Emma Pedreira: “Como escritora estou interesada nos grandes temas universais, pero non me representa como están contados polos homes”

Entrevista de Montse Dopico a Emma Pedreira en Praza:
“(…) – Praza (P): As fauces feroces conta a historia de varias mulleres, entre elas a monxa Benedetta Carlini (cuxa vida ficcionaliza, porque si existiu). Por que Benedetta e a súa compañeira? Como xorden tamén as personaxes da filla e a nai escritora?
– Emma Pedreira (EP): A figura da monxa, en todas as súas dimensións, sempre está moi presente na miña narrativa. Supoño que teño algo pendente coa mística ou unha fixación traumática coa relixión e o seu machismo; o caso é que teño escrito moito sobre elas e lido moito tamén. Así, a través da lectura é como chego á vida de Benedetta Carlini, que figura nas moi poucas informacións que puiden atopar como “a monxa lesbiana”. Invisibilizar todo o que tivo de visionaria, mística, asceta e muller poderosa (foi abadesa dunha das principais congregacións relixiosas italianas) tras da súa afectividade pareceume terrible, amais de morboso.
Descubrir o proceso que tapou a súa mística e as súas terribles visións e voces interiores a través da demonización da súa conduta afectivosexual resultoume digno de ser contado, xa que ben pouco sabemos dela e da súa compañeira Bartolomea Crivelli, porque todo o tapona a súa relación lésbica. Mentres elas conversaban xa na miña cabeza e me documentaba sobre o proceso destas monxas a idea de escribir sobre unha nai e unha filla tamén se estaba desenvolvendo como posibilidade dunha novela. Os dous procesos estaban indo ao mesmo tempo e por iso conflúen nun mesmo texto que, en apariencia, non teñen moitos puntos en común (alguén considera esta novela dúas novelas). (…)
– P: Os corpos invisibles é tamén unha ficción construída a partir de personaxes reais, que son escritoras británicas. Máis en concreto, a partir da novela máis coñecida dunha delas. E toda a novela reivindica o dereito das mulleres a non seres negadas: como escritoras, como científicas… Por que quixeches contar unha historia de escritoras británicas naquel tempo?
– EP: O libro xurdiu como unha encarga de ficción. Alguén me pediu unha historia de terror e ao principio o relato estaba composto só polas cartas, así que se trataba unicamente dunha relación epistolar entre unha desoñecida chalada e Mary (deixámolo así para non espoilear demasiado). Logo a novela foi medrando pero o período xa estaba decidido así que só foi ir construíndo arredor dese núcleo temático. O cronotopos xa estaba dado, a Inglaterra da revolución industrial.
– P: O tempo é o do Londres da revolución industrial e, de fondo, ademais da desigualdade de xénero, está a brutal desigualdade de clase, e a esperanza de acabar con ambas, ou polo menos avanzar, desde o apoio entre mulleres. É unha constante na túa obra e non creo que sexa casualidade… Por que está tan presente?
– EP: Está presente porque non está presente –ou case- no resto da literatura. Como escritora estou interesada nos grandes temas universais como o amor, a morte, o paso do tempo e toda esa merda, pero non me representa como están contados polos homes, con estatismo, son supremacía, cunha ética que non nos conta ás mulleres ou nos deixa nun plano subsidiario, así que aí entra a voz das narradoras pola necesidade de volver contar a historia desde a nosa perspectiva e experiencia e, desde logo, o avance das mulleres está sementado sobre ese tecido en forma de rede que implica a alianza entre nós, a sororidade, a complementación. Nesta novela é máis explícita porque os movementos sindicais e sufraxistas tiveron que tecerse pechando aínda moito máis a urdime para que non houbese físgoas polas que perder folgos. (…)
– P: Os corpos invisibles ten tamén certa conexión con As voces ágrafas: precariedade e abuso laboral unido ao machismo. E, como en As voces ágrafas, os personaxes masculinos tenden a responder a estereotipos masculinos (quizais Percy non tanto, sen deixar de ser un home do seu tempo). Por que?
– EP: Igual que non me interesan as cousas, situacións e personaxes convencionais e estándar, tampouco me interesan as personaxes masculinas tipo se non é para confrontalas cos femininos e que xurdan a comparativa e o pensamento crítico. Nas voces ágrafas hai poucos homes, igual que hai poucos homes nun supermercado facendo labores subalternas, polo normal están emprazados nos lugares de poder (vixilancia, contabilidade, recepción) e as mulleres realizan as labores que sempre se lles atribuíron ás mulleres como resultado dese prexuízo do século anterior –se cadra aínda máis do anterior- de que as mulleres teñen menos formación académica que os homes.
Os corpos invisibles os poucos homes que aparecen representan por unha banda o patriarcado e por outra as novas masculinidades. O doutor Percy está escollido para representar os coidados e o poder represéntao Prometea, que verque sobre el a autoridade, o coñecemento e a guía igual que nunha obra das mesmas características e da mesma época faría á inversa. Non me preocupa en absoluto dar conta de personaxes masculinos ao uso, están aí e só temos que ler calquera outra ficción, a min interésanme as mulleres e, aínda máis, as persoas diversas e diferentes, dispostas a mudar o canon. E isto non só na ficción. (…)”

