O XXX Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo aumenta a contía dos premios que entregará o próximo 14 de Maio

Reunido o xurado o pasado 18 de abril por vía telemática, a organización do Certame Manuel Murguía anuncia os finalistas e céntrase na cerimonia de entrega de premios que se celebrará o próximo 14 de maio, venres, ás 20:00 no Centro Cívico e Cultural de Arteixo.
Reunido o xurado, composto por Álex Mene Pazos (terceiro gañador da 29ª edición), Beatriz Maceda Abeleira (escritora representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), Inma Otero Varela (crítica representante da Asociación Galega da Crítica) e Alfredo Ferreiro Salgueiro (director literario do Certame, que asistiu como secretario, con voz e sen voto), decidiu por unanimidade conceder os tres premios ás seguintes obras finalistas (neste caso por orde alfabética de título):
A caverna de Lara, presentado baixo o lema “Moura do Bosque”
As orfas daquel verán, presentado baixo o lema “Maggie Moon”
Xanelas, presentado baixo o lema “Rosalía Pousada”
De todos os relatos recibidos, 70 foron admitidos a concurso por cumpriren as bases. Os premios, que se coñecerán durante a cerimonia, contan coa seguinte dotación: 4.000 € para o primeiro, 2000 € para o segundo e 1000 € para o terceiro. Aumentan, por tanto, o segundo premio en 500 € e o terceiro en 400 €.
A organización agradece de novo as colaboracións da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da Asociación Galega da Crítica para a constitución do xurado, o que non deixa de consolidar o rigor do Certame no contexto sistema literario galego.
O acto de entrega contará coa actuación musical de Xurxo Souto, quen ademais conducirá o acto. O evento incluirá tamén unha lembranza da figura de Xela Arias, escritora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.
Previamente inaugurase o Paseo das Letras, unha homenaxe a todos/as as persoas gañadoras destes 30 anos de galardón mediante a súa propia placa conmemorativa; tamén será plantada unha árbore, como vén sendo habitual en cada aniversario. Por outra parte, aquelas que acudan ao evento poderán desfrutar dunha escultura de Dores Polo e Benito Freire situada perante a fachada do Centro Cívico Cultural de Arteixo, que foi instalada o pasado 13 de novembro de 2020 co gallo do 30 aniversario do Certame de narracións breves Manuel Murguía.

Compostela: Diálogo con Pilar Pallarés e Antón Lopo, Premios da Crítica 2018

O 28 de maio, ás 20:00 horas, na Rúa do Vilar, 19, terá lugar o acto de entrega dos Premios da Crítica 2018, en lingua galega, na modalidade de narrativa e poesía, organizado pola Asociación Galega da Crítica (AGC) coa colaboración do Ateneo de Santiago.
Estes premios concédeos a Asociación Española de Críticos Literarios dende 1956 e outórganse aos mellores libros de narrativa e poesía publicados no ano anterior, tanto en castelán como en galego, euskera e catalán. A decisión do xurado dos Premios da Crítica deuse a coñecer en Vilafranca do Bierzo o pasado día 6 de abril. A proposta da Asociación Galega da Crítica, este ano o fallo recaeu no poemario Tempo fósil de Pilar Pallarés e na novela Extraordinario de Antón Lopo.
O acto consistirá no seguinte:
– Intervención de apertura do acto por Salvador García-Bodaño, Presidente do Ateneo de Santiago, e Mario Regueira, Presidente da Asociación Galega da Crítica.
-Presentación da obra Tempo fósil por Carme Fernández-Pérez Sanjulián.
-Intervención de Pilar Pallarés.
-Presentación da obra Extraordinario por Ana Romaní.
-Intervención de Antón Lopo.
-Entrega dos premios.
-Intervención de clausura do acto.

Pilar Pallarés e Antón Lopo, Premios da Crítica 2018

Desde Sermos Galiza:
“O quinto libro de poemas de Pilar Pallarés e a primeira novela de Antón Lopo en oito anos son os Premios da Crítica Española 2018 en lingua galega. Tempo Fósil (Chan da Pólvora, 2018) e Extraordinario (Galaxia, 2018) titúlanse as obras distinguidas pola Asociación Española de Críticos Literarios a proposta da Asociación Galega da Crítica.
Con Tempo fósil, Pallarés (Culleredo, 1957), unha das poetas máis influentes de entre as promocións da década dos 80, adentrábase na memoria familiar e abrogaba as derregas entre o íntimo e o colectivo. A destrución da casa e a compaixón por todos os seres vivos, as cicatrices do eu e a rabia de raíz política comparecen nun volume que, para o xurado, amosa “unha escrita medida e esixente”.
“[Tempo fósil] vólvese unha arquitectura de ecos, que incorpora elementos recorrentes na súa obra como humus, ósos, crisálidas ou felinos”, sinala o fallo, “e suma outras marcas do tempo e do desposuimento”. Poética da ruína pero non da resignación, o libro clausurou un silencio editorial de sete anos.
Na traxectoria narrativa de Antón Lopo (Monforte de Lemos, 1961), tamén poeta e biógrafo, Extraordinario sucede a Obediencia (Galaxia, 2010). Se esta era unha distopía, a obra premiada pola crítica -antes foino no Premio Repsol de Narrativa Breve– é unha brutal disección das relacións familiares, o retrato da conquista da liberdade individual.
“De grande riqueza temática, a novela soborda con moito os coidados e o complexo urdido das relacións interpersoais”, considerou o xurado, “para internarse na conformación mesma da identidade”. Un humor escuro e implacábel atravesa as páxinas dun relato destemido, acedo e e emotivo.
Os Premios da Crítica Española 2018 déronse a coñecer este sábado, 6 de abril, en Vilafranca do Bierzo. A iniciativa naceu en 1956, pero as modalidades en galego, catalán e euskera activáronse vinte anos despois. As propostas galegas decidíranse o pasado 21 de marzo nunha xuntanza da Asociación Galega da Crítica na Facultade de Filoloxía da Universidade de Compostela.”

