Obras gañadoras do XXXI Certame de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro de Cornellà

“O sábado 18 de novembro, celebrouse o acto de concesión dos premios do Certame de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro, organizado pola Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà (Barcelona) que este ano acada a súa XXXI edición, e no que xe lle concedeu o primeiro premio a Amauta Castro polo seu poema “Da pel sae o escuro”.
O acto de concesión dos premios foi precedido da presentación, na sala de actos de Asociación do libro Corpo de Antiochia, de Tamara Andrés Padín, editado por Galaxia, unha recolleita de poemas cos que autora gañou diversos premios.
Asemade tamén se presentou a serie cinematográfica “La ultima piedra” unha webserie creada pola escritora Tamara Andrés e a súa parella Adrián González, e consta de seis capítulos de historias de xénero.
Pola noite e no transcurso dunha cea celebrada no restaurante da Asociación Galega de Cornellà, e presidade por Oliver Fernández, á que asistiron numerosos socios e amigos, así como diversas autoridades do mundo da cultura e a sociedade de Cataluña e Galicia, ademais de representantes da Corporación Municipal de Cornellà e delegacións doutras entidades galegas de Cataluña, o presidente do xurado do certame, composto por: Presidenta: María Xesús Lama López; Vicepresidenta: Tamara Andrés Padín; Vogais: Xulio Simón, Xosé Lamela, Xosé Carlos García; e como secretario o profesor Xulio Cougil Vázquez, deu a coñecer aos gañadores deste ano 2017 na 31 edición do Certame de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro, que foron os seguintes:
– Primeiro premio: Amauta Castro, de Girona, polo seu poema titulado “ Da pel sae o escuro”.
– Segundo premio: Juan Lorenzo Collado López, de Albacete, polo poema “Nas pestanas da rúa”.
– Terceiro premio: Arsenio Iglesias Pazos, de Bilbao, polo seu traballo “Principio ou final do poema”.

Cornellà, 18 de novembro de 2017″

Arsenio Iglesias Pazos: “Non son un intelectual. Só podo falar da maneira na que a realidade se me presenta”

Entrevista de Montse Dopico a Arsenio Iglesias Pazos en Magazine Cultural Galego:
“Arsenio Iglesias Pazos gañou o Premio de Poesía Avelina Valladares no ano 2006 con ático. Mais as cousas fóronse torcendo e o libro parecía condenado a non ser publicado. Ata que chegou Paco Macías. Unha vez máis. Para facer o que outros non puideran ou non quixeran. ático é un poemario de pequenas historias. De encontros e desencontros. De despedidas. De mudanzas. De pingas da vida cotiá. Próximas e reais. Falamos por teléfono co seu autor, que vive desde hai uns anos en Euskadi. (…)
– Montse Dopico (MD): Hai unha historia, no poemario, dun novo inquilino que chega ao piso de Andrea…
– Arsenio Iglesias Pazos (AIP): Non sei se se percibe moi ben, mais hai dúas liñas diferentes. Unha é a da historia de Andrea. E outra, que non ten que ver con esta, é a da despedida, a consciencia de ter que marchar…
– MD: Escribiches os poemas nun obradoiro literario con Eduardo Estévez.
– AIP: Si, e se non me chego a apuntar a aquel obradoiro en Fene, nunca chegaría a escribir un libro de poesía. De feito, antes de ir a ese obradoiro nunca lera un libro enteiro de poesía. Eu fora coa idea de escribir prosa. Pero Eduardo é poeta e foi meténdonos o gusto pola poesía. Foi el tamén quen me insistiu para enviar o libro a editoriais. Se non fose por el, non se tería publicado. (…)”

Maniños, Fene: presentación de Ático, de Arsenio Iglesias Pazos e espectáculo Poetas da Hostia

O sábado 5 de abril, ás 20:00 horas, na ACRD O Pote de Maniños (Estrada da Palma, 217, O Pombal, Maniños, Fene), terá lugar a presentación do libro Ático, de Arsenio Iglesias Pazos, publicado en Positivas. Con motivo do mesmo, haberá unha nova edición do espectáculo Poetas da Hostia, co participación, xunto ao autor, de María Lado, Lucía Aldao, Eduardo Estévez, Mario Regueira e Paula Carballeira.

Bilbao: presentación da tradución de Outono aquí, de Mario Regueira

O luns 24 de marzo, ás 20:00 horas, na ANTI-Liburudenda (Dos de Mayo, 2) de Bilbao, Mario Regueira presenta Las hojas muertas, a tradución publicada por Pulp Books de Outono aquí. No acto, o autor estará acompañado por Íñigo Astiz e Arsenio Iglesias Pazos.

Entrevistas e reportaxes destacadas do Diario Cultural da Radio Galega, do 29 de outubro ao 1 de novembro

Deixamos aquí as ligazóns ás máis destacadas entrevistas e reportaxes da semana do 29 de outubro ao 1 de novembro no Diario Cultural da Radio Galega relacionadas coa literatura. Agradecemos a Ana Romaní a información:

– O poemario Ático de Arsenio Iglesias Pazos no comentario semanal de libros de Chus Nogueira.
– Toxosoutos publica o primeiro poemario de Ricardo de Barreiro.
– Humor e sátira social na Galicia postapocalíptica de Galiza mutante. Poder nuclear!, a novela de Tomás González Ahola publicada por Urco e Contos Estraños.
De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI: Carmen Blanco.

Vila Nova de Cerveira: recital de poesía galega e música

Vídeo do recital poético dentro do V Encontro de escritores/as novos/as ante vellas preocupacións

Vídeo co recital poético, coa participación de Arsenio Iglesias Pazos, Dores Tembrás, Gonzalo Hermo, Susana Sánchez Arins e David Rodríguez, que tivo lugar no V Encontro de escritores/as novos/as ante vellas preocupacións, celebrado na Coruña o 6 de novembro do 2010:

A Coruña: presentación de Lois Pereiro. Unha persecución e recital poético e musical

O xoves 23 de xuño, a partir das 22:00 horas, no Bar Patachim (Beiramar, 16) da Coruña, terá lugar a presentación do libro Lois Pereiro. Unha persecución, de Mario Regueira, publicado en 2.0 Editora. Tamén participarán as integrantes máis guapas das Ataque Escampe, David Pobra cunha performance loisista, Arsenio Iglesias Pazos e Haizea Barzenilla cun recital de poemas de Lois traducidos ao euskera, Fayez Khalaf recitando Contra a morte en árabe, e Andrea Nunes Brións, quen iniciará o recital aberto á participación espontánea do público.

A Coruña: recital poético no V Encontro de Escritores/as Novos/as ante vellas preguntas

Como colofón do V Encontro de Escritores/as novos/as ante vellas preocupacións, organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, co patrocinio do Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO), a Deputación Provincial da Coruña e a Concellaría de Cultura da Coruña, o sábado 6 ás 19:00 h. terá lugar un recital poético onde intervirán Arsenio Iglesias Pazos, Dores Tembrás, Gonzalo Hermo, Susana Sánchez Arins e David Rodríguez.