Emma Pedreira: “Fiz Vergara debería ser tido en conta nas Letras Galegas”

Entrevista a Emma Pedreira en El Progreso:
“(…) – El Progreso (P): Como é repetir a experiencia de gañar o premio Fiz Vergara Vilariño 13 anos despois?
– Emma Pedreira (EP): De momento ben. Xa só o tema de telo gañado e volver pasar toda esa criba entre 70 obras é un orgullo. Despois, todo o cerimonial e volver a estar entre a xente da Agrupación Cultural Ergueitos vai ser unha cousa fantástica porque xa o coñezo e estou desexando volver a pasalo. (…)
– P: Con que xénero goza máis á hora de escribir?
– EP: Son escritora. Sempre se me relacionou máis ca poesía, pero eu empecei escribindo narrativa. Gústame experimentar coa hibridación entre poesía e narrativa. Se me teño que describir, digo escritora e punto porque tanto me da unha cousa ou a outra.
– P: Despois de tantos anos escribindo, como cre que evolucionou a súa literatura?
– EP: Non sabería dicir. Creo que levo 20 anos publicando, pero toda a vida escribindo. A miña literatura foi evolucionando conforme fun medrando, lendo, coñecendo a persoas, deixándome influenciar por esas persoas, coñecendo mestras e mestres… Penso que todo é un proceso vital, e aínda me queda moito por vivir e moito por evolucionar. A vida é constante aprendizaxe, e hai que mirar con humildade o que veña.
– P: No caso do Fiz Vergara, gaña coa obra Voces ágrafas. A que fai referencia ese título?
– EP: As voces ágrafas implican que non teñen unha escrita, que ninguén se ocupou de darlles un espazo literario. As miñas protagonistas pertencen a un ámbito moi próximo, non vou dicir cal é porque forma parte da sorpresa do libro, pero é moi próximo a todos nós. Podémonos ver dentro do libro e penso que esas persoas non teñen unha equivalencia literaria porque ao mellor son tan do día ao día que por iso seguen ágrafas. (…)”

Emma Pedreira gaña por segunda vez o premio de poesía Fiz Vergara Vilariño

Desde El Progreso:
“Trece anos logo de gañar por primeira vez o premio de poesía Fiz Vergara Vilariño, a autora coruñesa Emma Pedreira repite a fazaña. A súa obra As voces ágrafas proclamouse este venres vencedora da décimo oitava edición deste galardón, ao obter o voto unánime do xurado entre os 70 traballos presentados.
O premio, convocado polo Concello de Sarria e a Agrupación Cultural Ergueitos, está dotado con 6.000 euros e a publicación do poemario en Espiral Maior. A gañadora recibirá tamén unha obra dun artista plástico.
O fallo deuse a coñecer este venres nun acto na casa da cultura de Sarria, no que participaron os membros do xurado Cesáreo Sánchez Iglesias e Eli Ríos, actuando como presidenta a concelleira de cultura, Mónica López, e como secretaria a responsable de Ergueitos, María Casar, estas dúas últimas con voz pero sen voto. Ademais, formou parte do xurado desta edición Lucía Novas.
Emma Pedreira, quen tamén obtivo este recoñecemento no ano 2005 con Casa de orfas, convértese na primeira persoa con dobrete no Fiz Vergara. Este galardón, en homenaxe ao poeta samonense do mesmo nome, vén completar un ano cheo de éxitos para a autora, distinguida de igual modo co Xerais 2018 e o Premio da Crítica no apartado de lingua galega.
O xurado destacou de As voces ágrafas a construción dun mundo poético “dentro dun cosmos non que se desenvolve a épica dá resistencia dunha muller non seu vivir diario”. Trátase, segundo indicou, de fragmentos “do cotián convertidos en versos de fulgor poético non que as mulleres invisibles dan forma á súa propia voz”.
“É un libro fermoso e que emociona especialmente”, aseguraron tras a apertura da plica. De inmediato, os membros do xurado contactaron coa escritora para comunicarlle o fallo e darlle o parabén por ser “dobremente “fizvergariana””.
A noticia sorprendeu a Emma Pedreira de viaxe no estranxeiro, desde onde mostrou a súa satisfacción pola consecución deste prestixioso premio, que recollerá en Sarria nos próximos meses.”