Charo Pita gaña o Certame de Narracións Breves Manuel Murguía con Bochorno

O pasado 11 de maio, celebrouse a cerimonia de entrega de premios ás 20:00 hs no Centro Cívico e Cultural de Arteixo.
O xurado, composto por Begoña Paz (escritora representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), Mario Regueira (crítico representante da Asociación Galega da Crítica), Teresa Moure (gañadora da 26ª edición) e Alfredo Ferreiro (coordinador literario, que asistiu como secretario, con voz e sen voto), decidiu por maioría conceder os tres premios ás seguintes obras:
– Terceiro premio, consistente en 300 euros e a publicación da obra, ao relato Unha praia na Polinesia, de Mercedes Leobalde García.
– Segundo premio, consistente en 500 euros e a publicación da obra, ao relato A porta do Reconhecimento, de Tiago Alves Costa.
– Primeiro premio, consistente en 4000 euros e a publicación da obra, ao relato Bochorno, de Charo Pita.
De todos os relatos recibidos, 63 foran admitidos a concurso por cumpriren estritamente as bases.
A coordinación agradeceu un ano máis a presenza no xurado dun membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, así como outro da Asociación Galega da Crítica, feito que contribúe a alicerzar o rigor do Certame no contexto sistema literario galego.
O acto de entrega ofreceu ademais outros alicientes para todos os asistentes: a actuación musical de Aida Saco, compositora que interpretou pezas do seu disco Atmosferas; ao mesmo tempo, o humorista gráfico Luís Davila deleitou as asistentes cos seus deseños en directo. Rematado o acto, ofreceuse un viño de honra como fin de festa.
O evento, presentado polo coordinador literario, Alfredo Ferreiro, incluíu ademais unha lembranza da figura de María Victoria Moreno, escritora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.

Arteixo: entrega de premios do Certame literario Manuel Murguía

Desde O levantador de minas:
“Reunido o xurado, a organización do Certame anuncia os finalistas e céntrase na cerimonia de entrega de premios que se celebrará o próximo 11 de maio, venres, ás 20:00 no Centro Cívico e Cultural de Arteixo.
Reunido o xurado, composto por Begoña Paz (escritora representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), Mario Regueira (crítico representante da Asociación Galega da Crítica), Teresa Moure (gañadora da 26ª edición) e Alfredo Ferreiro (coordinador literario, que asistiu como secretario, con voz e sen voto), decidiu por maioría conceder os tres premios ás seguintes obras finalistas (agora por orde alfabética de autora):
Bochorno, de Charo Pita.
Unha praia na Polinesia, de Mercedes Leobalde García.
A Porta do Reconhecimento, de Tiago Alves Costa.
De todos os relatos recibidos, 63 foron admitidos a concurso por cumpriren estritamente as bases. Os premios, que se coñecerán durante a cerimonia, contan coa seguinte dotación: 4.000 € para o primeiro, 500 € para o segundo e 300 € para o terceiro.
A coordinación agradece un ano máis a presenza no xurado dun membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, así como outro da Asociación Galega da Crítica, feito que contribúe a alicerzar o rigor do Certame no contexto sistema literario galego.
O acto de entrega ofrecerá ademais outros alicientes para todos os asistentes: a actuación musical de Aida Saco, compositora que interpretará a piano pezas do seu disco Atmosferas; ao mesmo tempo, o humorista gráfico Luís Davila nos deleitará cos seus deseños proxectados en directo. Rematado o acto, ofrecerase un viño de honra como fin de festa.
O evento incluirá unha lembranza da figura de María Victoria Moreno, escritora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.”

Bibliópatas e fobólogos, de Emma Pedreira, e Camuflaxe, de Lupe Gómez, Premios da Crítica Española 2017 en Lingua Galega

O 21 de abril déronse a coñecer en Murcia os títulos que se fixeron co Premio da Crítica 2017 que concede a Asociación Española de Críticos Literarios (AECL). Os textos gañadores para a literatura galega foron Camuflaxe de Lupe Gómez (Chan da Pólvora) e Bibliópatas e fobólogos de Emma Pedreira (Galaxia), propostos pola Asociación Galega da Crítica. A resolución das diferentes fases de votacións tivo lugar no seo dunha reunión da AGC o día 6 de abril na Facultade de Filoloxía da USC.”

Pontevedra: Eco-críticAs: Palabras e imaxes