontros afectivos sementan.
De por parte, nesta poética o elemento paraescénico e teatral contribúe á orquestración do conxunto, no que o diálogo se tece dende o individual ao colectivo, dando voz ás desposuídas, ás que ficaron nas marxes e, “monstras tristes”, loitan por seguir o seu camiñar, rexurdir das cinzas e superar todas os abandonos e orfandades.
Escrito cun admirable teselado de poemas en prosa, Habitar as fendas deita unha musicalidade que arboriza e sostén cada verso enlevándoo e conseguindo que todo poemario funcione como un mecano harmónico onde resoan as voces de moitos dos grandes da tradición lírica da nosa contorna, dende Éluard a Trakl pasando por Celan e outros moitos que, Habitando nas fendas, recrearon capitais da dor.

A organización do Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía.”

Alberto Mancebo gaña a XXX edición do Premio de novela curta Manuel Lueiro Rey

Desde o Concello do Grove:
“O Premio de novela curta Manuel Lueiro Rey é un premio literario convocado polo Concello do Grove dende 1992, que conta coa colaboración do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, co obxectivo da convocatoria é honrar a vida e obra do escritor e xornalista e, asemade, coadxuvar na promoción da escrita en galego e na divulgación dos seus autores. O premio está dotado con 3.000 euros e a publicación da obra gañadora por Edicións Xerais de Galicia.
O xurado do premio composto por Armando Requeixo, Ánxela Gracián, Carmen Ferreira Boo, Héctor Cajaraville Araujo e Álex Alonso (gañador da anterior edición) reuniuse na tarde do 15 de decembro para ditaminar esta XXX edición do Premio.
Despois de deliberar o Xurado, por maioría, acordou declarar como gañadora da presente edición a novela presentada baixo o título a concurso Indolente co lema “Marco Bano”.
Acto seguido procedeuse a apertura da plica da novela premiada. O autor da obra gañadora resultou ser “Alberto Mancebo Soto”.
O xurado destacou en Indolente a capacidade para defrontarnos cos riscos dun mundo futuro de ameazas climáticas que abisman a Humanidade a unha situación límite que fai aflorar os instintos máis primarios.
Novela de narración poderosa, de desacougante escenario agónico, a súa trama crea unha hipnótica atmosfera rebordante de violencia na que os personaxes teñen que decidir inclinarse pola supervivencia solidaria ou pola loita individualista, atrapados nunha témera tormenta solar.
Inquedante, insólita e apelativa, esta historia convida a repensar o fondo da alma humana, coas súas faíscas luminosas, mais tamén coas súas miserias insondables.”